Trámites AXG

Solicitude e procedemento

Iniciación

A persoa que pretenda obter o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta deberase dirixir ao colexio de avogados do lugar en que se atope o xulgado ou tribunal que ha de coñecer do proceso principal para o que o dito dereito se solicita, ou ao xulgado do seu domicilio.

Nos referidos lugares, colexio de avogados ou xulgado, facilitaranlle o modelo oficial de solicitude; así mesmo, no colexio auxiliarana para cubrir a solicitude. Nos partidos xudiciais en que non haxa sede do colexio de avogados, os solicitantes poderanse dirixir ao xulgado para recoller o modelo oficial de solicitude, onde a entregarán unha vez cuberta; tras isto, o órgano xudicial deberá remitir a solicitude ao colexio de avogados que territorialmente corresponda (artigo 12 da lei).

O solicitante poderá optar por asinar un consentimento expreso para que sexa o colexio quen solicite os certificados electrónicos que deben acompañar á solicitude.

Subir

Designación provisional de letrado/a e procurador/a

Os colexios de avogados darán preferencia e tramitarán con urxencia as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta no ámbito dos procedementos para o axuizamento rápido de delitos (tanto respecto das vítimas coma dos imputados), así como as solicitudes de partes en xuízos rápidos civís (artigo 16 do Decreto 269/2008).

Unha vez que o colexio de avogados dispoña da solicitude, examinará esta e mais os documentos que o solicitante achegase, e resolverá no prazo de quince días designándolle un letrado de forma provisional, salvo que estime necesario a emenda de deficiencias; tras isto, daralle comunicación ao colexio de procuradores, que deberá proceder á designación dun procurador no prazo de tres días, sempre que a súa intervención sexa legalmente preceptiva. Logo disto, o colexio de avogados daralle traslado da solicitude á comisión de asistencia xurídica gratuíta no prazo de tres días.

Subir

Emenda de deficiencias

No caso de que o colexio de avogados estime que na solicitude existen deficiencias ou que a documentación presentada resulta insuficiente, comunicarallo ao interesado para que a aclare ou complete no prazo de dez días; transcorrido ese prazo sen facer a aclaración ou completar a documentación, o colexio arquivará a solicitude. Se esas deficiencias fosen emendadas, o colexio deberá resolver, procedendo ou non á designación provisional de avogados se estima ou non que o peticionario reúne os requisitos para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta, á vista da solicitude presentada e da documentación que se achegue, no prazo de quince días a contar desde a recepción da solicitude emendada (artigo 14 e 15 da lei).

Subir

Resolución negativa ao proceder á designación ou ausencia
da mesma por parte do colexio de avogados

No caso de que o colexio de avogados estime que o peticionario non reúne os requisitos, ou que a pretensión principal que intenta facer valer o solicitante é manifestamente insostible ou carente de fundamento, notificará ao solicitante no prazo de cinco días que non efectuou a designación provisional de avogado e trasladará a solicitude á comisión de asistencia xurídica gratuíta.

Se o colexio non resolvese dentro de prazo, o solicitante poderá reiterar a súa solicitude ante a comisión, a cal, de xeito inmediato, solicitará o expediente ao colexio de avogados e ordenará asemade a designación provisional de avogado e de procurador, no caso de que este último fose preceptivo (artigo 15 da lei).

Subir

Resolución e notificación por parte da comisión ou delegación

A comisión, tras recibir a solicitude e mais a documentación que a acompaña, fará as comprobacións necesarias e solicitará a información que estime necesaria con vistas a valorar a situación económica do solicitante, e ditará resolución dentro do prazo de trinta días hábiles contados desde a recepción daquela, concedendo ou denegando o recoñecemento do dereito. A dita resolución notificaráselles no prazo común de tres días ao solicitante, as partes interesadas, ao colexio de avogados, e se fose o caso tamén ao de procuradores; e así mesmo comunicaráselle ao xulgado ou tribunal que estea coñecendo do proceso, ou ao xuíz decano da localidade se aquel aínda non se iniciara (artigo 17 da lei).

Subir

Ausencia de resolución

Se a comisión non dita resolución, entenderase validada a decisión adoptada anteriormente polo colexio de avogados. No caso de que este non adoptara ningunha resolución, o silencio da comisión será positivo, polo que procederá a solicitude do interesado, quen se poderá dirixir ao xuíz ou tribunal que coñeza do proceso (ou, se a solicitude se realiza con anterioridade á iniciación do mesmo, ao xuíz decano competente) para que declare o dereito na súa integridade e para que lle requira ao correspondente colexio de avogados –e de procuradores, se fose o caso– que designe os profesionais (artigo 17 da lei).

Subir

Efectos da resolución

O recoñecemento do dereito implicará a confirmación das designacións de avogado e procurador efectuadas polos respectivos colexios profesionais.

Se a comisión denegase o recoñecemento, as designacións que eventualmente se realizaran quedarán sen efecto e o peticionario deberá aboar os honorarios e dereitos económicos ocasionados pola intervención dos profesionais designados con carácter provisional (artigo 18 da lei).

Subir

Revogación do dereito

A declaración errónea, así como o falseamento ou ocultación polos solicitantes de datos que foran determinantes para o recoñecemento do dereito, darán lugar á revogación do mesmo por parte da comisión ou delegación, que para estes fins terá facultades para a revisión de oficio.

A revogación levará consigo a obriga de pagar todos os honorarios de avogado e procurador producidos desde a concesión do dereito, así como a cantidade equivalente do custo das demais prestacións obtidas en razón da dita concesión, sen prexuízo das responsabilidades penais ou doutra orde que, se fose o caso, correspondan (artigo 19 da lei).

Subir

Recursos

Poderán recorrer contra a concesión ou denegación de modo definitivo do dereito á asistencia xurídica gratuíta todas aquelas persoas que teñan un interese lexítimo.

Tal impugnación, para a cal non será preceptiva a intervención de letrado, deberá formalizarse por escrito e de xeito motivado, no prazo de cinco días desde a notificación da resolución ou desde que fose coñecida por calquera das partes lexitimadas para interpoñela, ante o secretario da comisión de asistencia xurídica gratuíta. Este remitirá o escrito de impugnación, xunto co expediente correspondente á resolución impugnada e unha certificación desta, ao xulgado ou tribunal competente, ou ao xuíz decano, para a súa repartición, se o procedemento aínda non se iniciara.

Subir

Quendas especializadas

O Regulamento de asistencia xurídica gratuíta prevé a existencia de quendas especializadas para a asistencia xurídica de mulleres maltratadas, menores e estranxeiros. Non obstante, naqueles colexios onde non haxa suficientes solicitudes ou órganos xurisdicionais competentes, esas quendas están incorporadas á quenda xeral. En todo caso, os colexios de avogados, por si ou a través do  Consello da Avogacía, prestan formación especializada neses eidos, de forma que só se turnan eses asuntos aos letrados e letradas que conten con formación específica

Subir

Libre elección de avogado/a

A reguylación da comunidade autónoma de Galicia permite que os beneficiarios da xustiza gratuíta podan elixir o avogado e procurador que se encargue da súa defensa e representación, polo menos nos procesos de familia, contencioso-administrativos e laborais, entre os profesionais inscritos nas listas de asistencia xurídica gratuíta correspondentes xestionadas polos colexios, sempre que non tivesen esgotada a súa cota máxima semestral (a cal será establecida por unha resolución da Dirección Xeral de Xustiza).

Non obstante, non existe un desenvolvemento regulamentario, polo que dita posibilidade pode nomn estar dispoñible no Colexio de Avogados,

Subir

Unidade de actuación letrada

  • Nos casos de violencia de xénero, a asistencia letrada ás vítimas será prestada polo mesmo avogado desde que se requira a dita asistencia ata a finalización do procedemento, abranguendo ademais todos os procesos penais, civís e administrativos que teñan causa na violencia padecida.
  • Nos procedementos de axuizamento rápido de delitos, a asistencia letrada será prestada por un único avogado desde a detención ou primeira comparecencia, entendéndose con el todas as fases do procedemento.
  • No resto dos procedementos penais, os colexios instrumentarán as medidas necesarias para garantir o principio de unidade de actuación desde a asistencia inicial ata a súa finalización (incluíndo o xuízo oral e a execución da sentenza), exceptuando as actuacións que se deban levar a cabo na circunscrición territorial doutro territorio.

Subir

Uso de cookies

En esta página web utilizamos cookies para recopilar datos sobre hábitos de navegación consecuencia del uso de cookies analíticas de Google y de redes sociales. Para aceptar su uso pulsa “ACEPTAR”. Más información en la Política de Cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies