Estatuto

Estatuto do Consello da Avogacía Galega

Aprobado por RD 130/93, de 3 de xuño, da Xunta de Galicia

 

Os colexios de avogados da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol solicitaron conxunta e unanimemente a constitución dun Consello da Avogacía Galega, con ámbito autonómico e que terá por obxecto, basicamente, agrupar e coordina-los distintos colexios integrados e asumi-la súa representación en cuestións de interese común profesional ante os poderes autonómicos, remitindo, para o efecto, unha proposta de estatutos do Consello da Avogacía Galega, que tralas oportunas correccións, foron aceptados por todos eles, segundo se acredita por certificación de acordos das xuntas de goberno dos sete colexios de avogados de Galicia.
Xa que logo, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do día tres de xuño de mil novecentos noventa e tres, DISPOÑO:

Artigo 1
Apróbase a creación do Consello da Avogacía Galega, que terá sede onde a teña o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2
Igualmente, apróbanse os estatutos do referido consello,que figuran como anexo a este decreto.
Disposición adicional
O disposto nos capítulos quinto e sexto e, en xeral, a materia de posibles recursos, rexerase consonte o previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Disposición derradeira
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de mil novecentos noventa e tres

Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Dositeo Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

 

 

Titulo primeiro

Disposicións xerais

Capítulo Primeiro

Constitución, natureza, personalidade xurídica e domicilio

Artigo 1
Constitúese o Consello da Avogacía Galega, integrado polos ilustres Colexios de Avogados da Coruña, Lugo, Ourense. Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol, que. no correspondente acordo, estiveron representados polos decanos e demais deputados asistentes á Asemblea de Xuntas de Goberno.
Artigo 2
2 1. 0 Consello da Avogacía Galega e os colexios que o integran son corporacións de dereito público recoñecidas e amparadas pola constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia e a Lei de colexios profesionais.
No seu respectivo ámbito de actuación, cada unha delas é autónoma e ten, separada e individualmente, personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para cumpri-los seus fins, podendo a título oneroso ou lucrativo. transferir, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens e dereitos e, en xeral, ser titulares de todo tipo de dereitos, exercer ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en tódalas vías e xurisdiccións, incluída a constitucional.
2.2. A representación legal do Consello da Avogacía Galega, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, quen se encontra lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais, a procuradores, letrados ou calquera clase de mandatarios, logo de acordo do pleno do devandito consello.
2.3. O Consello da Avogacía Galega terá un emblema composto pola superposición do escudo de Galicia, tal como se describe na Lei de símbolos, do Parlamento de Galicia, sobre a balanza simbólica da xustiza.
Artigo 3
O Consello terá a súa sede onde a teña o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o seu domicilio no Colexio de Avogados daquela cidade.

 

