Honorarios

Preguntas máis frecuentes

1. Canto ten dereito a cobrar un avogado por levarme un asunto?

O avogado pode cobrar polo seu traballo a cantidade que pacte co cliente. Esa cantidade non está sometida a limitación de mínimos nin de máximos, basta con que sexa pactada entre avogado e cliente. Por iso se di que os honorarios dos avogados son libres. O avogado pode establecer as súas tarifas libremente, e o cliente é libre de aceptalas ou non.

2. Que pasa se non pactei os honorarios ao inicio da intervención do avogado?

Pode pactalos en calquera momento.

3. Que ocorre se non hai acordo entre avogado e cliente sobre a contía dos honorarios?

Pasa como con calquera  caso de desacordo ou conflito, hai que resolvelo, ben a través dun proceso de mediación, ben acudindo a outro  medio onde decide unha terceira persoa, coma a arbitraxe ou os tribunais de xustiza.

4. Onde podo consultar as normas de honorarios?

Non existen as normas nin baremos  de honorarios, e os documentos que existiron noutro tempo con ese nome están derrogados. Están expresamente proibidas pola Lei. Algúns letrados e xulgados seguen referídose ao extinto baremo de honorarios do ano 2001 como referencia para tasacións de custas. Nesta ligazón podes descargar a certificación do acordo polo que se derrogou dito baremo.

O que si existen son criterios orientadores en materia de honorarios, que confecciona cada Colexio de Avogados, e que conteñen criterios que se utilizan nos informes que solicitan os Xulgados e Tribunais  nos casos de taxacións de custas e reclamacións de honorarios. Non son vinculantes nin para os avogados, nin para os clientes nin para os Xulgados ou Tribunais, aínda que se as partes se someten libremente a eles, como documento de referencia, ese pacto hase entender, en principio, válido entre eles.

Pídalle ao seu avogado, antes de comezar o seu labor, o orzamento.

5. Que pasa se non acepto o orzamento que me ofrece o avogado?

Nese caso, debe vostede procurar outro avogado que se axuste ao que vostede pode ou quere pagar. Lembrámoslle que se vostede carece de recursos para litigar, pode solicitar un avogado de oficio.

6. O avogado de oficio ten dereito a cobrarme algo?

Non, absolutamente nada. Pero hai tres excepción, nas que o avogado pode chegar a cobrar algo do cliente inicialmente beneficiario da Xusticia Gratuíta: a) Cando  o beneficiario, no momento de solicitar a xustiza gratuíta, renuncie a avogado gratuíto; b) Cando se lle revoque o dereito pola administración competente (Xunta de Galicia)  ou c) Cando o beneficiario veña a mellor fortuna.

7. O avogado ten que dar un orzamento ao cliente?

Si, sempre que o cliente o pida. O orzamento pode conterse na denominada «Folla de Encarga», cuxa sinatura recoméndase.

8. E que pasa se o avogado se nega a darme un orzamento?

Nese caso, pode vostede procurar outro avogado, con independencia de que a negativa poida constituír unha infracción das obrigas profesionais do letrado.

9. Canto pode cobrarme o meu avogado se perdo o preito?

O labor do avogado é de actividade e non de resultado. Polo tanto, ten dereito a cobrar polo seu traballo, calquera que sexa o resultado obtido. Outra cousa é que no momento de pactar os honorarios ao principio da súa intervención, se chegue a un acordo segundo o cal o avogado poida percibir máis honorarios en caso de gañar o xuízo ou resolver o asunto satisfactoriamente para o cliente.

10. Pódese pactar que o avogado  cobre únicamente unha porcentaxe da cantidade que se consiga na sentenza?

Esa posibilidade, denominada «cota litis en sentido estricto» (en USA «contingency fee»). estivo prohibida tradicionalmente en España, por constituir unha vulneración bastante evidente da ética profesional ao converter ao avogado en socio do seu cliente, convertendo a tarefa profesional nun xogo de azar, toda vez a resolución dos asuntos non está en mans dun avogado senón dun xuíz ou tribunal. Non obstante, unha recente sentenza establece que o pacto é legal.

11. Pode o avogado pedir unha provisión de fondos ou un pagamento a conta?

Si. Habitualmente os avogados piden unha provisión de fondos ou un pagamento a conta dos seus honorarios finais e sen prexuízo do que resulte da liquidación final, ben para afrontar os gastos que se irroguen na súa intervención, ben para non frustrar as súas espectativas económicas dado o longo tempo que presumiblemente pode demorar o asunto en resolverse. É unha condición de tipo económico que pode establecer o avogado, que é libre de ser aceptada ou non polo cliente, pero se este se nega, pode o avogado negarse a levar o asunto.

11. Pode o avogado denegar a venia ou a devolución dos documentos que lle entreguei porque non estou de acordo coa factura?

Non, coa regulación actual non pode facelo.

Uso de cookies

En esta página web utilizamos cookies para recopilar datos sobre hábitos de navegación consecuencia del uso de cookies analíticas de Google y de redes sociales. Para aceptar su uso pulsa “ACEPTAR”. Más información en la Política de Cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies