SERVIZO DE ATENCIÓN ÁS PERSOAS COLEXIADAS E USUARIAS
O Consello da Avogacía Galega, a través da Secretaría técnica, ten a disposición dos avogados/as e da cidadanía o SERVIZO DE ATENCIÓN ÁS PERSOAS COLEXIADAS E USUARIAS
De conformidade coa Lei 25/2009, de 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, así como a actual redacción da Lei estatal de Colexios Profesionais, de 15 de febreiro de 1974, os Colexios Profesionais deben contar cun Servizo de Atención aos Colexiados e aos Consumidores ou Usuarios
O Servizo préstase pola secretaría técnica do Consello da Avogacía Galega e complementa aos servizos homónimos ou equivalentes que existan nos colexios da avogacía, respectando cadansúa competencia.
O cidadán e o letrado haberanse dirixir, en primeiro lugar, ao Colexio da Avogacía de que se trate, polo que a actuación do Consello se considera sempre de carácter subsidiario ou supletorio.
Non obstante, o usuario poderá dirixir a este órgano a súa dúbida, queixa ou reclamación, encargándose este Consello de remitilo ao Colexio competente, ou de darlle o trámite que corresponda, intentando evitar a peregrinaxe administrativa, sendo posible. O enderezo electrónico é
1º NORMATIVA DE APLICACIÓN
Se desexa informarse sobre a normativa de aplicación, teña en conta o seguinte:
A) Sobre o Servizo de Atención aos Colexiados e aos Consumidores ou Usuarios:
– Lei de Colexios Profesionais de 15/2/1974 (lexislación básica):
1. Os Colexios Profesionais deberán atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.
2. Así mesmo, os Colexios Profesionais disporán dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados se presenten por calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.
3. Os Colexios Profesionais, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverán sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme a dereito.
4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.
– Lei 11/2001, de 18 de setembro, de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento sancionador, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, no seu caso, corresponda.
3. A regulación deste servizo deberá contemplar a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática
B) Principal normativa xeral de aplicación en materia disciplinaria:
- Estatuto Xeral da Avogacía, aprobado por R.D. 658/2001, de 22 de xuño (EGAE). Vixente até o día 30 de xuño de 2021
- Regulamento de Procedemento Disciplinario, de 27 de febreiro de 2009 (RPD).
- Código Deontolóxico de 6 de marzo de 2019
- Lei 30/92, de 26 novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común (LRJAP e PAC).
C) Normativa estatal específica en materia disciplinaria para asuntos de asistencia xurídica gratuíta de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia:
- Lei 1/96, de 10 de xaneiro: Artigos. 42 E 43 (O art. 42 remite ás normas disciplinarias establecidas con carácter xeral).
D) Normativa autonómica específica en materia disciplinaria para asuntos de asistencia xurídica gratuíta:
- Regulamento de Xustiza Gratuíta de Galicia, aprobado polo Decreto 269/2008, de 6 de novembro: Artigo 36.
E) Outras normas:
- Texto refundido da Lei Xeral de Defensa dos Consumidores e Usuarios e outras leis complementarias, aprobado por R.D. Lexislativo. 1/2007 de 16 de novembro e o seu desenvolvemento regulamentario.
2º QUEIXAS OU RECLAMACIÓNS CONTRA AVOGADOS/AS
Tramitación:
O Consello acusará recibo da queixa e a remitirá ao Colexio de Avogados que sexa competente por razón do territorio. No caso de que o avogado denunciado sexa membro dunha Xunta de Goberno dun Colexio da Avogacía de Galicia, será o propio Consello quen tramite o expediente.
No primeiro caso, o Consello notificará ao interesado a remisión da queixa, indicándolle os datos do colexio ao que se poderá dirixir para seguir a tramitación do procedemento
No segundo caso, o Consello incoará un dos procedementos de tipo disciplinario regulados no Regulamento de Procedemento Disciplinario da avogacía española (artigos 7 e 8)
3º QUEIXAS OU RECLAMACIÓNS DAS PERSOAS USUARIAS DOS COLEXIOS DE AVOGADOS E DO CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA
Ademáis das queixas dos cidadáns contra os profesionais, tanto estes coma os propios cidadáns poden formular queixas ou reclamacións referentes á actividade da organización profesional.
No caso dunha queixa ou reclamación contra un Colexio da Avogacía, recabarase información ao Colexio de que se trate,podéndose remitir o expediente para a súa tramitación, se así procedese.
No segundo, o Consello procurará dar unha resposta axeitada.
4º ESCRITOS, QUEIXAS E RECLAMACIÓNS
Descargue aquí o Modelo de queixa sobre a conduta dun/ha avogado/a (Documento Word)
Lugar e modo de presentación
A presentación de queixas e reclamacións deberá realizarse por escrito asinado pola persoa interesada, ou por quen acredite a súa representación, dirixida ao Consello da Avogacía Galega, sito en rúa Federico Tapia 11-1º-A, 15005-A Coruña. Teléfono 981120884.
A presentación en papel poderá realizarse na dita sede, nunha oficiña de correos, ou en calquera rexistro administrativo.
Presentación por vía telemática:
Mentres non entre en funcionamento a sede electrónica, tamén poderán presentarse por vía telemática ao seguinte correo electrónico:
A presentación por correo electrónico requirirá a sinatura con certificado dixital da persoa interesada, ben no correo ben no documento no que se conteña a queixa. Poderá condicionarse a admisión da documentación dixitalizada que se anexe ou incorpore ao email ao seu cotexo co orixinal.
Non se tramitará queixa nin escrito ningún que se envíe a un enderezo distinto, ou que non veña asinado electrónicamente.