Capítulo Segundo

Finalidades e funcións

Artigo 4
O Consello terá por finalidade agrupar, coordina-los colexios integrados nel e asumi-la súa representación nas cuestións de interese común perante a Xunta de Galicia e, en xeral. ante calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica, en que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, sen prexuízo da autonomía e competencia de cada colexio.
Artigo 5
No ámbito territorial da súa competencia, terá as seguintes funcións:
5.1. As atribuídas ó Consello Xeral da Avogacía Española pola Lei de colexios profesionais, en canto teñan ámbito ou repercusión soamente no territorio da Comunidade Autónoma e cantas outras lle foran encomendadas por virtude de disposicións xerais ou especiais, sempre que non interfiran na autonomía e as competencias propias de cada colexio.
5.2. Aprobar e modifica-lo seu propio estatuto.
5.3. Formar e mante-lo censo dos avogados incorporados ós colexios de avogados de Galicia.
5.4. Fomentar, crear e organizar institucións, servicios e actividades con relación á profesión de avogado, que teñan por obxecto a formación e perfeccionamento profesional promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actuacións convenientes. Establecer, para tales fins, os concertos ou acordos máis oportunos coa Administración e as institucións ou entidades que correspondan.
5.5. Convocar e celebrar congresos, xornadas, simposios e actos similares relacionados co dereito civil especial de Galicia e co exercicio da avogacía na Comunidade Autónoma. Así mesmo terá a función, compartida neste caso con todos ou con calquera dos colexios, de convocar ou patrocinar outros actos científicos e culturais.
5.6. Editar libros e traballos de carácter xurídico sobre a lexislación e xurisprudencia para Galicia e publica-las normas e disposicións de interese para os avogados de Galicia.
5.7. A colaboración cos poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu propio territorio, e na máis eficiente, xusta e equitativa protección, regulación e garantía dos dereitos e liberdades da persoa.
5.8. Defende-los dereitos dos colexios de avogados galegos, así como os dos seus colexiados, perante os organismos autonómicos galegos cando sexa requirido polo colexio respectivo ou así estea legalmente establecido.
5.9. O exercicio e a xestión daquelas competencias públicas da Xunta de Galicia que lle sexan delegadas ou reciba delas e das facultades que poidan ser delegadas nel pola lexislación xeral do Estado ou por acordo de calquera cotra Administración pública competente.
5.10. Designar representantes da avogacía para participar, cando así estivera establecido, nos consellos e organismos consultivos da Administración pública do ámbito de Galicia.
5.11. Coñecer e resolve-los recursos que poidan interpoñerse contra os acordos dos colexios de avogados de Galicia.
Así mesmo, coñecer e resolve-los recursos de reposición que interpoñan contra os acordos ou resolucións do propio Consello.
5.12. Levar un rexistro de sancións que afecten ós avogados dos colexios galegos.
5.13. Aproba-lo seu propio presuposto de ingresos e gastos e contas do mesmo.
5.14. Fixar equitativamente a cooperación dos colexios para os gastos do Consello, por aportacións fixas, eventuais ou contribucións extraordinarias.
5.15. Establece-los ingresos propios que puidera ter por dereitos e retribucións como consecuencia dos servicios e actividades que preste.
5.16. Realizar no tocante ó patrimonio propio do Consello toda clase de actos de administración, disposición e gravame.
5.17. Aprobar normas de honorarios profesionais aplicables por tódolos colexios de Galicia.
5.18. Emitir dictames e informes, incluídos aqueles ós que se refire o artigo 63.l da Lei de axuizamento civil, e, sobre todo, os que pidan a Xunta ou o Parlamento de Galicia verbo de proxectos ou anteproxectos de disposicións de carácter xeral que afecten ó exercicio da avogacía, da súa organización corporativa ou ó exercicio das profesións tituladas en xeral.
5.19. Adoptar acordos xerais en materia de deontoloxía profesional, sen prexuízo da normativa recollida e aprobada polos congresos nacionais, o Consello Xeral da Avogacía Española e a Asemblea de Decanos.
5.20. Calquera outra función similar ás contidas nos apartados anteriores non expresamente determinadas neles, así como aquelas que lle sexan transferidas ou delegadas polo Consello Xeral da Avogacía Española.

 

Título segundo

Organización do Consello

Capítulo primeiro

Órgano de goberno

Artigo 6
O Pleno do Consello estará integrados por tódolos decanos dos colexios de avogados de Galicia, os que elixirán de entre eles, en votación secreta, o seu presidente, vicepresidente e Secretario- Tesoureiro
A duración destes cargos será de dous anos, salvo que algún deles cese no decanato do seu colexio. Neste caso, se o cesamento lle corresponde ó presidente, o seu posto seria desempenado polo vicepresidente e, as vacantes nos cargos de vicepresidente e secretario, serían cubertas polos membros do Consello de maior a menor idade, respectivamente, dos que o integraran no momento de producirse o feito. Os substitutos desempeñarán os seus postos polo tempo que lles restase de mandato ós substituídos.
Nas eleccións para os cargos de presidente, vicepresidente e Secretario- Tesoureiro, cada un dos membros do Consello disporá de un só voto e será elixido o candidato que logre os votos de máis da metade do total de compoñentes do Consello. Na segunda votación, elixirase para o cargo o candidato que obteña máis votos, sen que poidan ser elixidos para máis de dous mandatos consecutivos.

