elalmadelatoga

Queixas

SERVIZO DE ATENCIÓN AOS COLEXIADOS E AOS USUARIOS

 

O Consello da Avogacía Galega, a través da Secretaría técnica, ten a disposición dos avogados e dos  cidadáns o SERVIZO DE ATENCIÓN AOS COLEXIADOS E AOS  USUARIOS

De conformidade coa Lei 25/2009, de 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, así como a actual redacción da Lei estatal de Colexios Profesionais,  de 15 de febreiro de 1974, os Colexios Profesionais deben contar cun Servizo de Atención aos Colexiados e aos Consumidores ou Usuarios

O Servizo préstase pola secretaría técnica do Consello da Avogacía Galega e complementa aos servizos homónimos ou equivalentes que existan nos colexios de avogados, respectando cadansúa competencia.

O cidadán e o letrado haberanse dirixir, en primeiro lugar, ao Colexio de Avogados de que se trate, polo que a actuación do Consello se considera sempre de carácter subsidiario ou supletorio.

Non obstante, o usuario poderá dirixir a este órgano a súa dúbida, queixa ou reclamación, encargándose este Consello de remitilo ao Colexio competente, ou de darlle o trámite  que corresponda, intentando evitar a peregrinaxe administrativa, sendo posible.

 

1º.- NORMATIVA DE APLICACIÓN:

A) Sobre o Servizo de Atención aos Colexiados e aos Consumidores ou Usuarios: 

– Lei de Colexios Profesionais de 15/2/1974 (lexislación básica):

Artigo 12 .Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios.
1. Os Colexios Profesionais deberán atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.
2. Así mesmo, os Colexios Profesionais disporán dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados se presenten por calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.
3. Os Colexios Profesionais, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverán sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme a dereito.
4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

– Lei 11/2001, de 18 de setembro, de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10 quater. Servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados.
1. Os colexios profesionais disporán dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas referidas á actividade colexial ou dos colexiados sexan presentadas por calquera usuario ou profesional colexiado, así como por organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos.
2. O servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento sancionador, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, no seu caso, corresponda.
3. A regulación deste servizo deberá contemplar a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática

 

B) Principal normativa xeral de aplicación en materia disciplinaria:

Estatuto Xeral da Avogacía, aprobado por R.D. 658/2001, de 22 de xuño (EGAE).
Regulamento de Procedemento Disciplinario, de 27 de febreiro de 2009 (RPD).
Código Deontolóxico de 27 de novembro do ano 2002 (CD).
Lei 30/92, de 26 novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común (LRJAP e PAC).
C) Normativa estatal específica en materia disciplinaria para asuntos de asistencia xurídica gratuíta de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia:

Arts. 42 a 43 da Lei 1/96, de 10 de xaneiro. O citado *art. 42 remite ás normas disciplinarias establecidas con carácter xeral.

 

D) Normativa autonómica específica en materia disciplinaria para asuntos de asistencia xurídica gratuíta:

Arts. 36 do Regulamento de Xustiza Gratuíta de Galicia, aprobado polo Decreto 269/2008, de 6 de novembro.

 

E) Outras normas:

– Texto refundido da Lei Xeral de Defensa dos Consumidores e Usuarios e outras leis complementarias, aprobado por R.D. Lexislativo. 1/2007 de 16 de novembro e o seu desenvolvemento regulamentario.

 

2º.- QUEIXAS OU RECLAMACIÓNS CONTRA AVOGADOS:

Queixas contra avogados:

Tramitación:

O Consello acusará recibo da queixa e a remitirá ao Colexio de Avogados que sexa competente por razón do territorio. No caso de que o avogado denunciado sexa membro dunha Xunta de Goberno dun Colexio de Avogados de Galicia, será o propio Consello quen tramite o expediente.

No primeiro caso, o Consello notificará ao interesado a remisión da queixa, indicándolle os datos do colexio ao que se poderá dirixir para seguir a tramitación do procedemento

No segundo caso, o Consello incoará un dos procedementos de tipo disciplinario regulados no Regulamento de Procedemento Disciplinario da avogacía española  (artigos 7 e 8)

 

3º.- QUEIXAS OU RECLAMACIÓNS DOS CONSUMIDORES E USUARIOS

 

Ademáis das queixas contra os profesionais, tanto estes coma os propios cidadáns poden formular queixas ou reclamacións referentes á actividade colexial.

Os avogados e os cidadáns tamén poden presentar unha queixa o reclamación contra un colexio de avogados ou contra o Consello da Avogacía Galega.

No primeiro caso, o escrito será remitido ao colexio de que se trate, para a súa tramitación.

 

4º.- ESCRITOS, QUEIXAS E RECLAMACIÓNS:

Descargue aquí o Modelo de queixa contra un avogado (Documento Word)

 

Lugar:

A presentación de escritos, queixas e reclamacións irá dirixida polo interesado, ou por quen acredite a súa representación, ao Consello da Avogacía Galega, sito en rúa Federico Tapia 11-1º-A, 15005-A Coruña. Teléfono 981120884.

A presentación física poderá realizarse na dita sede, nunha oficiña de correos, ou en calquera rexistro administrativo.

Presentación por vía telemática:

Tamén poderán presentarse por vía telemática e a distancia ao seguinte correo electrónico (consello@avogacia.org). A presentación por correo electrónica requirirá a firma electrónica do mesmo; aínda que a admisión da documentación dixitalizada que se acompañe, poderá condicionarse ao cotexo co orixinal.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información.