A Coruña, 08 de agosto de 2017. Tras a nova incidencia de carácter grave que ven de descubrirse, esta vez no programa informático que utilizan os xulgados galegos Minerva, o Consello da Avogacía Galega mostrou a súa inquietude e preocupación ante uns feitos que consideran moi graves e que deixan en moi mal lugar o papel que o Ministerio de Xustiza está a desenvolver neste eido.
Desde o Consello da Avogacía Galega táchase este novo incidente de moi perigoso e que sumado aos fallos de LexNET das últimas semanas, deixan nunha complicada situación á Administración de Xustiza xa que xerou a dúbida sobre a vulnerabilidade do sistema de xustiza, fundamental para un estado de dereito, e que agora mesmo parece ser incapaz de garantir o seu compromiso coa cidadanía.
Os acontecementos do finais do mes de xullo e comezos de agosto sobre LexNET e agora Minerva ten que facer recapacitar sobre a situación da seguridade da xustiza dixital. O Consello da Avogacía Galega volve a recalcar que a transformación dixital esixe construír un sistema integral sobre sólidos cimentos, mediante unha planificación rigorosa, e que estea á altura do dereito constitucional á tutela xudicial efectiva.
O Consello da Avogacía Galega está mantendo un seguimento constante das incidencias que afecten ao correcto desenvolvemento de LexNET e do resto das ferramentas electrónicas da Administración de Xustiza. Para a tranquilidade da avogacía en Galicia, o Consello da Avogacía Galega empregará as canles dixitais (na súa sede virtual http://avogacia.gal e en twitter @avogacia) para manter informados a profesionais e cidadáns.