Convenio de colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e o Consello da Avogacía Galega

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A AXENCIA TRIBUTARIA DE GALICIA E O CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA PARA A APLICACIÓN DAS NOVAS TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN NOS PROCEDEMENTOS DE XESTIÓN TRIBUTARIA

En Santiago de Compostela, a 18 de xuño de 2020       

REUNIDOS

Dunha parte o Sr. D. Valeriano Martínez García, Presidente da Axencia Tributaria de Galicia, actuando en nome e representación da Comunidade Autónoma, en virtude das facultades que lle atribúe o artigo 14 do Decreto 202/2012, do 18 de outubro polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia.

Doutra parte, Sr.D. Ramón Jáudenes López de Castro, presidente do Consello da Avogacía Galega, actuando no seu nome e representación, de acordo co artigo 10, en relación co artigo 2º.2.1, dos estatutos do Consello da Avogacía Galega, aprobados polo Decreto 130/1993, do 3 de xuño.

EXPOÑEN

I.-1.- Que de conformidade co disposto na Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, corresponde á Comunidade Autónoma, a xestión, liquidación, recadación e inspección, entre outros, dos seguintes tributos:

a) Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

b) Imposto sobre sucesións e doazóns.

c) Imposto especial sobre determinados medios de transporte a partir do momento en que a Comunidade Autónoma de Galicia solicite o traspaso dos servizos a eles adscritos.

d) A taxa fiscal sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias e a taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar.

I.-2.- Que, en virtude das leis 12/1995, do 29 de decembro, do Imposto sobre a contaminación atmosférica, 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga  embalsada, 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e créanse o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas e 1/2019, de 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, corresponde aos órganos ou unidades administrativas competentes da Administración tributaria da consellería competente en materia de facenda o exercicio das funcións de aplicación e de revisión dos seguintes tributos:

a) o imposto sobre contaminación atmosférica,

b) o imposto sobre o dano medio ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos de auga embalsada,

c) o canon eólico,

d) o imposto compensatorio ambiental mineiro e

e) o canon sobre os inmobles declarados en estado de abandono.

I.-3.- Por outra banda, entre os recursos propios desta Comunidade Autónoma figuran os provenientes das taxas e prezos, tanto públicos como privados, que se recaden.

II.– A Comunidade Autónoma exerce estas competencias por medio da Axencia Tributaria de Galicia e devandita Axencia (en diante  ATRIGA) considera oportuno, no marco que permite a aplicación das novas tecnoloxías aos seus sistemas informáticos de xestión, promover a simplificación procedimental no cumprimento das obrigacións formais e materiais para a presentación e pago das autoliquidacións correspondentes aos impostos anteriormente citados, facilitar a información e asistencia necesarias para tal fin e garantir, no curso dos seus procedementos tributarios o exercicio dos dereitos que corresponden aos interesados, para que, conforme aos principios establecidos na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, o exercicio das súas competencias eviten molestias innecesarias aos obrigados tributarios.

III. –O Consello da Avogacía Galega é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade, integrada polos sete colexios da avogacía da Comunidade Autónoma de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol e Vigo). Réxese polo seu propio Estatuto, aprobado por RD 30/1993, do 3 de xuño da Xunta de Galicia, e ten as mesmas competencias que o Consello Xeral da Avogacía Española no ámbito territorial de Galicia. Está lexitimado para subscribir o presente convenio pois entre as súas atribucións, segundo o artigo 4º do citado Estatuto, está a de coordinar os colexios integrados nel e asumir a súa representación nas cuestións de interese común ante a Xunta de Galicia e en xeral ante calquera organismo, institución ou persoa física ou xurídica, no que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, sen prexuízo da autonomía e competencia de cada colexio. Corresponde a súa representación legal ao seu presidente.

Os Avogados e Avogadas, no desenvolvemento da súa profesión realizan por mandato dos seus clientes un gran número de trámites no ámbito dos procedementos de xestión tributaria para os que é competente a Xunta de Galicia a través da Axencia Tributaria de Galicia. Ademais, o desenvolvemento que experimentaron as novas tecnoloxías da información durante os últimos anos incide de forma especial no exercicio da súa profesión ao permitirlles unha maior axilidade, celeridade e eficacia no cumprimento dos trámites que lle foron encomendados.

IV.– Dado que a colaboración social na xestión tributaria constitúe un instrumento previsto no artigo 92 da Lei xeral tributaria e conscientes do servizo ao cidadán que pode supoñer concentrar nunha única xestión todos os trámites relacionados coa iniciación dos procedementos administrativos de carácter tributario e, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías da información, é vontade da ATRIGA e establecer un marco de colaboración apropiado que permita aos avogados e avogadas pertencentes aos colexios da avogacía de Galicia, en representación dos contribuíntes que voluntariamente llo soliciten, facer e/ou iniciar moitos dos trámites que actualmente están estes obrigados a realizar ante esta.

En virtude destas consideracións, e coa finalidade de definir as bases desta colaboración, ambas as partes acordan subscribir o presente CONVENIO conforme as seguintes

CLÁUSULAS

PRIMEIRA

É obxecto do presente convenio establecer o marco de colaboración en virtude do cal se ofrecerán aos obrigados tributarios a posibilidade de levar a cabo, desde a propia oficina á que os contribuíntes, voluntariamente, encomenden os servizos que prestan en relación coa tramitación de procedementos de xestión tributaria, os seguintes trámites:

– Información sobre o valor dos bens inmobles situados en Galicia que vaian ser obxecto de adquisición ou transmisión e, no seu caso conforme coa normativa vixente, obtención dos acordos previos de valoración que sexan da competencia da Consellería de Facenda.

– Presentación, pago e remisión por vía telemática das autoliquidacións correspondentes aos seguintes impostos: 

a) Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ( ITP- AJD)

b) Imposto sobre sucesións e doazóns ( ISD),

c) Taxa fiscal sobre o xogo realizado en bingos

d) Taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos

e) Taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas de xogo

f) Taxa fiscal sobre o xogo de apostas deportivas e de competición

g) Imposto sobre contaminación atmosférica ( ICA),

h) Imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos de auga  embalsada ( IDMAE),

i) Canon eólico (CE),

j) Imposto compensatorio ambiental mineiro ( ICAM) e

k) Canon sobre os inmobles declarados en estado de abandono ( CIDEA)

–  Presentación, pago e remisión por vía telemática das autoliquidacións correspondentes ao Imposto especial sobre determinados medios de transporte a partir do momento en que a Comunidade Autónoma de Galicia solicite o traspaso dos servizos a eles adscritos.

–  Presentación, pago e remisión por vía telemática das autoliquidacións correspondentes a taxas, prezos e outros ingresos de dereito público que autorice no seu momento a ATRIGA.

SEGUNDA

A ATRIGA pon ao dispor dos avogados/as a conexión telemática aos seus equipos informáticos, mediante un procedemento seguro que garanta a identidade dos colexiados e a recíproca transmisión dos datos, a través da cal poderán realizar a remisión dos documentos anteriormente citados.

Con esta finalidade os colexiados deberán solicitar a alta para o que cubrirán a solicitude de autorización, así como a ficha de identificación de usuarios que teñen á súa disposición na páxina web da  ATRIGA.

No ámbito deste convenio os avogados/as consideraranse colaboradores da ATRIGA e responderán solidariamente do pago documentado nas autoliquidacións transmitidas co correspondente NRC, emitido por algunha das entidades financeiras que, adheridas a esta forma de pago, actúen como colaboradoras na recadación dos tributos cedidos.

Ademais, a pedimento da mencionada Axencia, remitirán os documentos e xustificantes que acrediten a veracidade dos datos consignados nas autoliquidacións remitidas por vía telemática.

TERCEIRA

O colexiado ao que o suxeito pasivo dos devanditos impostos solicitase a colaboración prevista neste Convenio, deberá ostentar a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeneral tributario. A Axencia poderá requirir aos avogados/as en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación suficiente das persoas en cuxo nome se presentou a documentación dará lugar á esixencia das responsabilidades que fosen procedentes.

As relacións dos avogados/as coas persoas que utilicen as posibilidades que ofrece este Convenio estarán suxeitas ás normas reguladoras do exercicio da súa profesión, á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e ao Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

CUARTA

Os avogados/as e a ATRIGA, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas no presente Convenio, respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, a normativa reguladora da presentación telemática de impostos de referencia, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

QUINTA

O presente Convenio non xerará nin dará lugar a ningunha contraprestación económica entre as partes.

SEXTA

Para os efectos de garantir a eficacia deste Convenio, créase unha Comisión de Seguimento formada por un representante da ATRIGA e outro do Consello da Avogacía Galega, os cales poderán ser asistidos polos técnicos que estimen pertinentes en cada caso.

Corresponde a esta Comisión velar pola implantación e cumprimento dos acordos contidos no presente Convenio, así como resolver as incidencias e dúbidas que deriven do mesmo.

SEPTIMA

Este Convenio terá unha vixencia de catro anos desde a data da súa firma. En calquera momento antes da finalización do prazo previsto anteriormente, as partes poderán acordar unanimemente a súa prórroga por un período de ata catro anos adicionais ou a súa extinción.

OITAVA

Para as causas de resolución e os efectos do convenio estarase aos disposto nos artigos 51 e 52 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

NOVENA

O presente convenio de colaboración ten natureza administrativa correspondendo á xurisdición contencioso-administrativa o coñecemento dos litixios que do mesmo puidesen derivarse.

DÉCIMA

O presente convenio será rexistrado no Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia regulado no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, e será obxecto de publicidade nos termos do artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia.

E en proba de conformidade, as dúas partes asinan este Convenio, por exemplar triplicado no lugar e data indicados no encabezamento.

Pola Axencia Tributaria Galicia, Valeriano Martínez García

Polo Consello da AvogaciaGalega, Ramón Jáudenes López de Castro

Uso de cookies

En esta página web utilizamos cookies para recopilar datos sobre hábitos de navegación consecuencia del uso de cookies analíticas de Google y de redes sociales. Para aceptar su uso pulsa “ACEPTAR”. Más información en la Política de Cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies