No día de hoxe representantes do Consello da Avogacía Galega fixéronlle entrega dunha placa conmemorativa polo seu traballo de máis de 50 anos colaborando coa avogacía galega.
A Coruña, 4 de febreiro de 2022. Na mañá de hoxe, o Consello da Avogacía Galega rendeu homenaxe ao procurador Argimiro Vázquez Guillén pola súa traxectoria profesional, colaborando con profesionais da avogacía galega durante máis de cinco décadas. Nun acto privado celebrado na sede do Consello da Avogacía Galega, o secretario do Consello e Decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda fixo entrega dunha placa conmemorativa agradecendo a súa frutífera colaboración coa avogacía galega durante máis de medio século.
Argimiro Vázquez Guillén exerce a profesión de procurador en Madrid desde 1968. Fillo do avogado carballés Antonio Vázquez Mouzo, o seu nome está presente en centos ou miles de poderes para preitos outorgados na nosa Comunidade, representando a persoas e institucións de Galicia perante o Tribunal Supremo e demais instancias sitas na capital do Estado.
“A figura de Argimiro Vázquez Guillén é toda unha referencia para a avogacía de Galicia. Foi, e sigue sendo, un puntal da nosa profesión na Capital do Reino, como o pode comprobar calquera compañeiro que teña visitado o seu despacho, onde se respira galeguidade e un compromiso coa profesión incondicional e fora de toda dúbida. Esta homenaxe supón un recoñecemento de varias xeracións polo seu traballo e dedicación”, sinalan desde o Consello da Avogacía Galega.
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago nos anos 60, deuse de alta no Colexio de Procuradores de Madrid o 15 de outubro de 1968. Pertenceu á Xunta, como vogal primeiro durante 8 anos, entre 1980 e 1988.
Entre os seus cargos, destaca o de vicepresidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (Iurisgama) e vicepresidente da Fundación Fide. Na súa longa carreira profesional tramitou temas de importancia, como Matesa no ano 1969, Mariano Rubio, Polanco, Palazón, Mario Conde, Gerardo Díaz Ferrán, caso Gurtell, Afinsa… Tamén representou no seu momento ao presidente de Italia, Silvio Berlusconi.
Foille concedida a Medalla ao Mérito polo Ilustre Colexio de Avogados da Coruña. No mes de xaneiro de 2018, foille entregada polo Ministro de Xustiza a Medalla de San Raimundo de Peñafort.