 

Capítulo segundo

Funcionamento

Artigo 7
É competencia deste órgano establecer acordos sobre todas aquelas funcións asignadas ó mesmo polos artigos 4 e 5 do estatuto e velar pola execución dos correspondentes acordos.
Artigo 8
8.1. Reunirase como mínimo, cada tres meses, e cantas veces o convoque o seu presidente, por decisión propia ou por petición de tres conselleiros, como mínimo.
8.2. Cada conselleiro poderá estar representado por un membro da Xunta de Goberno do colexio respectivo. A representación conferirase por escrito e para cada sesión.
8.3. A convocatoria do Consello farase por escrito, acompañada da orde do día e da documentación pertinente e será cursada pola secretaría xeral, logo de mandado da presidencia. polo menos con oito días de anticipación, salvo casos de urxencia excepcional nos que será convocado. sen prazo especial de anticipación, telegraficamente ou por FAX.
A convocatoria sinalará o lugar da celebración
8.4. As reunións do Consello quedarán validamente constituídas cando asistan polo menos catro dos seus compoñentes.
Artigo 9
Os acordos tomaranse por maioría simple dos asistentes. Cada un deles terá un só voto.
As abstencións non se computarán para aprecia-la maioría.
Para adoptar validamente acordos esixirase un quorum de asistencia, non de votación, de polo menos catro colexios.

Título terceiro

Dos cargos do Consello

Capítulo primeiro

Do presidente e vicepresidente

Artigo 10
Correspóndelle ó presidente:
10.1. Ostenta-la representación máxima do Consello, estándolle asignado o exercicio de cantos dereitos e funcións lle atribúan os presentes estatutos e sexan necesarios para as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias de carácter xeral para a profesión dentro do ámbito do Consello.
10.2. Exerce-las accións que correspondan en defensa de tódolos colexios integrados no Consello da Avogacía e dos seus colexiados, ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral para tódolos colexios de Galicia, sen prexuízo da autonomía e competencias que correspondan a cada colexio.
10.3. Convocar, fixa-la orde do día e presidir tódalas reunións do Pleno do Consello. Ordena-las deliberacións e abrir, suspender ou levanta-las sesións.
10.4. Presidir e dirixi-las deliberacións, abrir, suspender e cerra-las sesións dos congresos, xornadas e simposios, que organice o Consello.
10.5. Visa-los documentos e certificacións que expida o secretario.
10.6. Dirimir con voto de calidade os empates que resulten das votacións.
Artigo 11
O vicepresidente substituirá o presidente en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.
Desempeñará, ademais, todas aquelas funcións que lle confira ou delegue nel o presidente.

Capítulo segundo

Do secretario

Artigo 12
Correspóndelle ó secretario:
12.1. Redactar e autoriza-las actas das sesións do Consello. Dar conta das inmediatas anteriores, para a súa aprobación, se fose o caso. Informar, se procedese, sobre os asuntos que en tales reunións deba tratarse e lle encomende o presidente.
12.2. Executa-los acordos do Consello, así como as resolucións que, conforme os estatutos, dicte a presidencia.
12.3. Informar ó Consello e ós seus membros, con facultade de iniciativa, en todos cantos asuntos sexan de competencia do Consello da Avogacía Galega.
12.4. Realizar todas aquelas actividades tendentes a alcanza-los fins sinalados nos apartados anteriores.
12.5. Auxiliar na súa misión ó presidente e promover cantas iniciativas de orde técnica- profesional e corporativa deban adoptarse.
12.6. Leva-los libros de actas necesarios, redactar e autoriza-las certificacións que procedan, así como as comunicacións e circulares que foran autorizadas polo Consello ou polo seu presidente.
12.7. Forma-lo censo de colexiados de Galicia inscritos en cada un dos colexios, levando un ficheiro- rexistro dos datos que procedan. O censo actualizarase cada 31 de decembro.
12.8. Leva-lo rexistro de sancións, anotando en cada expediente as circunstancias do artigo 24.4 destes estatutos.
12.9. Redacta-la memoria anual das actividades e proxectos do Consello.
12.10. Exerce-la alta dirección dos servicios que poidan crear no Consello e calquera outro que lle encomende o mesmo Consello.
12.11. Asumi-la xefatura de persoal administrativo e das dependencias do Consello. Solicita-los informes precisos segundo a natureza dos asuntos que se resolvan, sen que estes informes sexan vinculantes para o secretario.
12.12. Propoñer e xestionar cantos asuntos sexan conducentes á boa marcha administrativa.
Artigo 13
Tamén lle corresponden ó secretario as seguintes funcións de tesourería:
13.1. Expedir, co visto e prace do presidente, os libramentos para os pagamentos que vaian verificarse e subscribilos mandamentos de pago necesarios para o movemento das contas abertas o nome do Consello da Avogacía Galega.
13.2. Leva-los libros necesarios para o rexistro dos ingresos e gastos que afecten á caixa do Consello e, en xeral, ó seu movemento patrimonial.
13.3. Cobrar tódalas cantidades que por calquera concepto deban ingresarse nas contas do Consello, autorizando coa súa así natura os recibos correspondentes e dar conta ó presidente e ó pleno do Consello da situación da tesourería e do desenvolvemento das previsións presupostarias.
13.4. Propoñer e xestionar cantos asuntos sexan conducentes á boa marcha contable de investimento dos fondos do Consello.
13.5. Formula-la memoria económica anual coas con contas xerais de tesourería.
13.6. Elabora-lo proxecto anual de presupostos.
13.7. Subscribi-lo balance que da contabilidade se deduza, efectuando os arqueos que correspondan de maneira regular e periódica.
Artigo 14
No caso de ausencia, enfermidade ou vacante do secretario, asumirá as súas funcións o conselleiro máis novo.
Artigo 15
Do secretario técnico e administrativo.
Poderán crearse secretarías técnicas, os membros das cales serán designados polo Consello.
Tales secretarías realizarán a información de cantos datos e asuntos poidan convir ou resulte máis económico ós colexios integrados no Consello.
En todo caso, os servicios dos diferentes colexios integrados no Consello constituirán órganos de apoio ó mesmo.
Por acordo do Pleno, poderase habilita-lo secretario técnico ou algún oficial do Consello para face-los libramentos de que trata o artigo 13.1, dentro dun límite económico prefixado.

Título cuarto

Do réxime económico

Artigo 16
A economía do Consello da Avogacía Galega , é independente da dos respectivos colexios de avogados integrados nel e cada colexio será autónomo na xestión e administración dos seus ben, aínda que contribuíran ó presuposto do Consello na forma que a continuación se sinala.
Artigo 17
Para cubri-los gastos do Consello da Avogacía Galega, este disporá dos seguintes recursos:
17.1. Das cotas que establezan os colexios de avogados de Galicia, que serán fixadas en proporción ó número de colexiados. exercentes e non exercentes, neles inscritos ata o 31 de decembro do ano anterior.
17.2. Da participación que lle corresponda na cota que os colexios de avogados aporten ó Consello Xeral da Avogacía Española e outros ingresos deste.
17.3. O importe dos dereitos económicos polos documentos e certificados que expida.
17.4. Subvencións oficiais e particulares, donativos e legados que o Consello poida recibir.
17.5. As derramas extraordinarias que o Consello poida determinar por circunstancias excepcionais.
17.6. Os dereitos por prestación de servicios e actividades que o Consello realice.
17.7. Outros ingresos que o Consello poida percibir con motivo das súas actividades.
Artigo 18
O Consello cerrará o exercicio económico cada fin de ano natural e formulará o proxecto de presuposto para o ano seguinte e un balance xeral e a liquidación do presuposto do ano anterior, someténdose ó estudio e aprobación do seu Pleno.

Título quinto
Xurisdicción disciplinaria

Artigo 19
O Consello da Avogacía Galega é competente para o exercicio da función disciplinaria en vía administrativa.
19.1. En primeira instancia, cando a persoa afectada sexa membro da Xunta de Goberno de calquera dos colexios de Galicia.
19.2. En segunda e última instancia administrativa, na resolución dos recursos ordinarios interpostos contra os acordos dos colexios.
Artigo 20
Nos expedientes disciplinarios que o Consello instrúa en primeira instancia darase audiencia ós afectados por aqueles concedéndolles vista das actuacións ó obxecto de que poidan formula-las alegacións de defensa e propoñe-las probas que consideren oportunas.
Contra as resolucións do Consello da Avogacía Galega, nesta materia caberá recurso ordinario perante o Consello Xeral da Avogacía Española.

Título sexto
Dos recursos

Artigo 21
Contra os actos, resolucións e acordos dos colexios de avogados de Galicia suxeitos ó dereito administrativo, os colexiados afectos e demais persoas lexitimadas poderán interpoñer recurso ordinario perante o Consello da Avogacía Galega dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación.
21.2. Este recurso, que deberá ser razoado e fundamentado, presentarase no propio colexio, o cal, no prazo de dez días, o elevará ó Consello, xuntamente co expediente relativo ó acto ou acordo impugnado e, de consideralo conveniente, xunto cun informe sobre o recurso elaborado pola xunta de goberno.
21.3. O Consello terá que resolve-lo recurso ordinario no prazo de tres meses contados desde o súa presentación. Transcorrido o devandito prazo sen notificarse acordo sobre o recurso considerarase este desestimado por silencio administrativo, salvo que o recurso fose interposto contra a desestimación presunta dunha solicitude por transcurso do prazo, caso no que se entenderá estimado o recurso se, chegado o seu prazo de resolución, o órgano competente non dictase resolución expresa sobre el. O acordo do Consello, expreso ou presunto, esgotará a vía administrativa e contra el poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.
Artigo 22
Contra os actos, resolucións e acordos do Consello da Avogacía, suxeitos ó dereito administrativo, os colexios que formen porte del e calquera outro interesado, poderá interpoñer recurso de revisión nos prazos e supostos previstos no capítulo II do título VII da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O Consello deberá resolve-lo recurso no prazo de tres meses contados desde a súa presentación e, transcorrido o devandito prazo sen notificarse a resolución expresa, considerarase aquel desestimado por silencio administrativo. Contra o acordo do Consello expreso ou denegatorio por silencio poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

Título sétimo
Relacións coa Xunta de Galicia e os colexios

Artigo 23
O Consello terá que lle comunicar á Consellería de Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia:
23.1. O texto do seu estatuto e as súas modificacións, para que, logo de cualificación da súa legalidade, sexan inscritos e publicados no DOG.
23.2. As persoas que integran o Consello con indicación dos cargos que ocupan.
Artigo 24
Os colexios de avogados de Galicia terán que lle notificar á secretaría do Consello:
24.1. Os seus respectivos estatutos e modificacións.
24.2. Os nomes dos compoñentes das súas xuntas de goberno.
24.3. A relación de colexiados, exercentes ou non exercentes ata o 31 de decembro de cada ano e as altas e baixas que se produzan con indicación da causa destas últimas co obxecto de poder leva-lo correspondente censo de avogados.
24.4. As sancións disciplinarias que impoñan; a firmeza das resolucións sancionadoras; os recursos e acordos de suspensión; os acordos resolutorios daqueles; o inicio da execución; o cumprimento e a cancelación.

Disposicións adicionais

Primeira
Correspóndelle ó Consello da Avogacía Galega a regulamentación, desenvolvemento e interpretación deste estatuto e velar polo seu cumprimento.
Segunda
Con carácter supletorio serán de aplicación o estatuto xeral da avogacía española, en todos aqueles aspectos que non estean contemplados neste estatuto e a vixente normativa en materia disciplinaria.

Uso de cookies

En esta página web utilizamos cookies para recopilar datos sobre hábitos de navegación consecuencia del uso de cookies analíticas de Google y de redes sociales. Para aceptar su uso pulsa “ACEPTAR”. Más información en la Política de Cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies