Real Decreto 658/2.001, do 22 de xuño, polo que se aproba o Estatuto Xeral da Avogacía Española
(BOE 164, do 10/07/2001.)
O pasado 31 de maio (de 2001) subscribiuse o Pacto de Estado para a Reforma da Xustiza co fin de abordar unha modernización íntegra do noso sistema xudicial, impulsando un novo modelo de Xustiza global e estable que garanta con rapidez, eficacia e calidade os dereitos dos cidadáns.
Os avogados deben desempeñar neste proceso un papel esencial. Neste senso, o punto vinte do Pacto de Estado, relativo ós avogados, prevé de maneira explícita a aprobación dun novo Estatuto da Avogacía que constitúa un novo marco normativo para o exercicio da profesión.
En consecuencia, é desexo do Goberno aprobar mediante real decreto a proposta que o Consello Xeral da Avogacía Española elevou ó Goberno en uso das facultades de autorregulación que ten atribuídas.
Para alcanzar unha Xustiza máis áxil e eficaz resulta fundamental moderniza-la regulación da profesión de avogado como colaborador necesario da función xurisdiccional.
O papel que desempeña o avogado no exercicio da súa profesión e en defensa do seu cliente contribúe activamente a mellorar e incrementa-la calidade da Xustiza. O presente estatuto define a función e características da avogacía no seu primeiro artigo como unha profesión libre e independente que «presta un servicio á sociedade en interese público».
A propia Constitución consagra no seu artigo 24 o dereito dos cidadáns á defensa e asistencia letrada. Esta función, atribuída en exclusiva á avogacía e desenvolvida pola Lei orgánica do Poder Xudicial, inspírase nunha serie de principios amplamente desenvolvidos e reforzados polo novo estatuto.
Refórzase o principio de boa fe que preside en todo caso as relacións entre o cliente e o avogado, garantindo a adecuada defensa dos intereses do suxeito xurídico perante os tribunais.
Do mesmo modo, a garantía consagrada no novo estatuto dos principios de liberdade e independencia dos profesionais da avogacía postos sempre ó servicio do defendido, permiten a máis idónea defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns.
Os deberes deontolóxicos e éticos dos avogados vense substancialmente reforzados no presente estatuto, avalando de maneira significativa a plena vixencia dos principios antes mencionados. A esixencia do cumprimento da función de defensa co «máximo celo e dilixencia e gardando o segredo profesional» prevista no artigo 42.1 é un claro exemplo de rigor na defensa dos dereitos dos cidadáns.
A nova regulación contempla por primeira vez as asociacións de avogados con outros profesionais de tal modo que ofrezan uns servicios especializados de maneira coordinada en beneficio do cliente. Regúlase esa participación do avogado como membro de sociedade multiprofesional cun adecuado réxime de garantías que preserva, en todo caso, a deontoloxía profesional.
Os despachos colectivos tamén son obxecto de regulación, modernizándose o seu funcionamento coa importante novidade de suprimirse a limitación no número de membros que os compoñen que rexía ata o de agora.
Co fin de axilizar trámites e moderniza-lo sistema de colexiación incorpórase ó Estatuto Xeral da Avogacía o principio de colexiación única, en vigor desde a reforma de 1996, que facilita a mobilidade profesional do avogado ó permiti-lo libre exercicio en todo o ámbito estatal sen necesidade de trámites engadidos. Esta medida potencia a libre escolla do avogado en favor do cliente.
Outro paso importante constitúeo a desaparición do requisito procedemental da acreditación da suficiencia de poderes do cliente respecto ó seu avogado como trámite tradicional previo ó inicio da defensa.
Coa súa supresión facilítase e axilízase o trámite na designación do avogado, eliminándose o exclusivamente burocrático e reducindo custos.
Na liña de acerca-la xustiza ó cidadán, e como consecuencia tamén da reforma de 1996, posibilítase o abaratamento do procedemento. No anterior estatuto os colexios profesionais fixaban os honorarios mínimos que debía paga-lo cliente ó avogado. No novo estatuto os colexios fixarán exclusivamente honorarios orientativos, o que permitirá unha maior competencia e mellora dos servicios ofertados.
Un avance moi particular para o cliente na súa relación co avogado constitúeo o feito de que por primeira vez sexan os colexios de avogados os que poidan prestar servicios para o aseguramento da responsabilidade profesional na que poida incorre-lo avogado. Isto constitúe unha nova garantía que redunda na mellora do servicio profesional prestado. O cliente poderá, a partir de agora, esixir uns servicios profesionais de maior calidade e acordes coas demandas sociais.
O anterior Estatuto Xeral da Avogacía foi aprobado polo Real decreto 2090/1982, do 24 de xullo. Desde tal data sucedéronse substanciais reformas lexislativas que, unidas á transformación na realidade do exercicio profesional da avogacía, fan necesario aprobar un novo marco normativo que dea cabida ás novas prácticas profesionais que esixe a crecente complexidade das relacións sociais, xurídicas e económicas e ás reformas legais.
A Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, determina que os colexios profesionais, sen prexuízo das leis que regulen a profesión de que se trate, se rexen polos seus estatutos e polos regulamentos de réxime interior. Igualmente, dispón que os consellos xerais elaborarán para tódolos colexios dunha mesma profesión uns estatutos xerais, que serán sometidos á aprobación do Goberno, a través do ministerio competente. Por todo iso, o Consello Xeral da Avogacía, que xa veu adaptando ás novas esixencias a súa normativa en réxime interno, de conformidade co artigo 6.2 da Lei de colexios profesionais, elaborou un proxecto de Estatuto Xeral da Avogacía Española que, a través do Ministerio de Xustiza, foi sometido á aprobación do Goberno.
Na súa virtude, por proposta do ministro de Xustiza, de acordo co Consello de Estado e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 22 de xuño de 2001,
DISPOÑO :
Artigo único. Aprobación do Estatuto Xeral da Avogacía Española.
Apróbase o Estatuto Xeral da Avogacía Española, co texto que se insire a seguir.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.
Queda derrogado o Real decreto 2090/1982, do 24 de xullo, polo que se aproba o Estatuto Xeral da Avogacía, así como tódalas normas de igual ou inferior rango relativas á ordenación profesional da avogacía que se opoñan ó establecido neste real decreto.
Disposición derradeira primeira. Lexislación autonómica. O disposto no Estatuto Xeral entenderase sen prexuízo do que sobre esta materia, de acordo coa Constitución, a lexislación estatal e os estatutos de autonomía, dispoña a lexislación autonómica.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor. Este real decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no «Boletín Oficial del Estado».
Dado en Madrid o 22 de xuño de 2001.
JUAN CARLOS R.
O ministro de Xustiza,
ÁNGEL ACEBES PANIAGUA
ESTATUTO XERAL DA AVOGACÍA ESPAÑOLA
TÍTULO I
CAPÍTULO ÚNICO
Da avogacía e os seus organismos rectores
Artigo 1.
1. A avogacía é unha profesión libre e independente que presta un servicio á sociedade en interese público e que se exerce en réxime de libre e leal competencia, por medio do consello e a defensa de dereitos e intereses públicos ou privados, mediante a aplicación da ciencia e a técnica xurídicas, en orde á concordia, á efectividade dos dereitos e liberdades fundamentais e á xustiza.
2. No exercicio profesional, o avogado queda sometido á normativa legal e estatutaria, ó fiel cumprimento das normas e usos da deontoloxía profesional da avogacía e ó conseguinte réxime disciplinario colexial.
3. Os organismos rectores da Avogacía española, nos seus ámbitos respectivos, son: o Consello Xeral da Avogacía Española, os consellos de colexios de avogados e os colexios de avogados. Tódolos organismos colexiais se someterán na súa actuación e funcionamento ós principios democráticos e ó réxime de control orzamentario anual, coas competencias atribuídas nas disposicións legais e estatutarias.
Artigo 2.
1. Os colexios de avogados son corporacións de dereito público amparadas pola lei e recoñecidas polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.
2. Nas provincias onde existe un só colexio de avogados, este terá competencia no ámbito territorial de toda a provincia e sede na súa capital.
3. Nas provincias con varios colexios de avogados, cada un deles terá competencia exclusiva e excluínte no ámbito territorial que tiña ó se promulga-la Constitución española de 1978, calquera que sexa o número de partidos xudiciais que agora comprenda.
4. A modificación das demarcacións xudiciais non afectará o ámbito territorial dos colexios de avogados, que terán competencia nos novos partidos xudiciais que se poidan crear no seu territorio.
5. En caso de creación de partidos xudiciais que comprendan territorios de distintos colexios, estes poderán acorda-la modificación do seu ámbito territorial a fin de que a competencia colexial atinxa partidos xudiciais completos, salvo que os colexios interesados conveñan noutra cosa. Se non se alcanzar acordo entre os colexios, o consello de colexios da respectiva comunidade autónoma ou, no seu defecto, o Consello Xeral da Avogacía atribuirá a competencia colexial, ponderando adecuadamente as circunstancias concorrentes.
TÍTULO II
CAPÍTULO I
Dos colexios de avogados
Artigo 3.
1. Son fins esenciais dos colexios de avogados, nos seus respectivos ámbitos, a ordenación do exercicio da profesión; a representación exclusiva desta; a defensa dos dereitos e intereses profesionais dos colexiados; a formación profesional permanente dos avogados; o control deontolóxico e a aplicación do réxime disciplinario en garantía da sociedade; a defensa do Estado social e democrático de dereito proclamado na Constitución e a promoción e defensa dos dereitos humanos, e a colaboración no funcionamento, promoción e mellora da Administración de Xustiza.
2. Os colexios de avogados rexeranse polas disposicións legais estatais ou autonómicas que os afecten, polo presente estatuto xeral, polos seus estatutos particulares, polos seus regulamentos de réxime interior e polos acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias.
Artigo 4.
1. Son funcións dos colexios de avogados, no seu ámbito territorial:
a) Exerce-la representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fines e, especialmente, a representación e defensa da profesión perante a Administración,institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os dereitos e intereses profesionais e os fins da avogacía, exerce-las accións penais, civís, administrativas ou sociais que sexan procedentes, así como para utiliza-lo dereito de petición conforme a lei.
b) Informar, nos respectivos ámbitos de competencia, de palabra ou por escrito, nos proxectos ou iniciativas das Cortes Xerais, do Goberno, de órganos lexislativos ou executivos de carácter autonómico e doutros organismos que así o requiran.
c) Colaborar co Poder Xudicial e os demais poderes públicos, mediante a realización de estudios, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, que lles sexan solicitadas ou acorden por propia iniciativa.
d) Organizar e xestiona-los servicios de asistencia xurídica gratuíta e cantos outros de asistencia e orientación xurídica se poidan crear estatutariamente.
e) Participar en materias propias da profesión nos órganos consultivos da Administración, ben como nos organismos interprofesionais.
f) Asegura-la representación da avogacía nos consellos sociais e padroados universitarios, nos termos establecidos nas normas que os regulen.
g) Participar na elaboración dos plans de estudios, informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión, manter permanente contacto con eles, crear, manter e propor ó Consello Xeral da Avogacía Española a homologación de escolas de práctica xurídica e outros medios para facilita-lo acceso á vida profesional dos novos titulados, e organizar cursos para a formación e perfeccionamento profesional.
h) Ordena-la actividade profesional dos colexiados, velando pola formación, a ética e a dignidade profesionais e polo respecto debido ós dereitos dos particulares; exerce-la facultade disciplinaria na orde profesional e colexial; elabora-los seus estatutos particulares e as modificacións destes, someténdoos á aprobación do Consello Xeral da Avogacía Española; redactar e aproba- lo seu propio regulamento de réxime interior, sen prexuízo de ser visado polo Consello Xeral, e demais acordos para o desenvolvemento das súas competencias.
i) Organizar e promover actividades e servicios comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e outros análogos, incluído o aseguramento obrigatorio da responsabilidade civil profesional cando se estableza legalmente.
j) Procura-la harmonía e colaboración entre os colexiados impedindo a competencia desleal entre eles.
k) Adopta-las medidas conducentes a evitar e persegui-lo intrusismo profesional.
l) Intervir, logo de solicitude, en vías de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados, ou entre estes e os seus clientes.
m) Exercer funcións de arbitraxe nos asuntos que lles sexan sometidos, así como promover ou participar en institucións de arbitraxe.
n) Resolve-las discrepancias que poidan xurdir en relación coa actuación profesional dos colexiados e a percepción dos seus honorarios, mediante laudo a que previamente se sometan de modo expreso as partes interesadas.
ñ) Establecer baremos orientadores sobre honorarios profesionais, e, se é o caso, o réxime das notas de encargo ou orzamentos para os clientes.
o) Informar e dictaminar sobre honorarios profesionais, así como establecer, se é o caso, servicios voluntarios para a súa cobranza.
p) Cumprir e facerlles cumprir ós colexiados, en canto afecte a profesión, as disposicións legais e estatutarias, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.
q) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses da profesión, dos colexiados e demais fins da avogacía.
r) As demais que veñan dispostas pola lexislación estatal ou autonómica.
2. Os colexios poderán establecer delegacións naquelas demarcacións xudiciais en que resulte conveniente para o mellor cumprimento dos fins e maior eficacia das funcións colexiais. As delegacións exercerán a representación colexial delegada no ámbito da súa demarcación, coas facultades e competencias que determine a xunta de goberno do colexio ó crealas ou en acordos posteriores.
Artigo 5.
1. Os colexios de avogados terán o seu tratamento tradicional e, en todo caso, o de ilustre, e os seus decanos o de ilustrísimo señor. Non obstante, os decanos de colexios na sede dos cales radiquen salas do Tribunal Superior de Xustiza, os presidentes de consellos de colexios de comunidade autónoma e os membros do Consello Xeral da Avogacía, que non teñan outro tratamento pola súa condición de decano, terán o de excelentísimo señor. Tanto estes tratamentos, como a denominación honorífica de decano, ostentaranse con carácter vitalicio.
2. Os decanos de colexios dos que a sede radique en capital de provincia terán a consideración honorífica de presidente de sala do respectivo tribunal ou audiencia.
Os decanos dos demais colexios terán a consideración honorífica de maxistrado ou xuíz do xulgado de primeira instancia e instrucción da localidade en que o colexio estea constituído.
3. Os decanos dos colexios de avogados e os membros dos consellos de colexios de comunidades autónomas e do Consello Xeral da Avogacía Española levarán refollos de encaixe nas súas togas, así como as medallas e placas correspondentes ós seus cargos, en audiencia pública e actos solemnes a que asistan en exercicio dos mesmos. En tales ocasións os demais membros da xunta de goberno dos colexios de avogados levarán sobre a toga os atributos propios dos seus cargos, así como refollos de encaixe na toga se tradicionalmente tiveren recoñecido ese dereito.
CAPÍTULO II
Dos avogados
SECCIÓN 1.a DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 6.
Corresponde en exclusiva a denominación e función de avogado ó licenciado en dereito que exerza profesionalmente a dirección e defensa das partes en toda clase de procesos, ou o asesoramento e consello xurídico.
Artigo 7.
1. Os colexios de avogados velarán para que a ningunha persoa se lle negue a asistencia dun letrado para a defensa dos seus dereitos e intereses, xa sexa da súa libre escolla ou ben de oficio, con ou sen recoñecemento do dereito de asistencia xurídica gratuíta, conforme os requisitos establecidos para o efecto.
2. Os órganos da avogacía, nos seus respectivos ámbitos, velarán polos medios legais ó seu alcance para que se removan os impedimentos de calquera clase que se opoñan á intervención en dereito dos avogados, incluídos os normativos, así como para que se recoñeza a exclusividade da súa actuación.
3. Os colexios de avogados, os consellos de colexios das comunidades autónomas e o Consello Xeral exercerán as accións que foren procedentes por presuntos delictos ou faltas de intrusismo.
Artigo 8.
1. A intervención profesional do avogado en toda clase de procesos e ante calquera xurisdicción será preceptiva cando así o dispoña a lei.
2. O avogado poderá exerce-la súa profesión ante calquera clase de tribunais, órganos administrativos, asociacións, corporacións e entidades públicas de calquera índole, sen prexuízo de podelo facer tamén ante calquera entidade ou persoa privada cando o requiran os seus servicios.
3. O avogado poderá exerce-la representación do cliente cando non estea reservada por lei a outras profesións.
Artigo 9.
1. Son avogados os que, incorporados a un colexio español de avogados en calidade de exercentes, e cumpridos os requisitos necesarios para iso, se dedican de forma profesional ó asesoramento, concordia e defensa dos intereses xurídicos alleos, públicos ou privados.
2. Corresponde en exclusiva a denominación e función de avogado ós que o sexan de acordo coa precedente definición, e nos termos previstos polo artigo 436 da Lei orgánica do Poder Xudicial.
3. Non obstante, poderán seguir utilizando a denominación de avogado, engadindo sempre a expresión «sen exercicio», os que cesen no exercicio da dita profesión despois de teren exercido ó menos vinte anos.
4. Tamén poderán pertencer ós colexios de avogados, coa denominación de colexiados non exercentes, os que reúnan os requisitos establecidos no artigo 13.1 deste estatuto xeral.
Artigo 10.
Poderán ser decanos ou colexiados de honra aquelas persoas ou institucións que reciban este nomeamento por acordo da xunta xeral do colexio, por proposta da de goberno e en atención a méritos ou servicios relevantes prestados en favor da avogacía ou do propio colexio.
SECCIÓN 2.a DA COLEXIACIÓN
Artigo 11.
Para o exercicio da avogacía é obrigatoria a colexiación nun colexio de avogados, agás nos casos determinados expresamente pola lei ou por este estatuto xeral. Abondará coa incorporación a un só colexio, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio do Estado.
Artigo 12.
Non poderá limitarse o número dos compoñentes dos colexios de avogados ni cerrarse temporal ou definitivamente a admisión de novos colexiados.
Artigo 13.
1. A incorporación a un colexio de avogados esixirá os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da Unión Europea ou do acordo sobre o Espacio Económico Europeo do 2 de maio de 1992, salvo o disposto en tratados ou convenios internacionais ou dispensa legal.
b) Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.
c) Posuí-lo título de licenciado en dereito ou os títulos estranxeiros que, conforme as normas vixentes, sexan homologados a aqueles.
d) Satisface-la cota de ingreso e demais que teña establecidas o colexio.
2. A incorporación como exercente esixirá, ademais, os seguintes requisitos:
a) Carecer de antecedentes penais que inhabiliten para o exercicio da avogacía.
b) Non estar incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición para o exercicio da avogacía.
c) Por lei, segundo o teor do establecido nos artigos 36 e 149.1.30.a da Constitución, poderanse establecer fórmulas homologables co resto dos países da Unión Europea que garantan a preparación no exercicio da profesión.
En todo caso, estarán exceptuados do dito réxime os funcionarios ó servicio das administracións públicas, no ámbito civil ou militar, que superasen os correspondentes concursos ou oposicións de ingreso, se para a súa concorrencia acreditaron a licenciatura en dereito e tomaron posesión do seu cargo, así como quen fose con anterioridade avogado exercente incorporado en calquera colexio de avogados de España.
d) Formaliza-lo ingreso na Mutualidade Xeral da Avogacía, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa ou, se é o caso, no réxime de Seguridade Social que corresponda de acordo coa lexislación vixente.
Artigo 14.
1. Son circunstancias determinantes de incapacidade para o exercicio da avogacía:
a) Os impedimentos que, pola súa natureza ou intensidade,non permitan o cumprimento da misión de defensa dos intereses alleos que ós avogados se encomenda.
b) A inhabilitación ou suspensión expresa para o exercicio da avogacía en virtude de resolución xudicial ou corporativa firme.
c) As sancións disciplinarias firmes que leven consigo a suspensión do exercicio profesional ou a expulsión de calquera colexio de avogados.
2. As incapacidades desaparecerán cando cesen as causas que as motivaron ou se extinga a responsabilidade disciplinaria conforme o artigo 90 do presente estatuto.
Artigo 15.
1. As solicitudes de incorporación serán aprobadas,suspendidas ou denegadas pola xunta de goberno de cada colexio, logo das dilixencias e informes que proceda, mediante resolución motivada contra a que caberán os recursos previstos neste estatuto xeral.
2. Os colexios de avogados non lle poderán denega-lo ingreso na corporación a quen reúna os requisitos establecidos no artigo 13 deste estatuto xeral.
Artigo 16.
1. Os avogados, antes de iniciaren o seu exercicio profesional por primeira vez, prestarán xuramento ou promesa de acatamento da Constitución e do resto do ordenamento xurídico, e de fiel cumprimento das obrigas e normas deontolóxicas da profesión de avogado.
2. O xuramento ou promesa será prestado ante a xunta de goberno do colexio de avogados ó cal o avogado se incorpore como exercente por primeira vez, na forma que a propia xunta estableza.
3. A xunta poderá autorizar que o xuramento ou promesa se formalice inicialmente por escrito, con compromiso da súa posterior ratificación pública. En todo caso, deberase deixar constancia no expediente persoal do colexiado da prestación de devandito xuramento ou promesa.
Artigo 17.
1. Todo avogado incorporado a calquera colexio de avogados de España poderá presta-los seus servicios profesionais libremente en todo o territorio do Estado, no resto dos estados membros da Unión Europea e nos demais países, conforme a normativa vixente ó respecto.
Os avogados doutros países poderano facer en España conforme a normativa vixente para o efecto.
2. Para actuar profesionalmente no ámbito territorial de calquera outro colexio diferente daquel ó que estiver incorporado, non se lle poderá esixir ó avogado ningunha habilitación nin o pagamento de contra prestacións económicas distintas daquelas que se esixan habitualmente ós colexiados do colexio onde vaia intervir pola prestación dos servicios dos que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.
3. Non obstante, o avogado que vaia exercer nun territorio diferente ó da súa colexiación, deberá comunicalo ó colexio no ámbito do cal teña que intervir directamente, a través do propio colexio a que estea incorporado, do Consello Xeral da Avogacía Española ou do correspondente consello autonómico, na forma que estableza o Consello Xeral da Avogacía Española. A comunicación producirá efectos desde a súa presentación, rexistro e selo da copia, sen prexuízo de que se solicite do colexio de orixe que, logo de dilixencia do Consello Xeral da Avogacía Española de que o comunicante non está sancionado ou incapacitado para o exercicio profesional en ningún colexio de España, faga constar perante o colexio de destino que o comunicante está incorporado no mesmo como avogado en exercicio e que non foi sancionado ou incapacitado para tal exercicio en ningún colexio de avogados de España.
4. Nas actuacións profesionais que leve a cabo no ámbito territorial doutro colexio, o avogado estará suxeito ás normas de actuación, deontoloxía e réxime disciplinario deste. O citado colexio protexerá a súa liberdade e independencia na defensa e será competente para a tramitación e resolución dos expedientes disciplinarios a que houber lugar, sen prexuízo de que a eventual sanción produza efectos en tódolos colexios de España conforme o artigo 89.2 deste estatuto xeral.
5. Non se necesitará incorporación a un colexio para a defensa de asuntos propios ou de parentes ata o terceiro grao de consanguinidade ou segundo de afinidade, sempre que o interesado reúna os requisitos establecidos polo artigo 13.1, alíneas a), b) e c) deste estatuto, así como aqueles que poidan establece-las normas vixentes.
Os que estean neste caso serán habilitados polo decano do colexio de avogados para a intervención que se solicite.
Tal habilitación supón para quen a recibe, aínda que só con relación ó asunto ou asuntos a que alcanza, o desfrute de tódolos dereitos concedidos en xeral ós avogados e a asunción das correlativas obrigas.
Artigo 18.
1. A incorporación ou comunicación de actuación profesional acredita o avogado como tal, sen que sexa necesario ningunha designación ou nomeamento do Poder Xudicial ou da Administración pública.
2. O secretario do colexio remitirá anualmente a lista dos avogados exercentes incorporados a el a tódolos xulgados e tribunais do seu territorio, así como ós centros penitenciarios e de detención, lista que se actualizará periodicamente coas altas e baixas. Ós avogados que figuren nas ditas listas non se lles poderá esixir outro comprobante para o exercicio da súa profesión.
3. O secretario do colexio ou persoa en quen delegue poderá comprobar que os avogados que interveñan nas oficinas e actuacións xudiciais figuren incorporados como exercentes no dito colexio ou noutro de España, ou que, malia non o estaren, foron habilitados conforme o derradeiro número do artigo anterior.
4. Os avogados deberán consignar en tódalas súas actuacións o colexio en que estiveren incorporados, o número de colexiado e, se é o caso, a data da comunicación ou habilitación previstas no artigo precedente.
Artigo 19.
1. A condición de colexiado perderase:
a) Por falecemento.
b) Por baixa voluntaria.
c) Por falta de pagamento das cotas ordinarias ou extraordinarias e das demais cargas colexiais a que estiveren obrigados. Non obstante, a falta de pagamento das cotas da Mutualidade Xeral da Avogacía, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa, non dará lugar á inmediata perda da condición de colexiado, sen prexuízo da responsabilidade disciplinaria que corresponda.
d) Por condena firme que leve consigo a pena principal ou accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.
e) Por sanción firme de expulsión do colexio, acordada en expediente disciplinario.
2. A perda da condición de colexiado será acordada pola xunta de goberno do colexio en resolución motivada e, unha vez firme, será comunicada ó Consello Xeral e ó consello de colexios da comunidade autónoma correspondente, se é o caso.
3. No caso da alínea c) do número 1 anterior, os colexiados poderán rehabilita-los seus dereitos pagando a débeda, os seus xuros ó tipo legal e a cantidade que corresponder como nova incorporación.
Artigo 20.
As xuntas de goberno dos colexios de avogados acordarán o paso á situación de non exercente daqueles avogados nos que concorra algunha das circunstancias determinantes de incapacidade ou incompatibilidade para o exercicio, en canto aquela subsista, sen prexuízo de que, se houber lugar, resolvan o que proceda en vía disciplinaria e con independencia da situación colexial final en que deba quedar quen resulte incapaz para exerce- la avogacía.
SECCIÓN 3.a PROHIBICIÓNS, INCOMPATIBILIDADES E RESTRICCIÓNS ESPECIAIS
Artigo 21.
Os avogados teñen as seguintes prohibicións, a infracción das cales se sancionará disciplinariamente:
a) Exerceren a avogacía estando incursos en causa de incompatibilidade, así como prestaren a súa sinatura a quen, por calquera causa, non poida exercer como avogado.
b) Compartiren locais ou servicios con profesionais incompatibles, se iso afectase a salvagarda do segredo profesional.
c) Manteren vínculos asociativos de carácter profesional que impidan o correcto exercicio da avogacía, atendendo a este respecto ó previsto neste estatuto e, singularmente, no artigo 22.3.
Artigo 22.
1. O exercicio da avogacía é incompatible con calquera actividade que poida supor menosprezo da liberdade, a independencia ou a dignidade que lle son inherentes. Así mesmo, o avogado que realice ó mesmo tempo calquera outra actividade deberá absterse de realizar aquela que resulte incompatible co correcto exercicio da avogacía, por supor un conflicto de intereses que impida respecta-los principios do correcto exercicio contidos neste estatuto.
2. Así mesmo, o exercicio da avogacía será absolutamente incompatible con:
a) O desempeño, en calquera concepto, de cargos, funcións ou empregos públicos no Estado e en calquera das administracións públicas, sexan estatais, autonómicas, locais ou institucionais, en que a propia normativa reguladora así o especifique.
b) O exercicio da profesión de procurador, graduado social, axente de negocios, xestor administrativo e calquera outra cando a propia normativa reguladora así o especifique.
c) O mantemento de vínculos profesionais con cargos ou profesionais incompatibles coa avogacía que impidan o correcto exercicio desta.
3. En todo caso, o avogado non poderá realizar actividade de auditoría de contas ou outras que sexan incompatibles co correcto exercicio da avogacía simultaneamente para o mesmo cliente ou para quen o fose nos tres anos precedentes.
Non se entenderá incompatible esta prestación se é realizada por persoas xurídicas distintas e con consellos de administración diferentes.
Artigo 23.
1. O avogado a quen afecte algunha das causas de incompatibilidade establecidas no artigo anterior deberá comunicalo sen escusa á xunta de goberno do colexio e cesar inmediatamente na situación de incompatibilidade, entendéndose que renuncia ó exercicio profesional se non o manifesta por escrito no prazo de trinta días, co que automaticamente será dado de baixa nel.
2. A infracción do devandito deber de cesar na situación de incompatibilidade, así coma o seu exercicio con infracción das incompatibilidades establecidas no artigo anterior, directamente ou por persoa interposta, constituirá infracción moi grave, sen prexuízo das demais responsabilidades que correspondan.
Artigo 24.
1. O exercicio da avogacía é tamén incompatible coa intervención ante aqueles organismos xurisdiccionais en que figuren como funcionarios ou contratados o cónxuxe, o convivente permanente con análoga relación de afectividade ou os parentes do avogado, dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
2. O avogado a quen afecte tal incompatibilidade deberá absterse da defensa que en tales asuntos lle puidese ser encomendada. A devandita obriga de abstención enténdese sen prexuízo do dereito de recusación que poida asisti-lo litigante contrario.
Artigo 25.
1. O avogado poderá realizar publicidade dos seus servicios que sexa digna, leal e veraz, con absoluto respecto á dignidade das persoas, á lexislación sobre publicidade, sobre defensa da competencia e competencia desleal, axustándose, en calquera caso, ás normas deontolóxicas.
2. Considerarase contraria ás normas deontolóxicas da avogacía a publicidade que supoña:
a) Revelar directa ou indirectamente feitos, datos ou situacións amparados polo segredo profesional.
b) Incitar xenérica ou concretamente ó preito ou conflicto.
c) Ofrece-los seus servicios, por si ou mediante terceiros, a víctimas de accidentes ou desgracias, ós seus herdeiros ou ós seus habentes causa, no momento en que carecen de plena e serena liberdade para a escolla de avogado por se encontraren sufrindo a dita recente desgracia persoal ou colectiva.
d) Promete-la obtención de resultados que non dependan exclusivamente da actividade do avogado.
e) Facer referencia directa ou indirecta a clientes do propio avogado.
f) Utiliza-los emblemas ou símbolos colexiais e aqueloutros que pola súa similitude puideren xerar confusión, ó reservarse o seu uso para a publicidade institucional que poida realizarse en beneficio da profesión en xeral.
3. Os avogados que presten os seus servicios en forma permanente ou ocasional a empresas individuais ou colectivas deberán esixir que estas se absteñan de efectuaren publicidade respecto de tales servicios que non se axuste ó establecido neste estatuto xeral.
Artigo 26.
1. Os avogados terán plena liberdade de aceptar ou rexeita-la dirección do asunto, así como de renunciar a el en calquera fase do procedemento, sempre que non se produza indefensión ó cliente.
2. Os avogados que deban encargarse da dirección profesional dun asunto encomendado a outro compañeiro na mesma instancia deberán solicita-la súa venia, salvo que exista renuncia escrita e incondicionada a prosegui- la súa intervención por parte do anterior letrado e, en todo caso, obter daquel a información necesaria para continua-lo asunto.
3. A venia, excepto caso de urxencia a xustificar, deberá ser solicitada con carácter previo e por escrito, sen que o letrado requirido poida denegala e coa obriga pola súa parte de devolve-la documentación no seu poder e facilitar ó novo letrado a información necesaria para continua-la defensa.
4. O letrado substituído terá dereito a reclama-los honorarios que correspondan á súa intervención profesional e o substituto terá o deber de colaborar dilixentemente na xestión do seu pagamento.
SECCIÓN 4.a EXERCICIO INDIVIDUAL, COLECTIVO E MULTIPROFESIONAL
Artigo 27.
1. O exercicio individual da avogacía poderá desenvolverse por conta propia, como titular dun despacho, ou por conta allea, como colaborador dun despacho individual ou colectivo. Non se perderá a condición de avogado que exerce como titular do seu propio despacho individual cando:
a) O avogado teña no seu bufete pasantes ou colaboradores, con ou sen relación laboral con eles.
b) O avogado comparta o bufete co seu cónxuxe,ascendentes, descendentes ou parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
c) O avogado comparta os locais, instalacións, servicios ou outros medios con outros avogados, pero mantendo a independencia dos seus bufetes, sen identificación conxunta destes ante a clientela.
d) O avogado concerte acordos de colaboración para determinados asuntos ou clases de asuntos con outros avogados ou despachos colectivos, nacionais ou estranxeiros, calquera que sexa a súa forma.
e) O avogado constitúa unha sociedade unipersoal para o citado exercicio da avogacía, que deberá observar, en canto poida aplicárselle, o disposto no artigo seguinte para o exercicio colectivo.
2. O avogado titular dun despacho profesional individual responderá profesionalmente fronte ó seu cliente das xestións ou actuacións que efectúen os seus pasantes ou colaboradores, sen prexuízo da facultade de repetir deles se procedese. Non obstante, os pasantes e colaboradores quedan sometidos ás obrigas deontolóxicas e asumirán a súa propia responsabilidade disciplinaria.
Os honorarios a cargo do cliente devengaranse a favor do titular do despacho, mesmo no caso de as actuacións seren realizadas por outros letrados por delegación ou substitución do mesmo; e, pola súa vez, o titular do despacho responderá persoalmente dos honorarios debidos ós letrados ós que encargue ou delegue actuacións mesmo no caso de que o cliente deixase de aboarllos, salvo pacto escrito en contrario.
3. O exercicio da avogacía por conta allea en réxime de especial colaboración deberá pactarse expresamente por escrito, fixando as condicións, duración, alcance e réxime económico da colaboración.
4. A avogacía tamén se poderá exercer por conta allea baixo réxime de dereito laboral, mediante contrato de traballo formalizado por escrito e no que deberá respectarse a liberdade e independencia básicas para o exercicio da profesión e expresarse se o dito exercicio fose en réxime de exclusividade.
5. Os colexios de avogados poderán esixi-la presentación dos contratos de colaboración e de traballo a fin de verificaren que se axustan ó establecido neste estatuto xeral. Nas actuacións que realice o colaborador en réxime especial ou en réxime de dereito laboral, por substitución ou por delegación do despacho co que colabore, deberá facer constar en nome e por conta de quen actúa.
Artigo 28.
1. Os avogados poderán exerce-la avogacía colectivamente, mediante a súa agrupación baixo calquera das formas lícitas en dereito, incluídas as sociedades mercantís.
2. A agrupación deberá ter como obxecto exclusivo o exercicio profesional da avogacía e estar integrada exclusivamente por avogados en exercicio, sen limitación de número. Non poderá compartir locais ou servicios con profesionais incompatibles, se iso afectase a salvagarda do segredo profesional. Tanto o capital como os dereitos políticos e económicos deberán estar atribuídos unicamente ós avogados que integren o despacho
colectivo.
3. A forma de agrupación deberá permitir en todo momento a identificación dos seus integrantes, deberá constituírse por escrito e inscribirse no rexistro especial correspondente ó colexio onde tivese o seu domicilio.
No dito rexistro inscribiranse a súa composición e as altas e baixas que se produzan. Os avogados que formen parte dun despacho colectivo estarán obrigados persoalmente a solicita-las inscricións correspondentes.
4. Os avogados agrupados nun despacho colectivo non poderán ter despacho independente do colectivo e nas intervencións profesionais que realicen e nas minutas que emitan deberán deixar constancia da súa condición de membros do referido colectivo. Non obstante, as actuacións correspondentes á asistencia xurídica gratuíta terán carácter persoal, aínda que poderá solicitarse do colexio a súa facturación a nome do despacho colectivo.
5. Os avogados membros dun despacho colectivo terán plena liberdade para aceptar ou rexeitar calquera cliente ou asunto do despacho, así como plena independencia para dirixi-la defensa dos intereses que teñan encomendados. As substitucións que se produzan ateranse ás normas de funcionamento do respectivo despacho, sen precisa-la solicitude de venia interna. Os honorarios corresponderán ó colectivo sen prexuízo do réxime interno de distribución que establezan as referidas normas.
6. A actuación profesional dos integrantes do despacho colectivo estará sometida á disciplina colexial do colexio no ámbito do cal se efectúa, respondendo persoalmente o avogado que a efectuase. Non obstante, estenderanse a tódolos membros do despacho colectivo o deber de segredo profesional, as incompatibilidades que afecten calquera dos seus integrantes e as situacións de prohibición de actuar en defensa de intereses contrapostos cos patrocinados por calquera deles.
7. A responsabilidade civil que puidese te-lo despacho colectivo será conforme co réxime xurídico xeral que corresponda á forma de agrupación utilizada. Ademais, tódolos avogados que interviñesen nun asunto responderán civilmente fronte ó cliente con carácter persoal, solidario e ilimitado.
8. Para a mellor salvagarda do segredo profesional e das relacións de compañeirismo, as normas reguladoras do despacho colectivo poderán someter a arbitraxe colexial as discrepancias que puidesen xurdir entre os seus membros por mor do funcionamento, separación ou liquidación do dito despacho.
Artigo 29.
1. Os avogados poderanse asociar en réxime de colaboración multiprofesional con outros profesionais liberais non incompatibles, sen limitación de número e sen que iso afecte a súa plena capacidade para o exercicio da profesión ante calquera xurisdicción e tribunal, utilizando calquera forma lícita en dereito, incluídas as sociedades mercantís, sempre que se cumpran as seguintes condicións:
a) Que a agrupación teña por obxecto a prestación de servicios conxuntos determinados, incluíndo servicios xurídicos específicos que se complementen co das
outras profesións.
b) Que a actividade a desempeñar non afecte o correcto exercicio da avogacía polos membros avogados.
c) Que se cumpran as condicións establecidas no artigo anterior no que afecte o exercicio da avogacía, salvo o expresado baixo o seu número 2, que non resultará aplicable, ou no número 4, do que só será aplicable a obriga de deixar constancia da condición de membro do colectivo multiprofesional nas actuacións que se realicen e minutas que se emitan no seu ámbito.
2. Nos colexios de avogados crearase un rexistro especial onde se inscribirán as agrupacións en réxime de colaboración multiprofesional.
3. Os membros avogados deberán separarse cando calquera dos seus integrantes incumpra as normas sobre prohibicións, incompatibilidades ou deontoloxía propias da avogacía.
TÍTULO III Dereitos e deberes dos avogados
CAPÍTULO I
De carácter xeral
Artigo 30.
O deber fundamental do avogado, como partícipe na función pública da Administración de Xustiza, é cooperar a ela asesorando, conciliando e defendendo en dereito os intereses que lle sexan confiados. En ningún caso a tutela de tales intereses pode xustifica-la desviación do fin supremo de xustiza a que a avogacía está vinculada.
Artigo 31.
Son tamén deberes xerais do avogado:
a) Cumpri-las normas legais, estatutarias e deontolóxicas, así como os acordos dos diferentes órganos corporativos.
b) Manter despacho profesional aberto, propio, alleo ou de empresa, no territorio do colexio no ámbito do cal estea incorporado e exerza habitualmente a súa profesión.
c) Comunica-lo seu domicilio e os eventuais cambios deste ó colexio a que estea incorporado.
Artigo 32.
1. De conformidade co establecido polo artigo 437.2 da Lei orgánica do Poder Xudicial, os avogados deberán gardar segredo de tódolos feitos ou noticias que coñezan por razón de calquera das modalidades da súa actuación profesional, non podendo ser obrigados a declarar sobre eles.
2. No caso de que o decano dun colexio, ou quen estatutariamente o substitúa, for requirido en virtude de norma legal ou avisado pola autoridade xudicial, ou se é o caso gobernativa, competente para a práctica dun rexistro no despacho profesional dun avogado, deberá comparecer no dito despacho e asistir ás dilixencias que nel se practiquen, velando pola salvagarda do segredo profesional.
Artigo 33.
1. O avogado ten dereito a tódalas consideracións honoríficas debidas á súa profesión e tradicionalmente recoñecidas a ela.
2. O avogado, en cumprimento da súa misión, actuará con liberdade e independencia, sen outras limitacións que as impostas pola lei e polas normas éticas e deontolóxicas.
3. O deber de defensa xurídica que ós avogados se confía é tamén un dereito para eles, polo que, ademais de faceren uso de cantos remedios ou recursos establece a normativa vixente, poderán reclamar, tanto das autoridades como dos colexios e dos particulares, tódalas medidas de axuda na súa función que lles sexan legalmente debidas.
4. Se o letrado entender que non se lle garda o respecto debido á súa misión, liberdade e independencia, poderá facelo presente ó xuíz ou tribunal para que poña o remedio adecuado.
CAPÍTULO II
En relación ó colexio e ós demais colexiados
Artigo 34.
Son deberes dos colexiados:
a) Estaren ó día no pagamento das súas cotas, ordinarias ou extraordinarias, e levanta-las demais cargas colexiais, calquera que sexa a súa natureza, na forma e prazos establecidos para isto. Para tales efectos considéranse cargas corporativas tódalas impostas polo colexio, o consello de colexios da comunidade autónoma, se é o caso, ou o Consello Xeral da Avogacía, así como as correspondentes á Mutualidade Xeral da Avogacía, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa.
b) Denunciaren ó colexio todo acto de intrusismo que chegue ó seu coñecemento, ben como os casos de exercicio ilegal, sexa por falta de colexiación, sexa por suspensión ou inhabilitación do denunciado, ou por estar incurso en supostos de incompatibilidade ou prohibición.
Así como aqueles supostos de falta de comunicación da actuación profesional.
c) Denunciaren ó colexio calquera atentado contra a liberdade, independencia ou dignidade dun avogado no exercicio das súas funcións.
d) Non intentar a implicación do avogado contrario no litixio ou intereses debatidos, ni directa ni indirectamente, evitando mesmo calquera alusión persoal ó compañeiro e tratándoo sempre coa maior corrección.
e) Manter como materia reservada as conversas e correspondencia habidas co avogado ou avogados contrarios, con prohibición de revelalos ou presentalos en xuízo sen o seu consentimento previo. Non obstante, por causa grave, a xunta de goberno do colexio poderá discrecionalmente autoriza-la súa revelación ou presentación en xuízo sen o dito consentimento previo.
Artigo 35.
Son dereitos dos colexiados:
a) Participaren na xestión corporativa e, por tanto, exerceren os dereitos de petición, de voto e de acceso ós cargos directivos, na forma que establezan as normas legais ou estatutarias.
b) Pediren e obteren de tódolos órganos corporativos a protección da súa independencia e lícita liberdade de actuación profesional.
c) Aqueles outros que lles confiran os estatutos particulares de cada colexio.
CAPÍTULO III
En relación cos tribunais
Artigo 36.
Son obrigas do avogado para cos órganos xurisdiccionais a probidade, lealdade e veracidade canto ó fondo das súas declaracións ou manifestacións, e o respecto canto á forma da súa intervención.
Artigo 37.
1. Os avogados comparecerán ante os tribunais vestindo toga e, potestativamente, birrete, sen distintivo de ningunha clase, salvo o colexial, e adecuarán a súa indumentaria á dignidade e prestixio da toga que visten e ó respecto á xustiza.
2. Os avogados non estarán obrigados a descubrirse máis que á entrada e saída das salas a que concorran para as vistas e no momento de solicita-la venia para informar.
Artigo 38.
1. Os avogados terán dereito a intervir ante os tribunais de calquera xurisdicción sentados dentro do estrado, ó mesmo nivel en que se ache instalado o tribunal ante quen actúen, tendo diante deles unha mesa e situándose ós lados do tribunal de modo que non dean as costas ó público, sempre con igual trato que o Ministerio Fiscal ou a Avogacía do Estado.
2. O letrado actuante poderá ser auxiliado ou substituído no acto da vista ou xuízo ou en calquera outra dilixencia xudicial por un compañeiro en exercicio, incorporado ou a actuación do cal fose debidamente comunicada ó colexio. Para a substitución bastará a declaración do avogado substituto, baixo a súa propia responsabilidade.
3. Os avogados que se achen procesados ou encartados e se defendan a si mesmos ou colaboren co seu defensor usarán toga e ocuparán o sitio establecido para os letrados.
Artigo 39.
1. Nos tribunais designarase un sitio separado do público, coas mesmas condicións do sinalado para os avogados actuantes, a fin de poderen ocupalo os demais letrados que, vestindo toga, queiran presencia-los xuízos e vistas públicas.
2. Nas sedes de xulgados e tribunais procurarase a existencia de dependencias dignas e suficientes para a súa utilización exclusiva polos avogados no desenvolvemento das súas funcións.
Artigo 40.
Os avogados esperarán un tempo prudencial sobre a hora sinalada polos órganos xudiciais para as actuacións en que vaian intervir, transcorrido o cal poderán formula-la pertinente queixa ante o mesmo órgano e informar do retraso á xunta de goberno do correspondente colexio para que poida adopta-las iniciativas pertinentes.
Artigo 41.
Se o avogado actuante considerase que a autoridade, tribunal ou xulgado coarta a independencia e liberdade necesarias para cumpri-los seus deberes profesionais, ou que non se lle gardase a consideración debida á súa profesión, poderao facer constar así ante o propio xulgado ou tribunal baixo a fe do secretario e dar conta á xunta de goberno. Esta xunta, se estimar fundada a queixa, adoptará as medidas oportunas para ampara-la liberdade, independencia e prestixio profesionais.
CAPÍTULO IV
En relación coas partes
Artigo 42.
1. Son obrigas do avogado para coa parte por el defendida, alén das que deriven das súas relacións contractuais, o cumprimento da misión de defensa que lle sexa encomendada co máximo celo e dilixencia e gardando o segredo profesional.
2. O avogado realizará dilixentemente as actividades profesionais que lle impoña a defensa do asunto encomendado, aténdose ás esixencias técnicas, deontolóxicas e éticas adecuadas á tutela xurídica do dito asunto e podendo auxiliarse dos seus colaboradores e outros compañeiros, os cales actuarán baixo a súa responsabilidade.
3. En todo caso, o avogado deberá identificarse ante a persoa a que asesore ou defenda, mesmo cando o fixer por conta dun terceiro, a fin de asumi-las responsabilidades civís, penais e deontolóxicas que, se for o caso, correspondan.
Artigo 43.
Son obrigas do avogado para coa parte contraria o trato considerado e cortés, así como a abstención ou omisión de calquera acto que determine unha lesión inxusta para aquela.
CAPÍTULO V
En relación a honorarios profesionais
Artigo 44.
1. O avogado ten dereito a unha compensación económica adecuada polos servicios prestados, así como ó reintegro dos gastos que se lle causasen. A contía dos honorarios será libremente convida entre o cliente e o avogado, con respecto ás normas deontolóxicas e sobre competencia desleal. Na falta de pacto expreso en contrario, para a fixación dos honorarios poderanse ter en conta, como referencia, os baremos orientadores do colexio no ámbito do cal actúe, aplicados conforme as súas regras, usos e costumes, normas que, en todo caso, terán carácter supletorio do convido e que se aplicarán nos casos de condena en custas á parte contraria.
2. Esta compensación económica poderá asumo- la forma de retribución fixa, periódica ou por horas.
Respecto ás custas recobradas de terceiros observarase o que as partes acorden libremente, que, na falta de pacto expreso, deberán ser satisfeitas efectivamente ó avogado.
3. Prohíbese en todo caso a cota litio en sentido estricto, entendéndose por tal o acordo entre o avogado e o seu cliente, previo á terminación do asunto, en virtude do cal este se compromete a lle pagar unicamente unha porcentaxe do resultado do asunto, independentemente de que consista nunha suma de diñeiro ou calquera outro beneficio, ben ou valor que consiga o cliente por ese asunto.
4. A xunta de goberno do colexio poderá adoptar medidas disciplinarias contra os letrados que habitual e temerariamente impugnen as minutas dos seus compañeiros, así como contra os letrados dos que os honorarios sexan declarados reiteradamente excesivos ou indebidos.
CAPÍTULO VI
En relación coa asistencia xurídica gratuíta
Artigo 45.
1. Corresponde ós avogados o asesoramento xurídico e defensa de oficio das persoas que teñan dereito á asistencia xurídica gratuíta, conforme a lexislación vixente.
2. Así mesmo, corresponde ós avogados a asistencia e defensa dos que soliciten avogado de oficio ou non designen avogado na xurisdicción penal, sen prexuízo do aboamento de honorarios polo cliente se non lle for recoñecido o dereito á asistencia xurídica gratuíta.
A invocación do dereito de autodefensa non impedirá a asistencia de avogado para atende-los asesoramentos que ó respecto se lle soliciten e asumi-la defensa se lle for pedido.
3. Igualmente corresponde ós avogados a asistencia ós detidos e presos, nos termos que exprese a lexislación vixente.
Artigo 46.
1. Os avogados desempeñarán as funcións a que se refire o artigo precedente coa liberdade e independencia profesionais que lles son propias e conforme as normas éticas e deontolóxicas que rexen a profesión.
2. O desenvolvemento destas funcións será organizado polo consello xeral, os consellos de comunidades autónomas, se é o caso, e os colexios de avogados, procedendo á designación do avogado que teña de asumir cada asunto, ó control do seu desempeño, á esixencia das responsabilidades disciplinarias a que houber lugar e ó establecemento das normas e requisitos a que se deba ate-la prestación dos servicios correspondentes, todo isto conforme a lexislación vixente.
3. A Administración pública aboará a remuneración dos servicios que se presten en cumprimento do establecido neste capítulo e poderá efectua-lo seguimento e control periódico do funcionamento do servicio e da aplicación dos fondos públicos a el destinados, na forma legalmente establecida.
TÍTULO IV
Dos órganos de goberno dos colexios e do réxime económico colexial
CAPÍTULO I
Dos órganos dos colexios
Artigo 47.
1. O goberno dos colexios estará presidido polos principios de democracia e autonomía.
2. Cada colexio de avogados será rexido polo decano, a xunta de goberno e a xunta xeral. Os estatutos particulares dos colexios que teñan un número de colexiados que o aconselle poderán dispor, ademais, dunha asemblea colexial de carácter permanente.
CAPÍTULO II
Da xunta de goberno
Artigo 48.
1. Os estatutos particulares de cada colexio establecerán as normas de composición e funcionamento da xunta de goberno.
2. En todo caso, corresponderá ó decano a representación legal do colexio en tódalas súas relacións, incluídas as que manteña cos poderes públicos, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde; as funcións de consello, vixilancia e corrección que os estatutos reserven á súa autoridade; a presidencia de tódolos órganos colexiais, así como de cantas comisións e comités especiais asista, dirixindo os debates e votacións, con voto de calidade en caso de empate; a expedición das ordes de pagamento e libramentos para atende-los gastos e investimentos colexiais, e a proposta dos avogados que deban formar parte de tribunais de oposicións ou concursos, a excepción daquelas propostas que por disposición legal corresponda realizar ó Consello Xeral da Avogacía.
Artigo 49.
1. O decano e os demais cargos da xunta de goberno serán elixidos en votación directa e secreta, na que poderán participar como electores tódolos colexiados incorporados con máis de tres meses de anticipación á data de convocatoria das eleccións e como elixibles, para o cargo de decano, os colexiados exercentes e para os demais cargos, os electores residentes no ámbito do colexio de que se trate, sempre que non estean incursos en ningunha das seguintes situacións:
a) Estaren condenados por sentencia firme que leve consigo a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, en canto estas subsistan.
b) Teren sido disciplinariamente sancionados en calquera colexio de avogados, mentres non fosen rehabilitados.
c) Seren membros de órganos rectores doutro colexio profesional.
2. O período do mandato dos membros da xunta de goberno fixarase nos estatutos de cada colexio, ben que sen supera-los cinco anos, pero permitíndose a reelección.
3. Ningún colexiado se poderá presentar como candidato a máis dun cargo dos que teñan de ser elixidos na mesma convocatoria.
4. Nas eleccións o voto dos avogados exercentes terá dobre valor que o voto dos demais colexiados, proclamándose electos para cada cargo os candidatos que obteñan a maioría. En caso de empate, entenderase elixido o que máis votos obtivese entre os exercentes; de persistir este, o de maior tempo de exercicio no propio colexio; e, se aínda se mantiver o empate, o de maior idade.
5. Os recursos que se interpoñan no proceso electoral ou contra o seu resultado, ante a xunta de goberno do colexio ou ante o Consello Xeral da Avogacía Española, serán admitidos en un só efecto e non suspenderán a votación, proclamación e posesión dos elixidos, salvo cando así se acorde por causas excepcionais mediante resolución expresa e motivada.
6. O procedemento electoral será establecido polos estatutos particulares de cada colexio, que poderán autorizar e regula-lo voto por correo, con garantías para a súa autenticidade e segredo.
Artigo 50.
1. Os candidatos proclamados electos tomarán posesión conforme o establecido nos estatutos de cada colexio, logo de xuramento ou promesa de cumpriren lealmente o cargo respectivo e gardaren segredo das deliberacións da xunta de goberno, momento en que cesarán os substituídos.
2. No prazo de cinco días desde a constitución dos órganos de goberno, deberase comunicar esta ó Consello Xeral e ó consello de colexios da comunidade autónoma correspondente, se é o caso, con indicación da súa composición e do cumprimento dos requisitos legais.
3. O decano, baixo a súa responsabilidade, impedirá a toma de posesión ou decretará o cesamento, se xa se tiver producido, daqueles candidatos elixidos dos que teña coñecemento de se acharen en calquera das situacións expresadas no artigo 49.1 deste estatuto xeral.
Artigo 51.
Os membros da xunta de goberno dos colexios de avogados cesarán polas causas seguintes:
a) Falecemento.
b) Renuncia do interesado.
c) Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeña-lo cargo.
d) Expiración do termo ou prazo para o que foron elixidos ou designados.
e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da xunta de goberno ou a cinco alternas no termo dun ano, logo de acordo da propia xunta, ou a algunha das previstas no artigo 88.4.
f) Aprobación de moción de censura, segundo o regulado no seguinte capítulo.
Artigo 52.
1. Cando por calquera causa queden vacantes a totalidade dos cargos da xunta de goberno dun colexio, o consello autonómico ou, se é o caso, o consello xeral designará unha xunta provisoria de entre os seus membros máis antigos. A xunta provisoria convocará, no prazo de trinta días naturais, eleccións para a provisión dos cargos vacantes polo resto do mandato que ficase, eleccións que deberán celebrarse dentro dos trinta días naturais seguintes, contados a partir da convocatoria.
2. Da mesma forma completarase provisoriamente a xunta de goberno dun colexio cando se producise a vacante da metade ou máis dos cargos, procedéndose de igual modo á convocatoria de eleccións para a súa provisión definitiva.
Artigo 53.
Son atribucións da xunta de goberno:
a) Someter a referendo asuntos concretos de interese colexial, por sufraxio secreto e na forma que a propia xunta estableza.
b) Resolver sobre a admisión dos licenciados en dereito que soliciten incorporarse ó colexio, podendo exercer esta facultade o decano, en casos de urxencia, que lle serán sometidos á ratificación da xunta de goberno.
c) Velar por que os colexiados observen boa conducta n relación ós tribunais, ós seus compañeiros e ós seus clientes, e que no desempeño da súa función despreguen a necesaria dilixencia e competencia profesional.
d) Exerce-las accións e actuacións oportunas para impedir e persegui-lo intrusismo, así como o exercicio da profesión ós que, colexiados ou no, a exercesen en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas, sen excluí-las persoas, naturais ou xurídicas, que faciliten o exercicio profesional irregular.
e) Regular, nos termos legalmente establecidos, o funcionamento e a designación para presta-los servicios de asistencia xurídica gratuíta.
f) Determina-las cotas de incorporación e as ordinarias que deban satisface-los colexiados para o sostemento das cargas e servicios colexiais.
g) Propor á xunta xeral a imposición de cotas extraordinarias ós seus colexiados.
h) Recada-lo importe das cotas e das pólizas establecidas para o sostemento das cargas do colexio, do consello de colexios da comunidade autónoma, se é o caso, do Consello Xeral da Avogacía e da Mutualidade Xeral da Avogacía, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa, así como dos demais recursos económicos dos colexios previstos neste estatuto xeral.
i) Propor á xunta xeral o establecemento de baremos orientadores de honorarios profesionais e emitir informes sobre honorarios aplicables cando os tribunais pidan o seu dictame con suxeición ó disposto nas leis ou cando o soliciten os colexiados minutantes.
j) Convocar eleccións para prove-los cargos da xunta de goberno, dispondo o necesario para a súa elección, conforme as normas legais e estatutarias.
k) Convocar xuntas xerais ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha.
l) Exerce-las facultades disciplinarias con respecto ós colexiados.
m) Propor para a aprobación da xunta xeral os regulamentos de orde interior que coide convenientes.
n) Establecer, crear ou aproba-las delegacións, agrupacións, comisións ou seccións de colexiados que poidan interesar ós fins da corporación, regulando o seu funcionamento e fixando as facultades que, se é o caso, deleguen nela.
ñ) Velar por que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ó avogado, así como propicia-la harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal, conforme a legalidade vixente.
o) Informa-los colexiados con prontitude de cantas cuestións coñeza que os poidan afectar, xa sexan de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.
p) Defende-los colexiados no desempeño das funcións da profesión, ou con ocasión delas, cando o considere procedente e xusto.
q) Promover perante o Goberno e as autoridades canto se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta Administración de Xustiza.
r) Exerce-los dereitos e accións que correspondan ó colexio e, en particular, contra quen empeza o bo funcionamento da Administración de Xustiza ou a liberdade e independencia do exercicio profesional.
s) Recadar, distribuír e administra-los fondos do colexio; redacta-los orzamentos, rende-las contas anuais, e propor á xunta xeral o investimento ou disposición do patrimonio colexial, se se tratar de inmobles.
t) Emitir consultas e dictames, administrar arbitraxes e dictar laudos arbitrais, así como crear e manter tribunais de arbitraxe.
u) Proceder á contratación dos empregados necesarios para a boa marcha da corporación.
v) Dirixir, coordinar, programar e controla-la actividade dos departamentos e servicios colexiais.
w) Desempeñar tódalas funcións e exercer tódalas facultades expresadas respecto do Consello Xeral da Avogacía baixo as alíneas x) e y) do artigo 68 do presente estatuto, salvo adquirir, hipotecar e allear bens inmobles, que requirirá acordo da xunta xeral ou asemblea colexial, se é o caso.
x) Cantas outras establecen o presente estatuto xeral ou os particulares de cada colexio.
Artigo 54.
1. Corresponde á xunta de goberno aproba-la constitución, suspensión ou disolución das agrupacións de avogados mozos, ou calquera outra que se poida constituír no seo do colexio, así como os seus estatutos e as modificacións dos mesmos.
2. As agrupacións de avogados que estean constituídas ou se constitúan en cada colexio actuarán subordinadas á xunta de goberno.
3. As actuacións e comunicacións das comisións, seccións e agrupacións existentes no seo do colexio deberán ser identificadas como de tal procedencia, sen se atribuíren á corporación.
CAPÍTULO III
Da xunta xeral e a asemblea colexial
Artigo 55.
1. Os colexios de avogados celebrarán cada ano dúas xuntas xerais ordinarias, unha no primeiro trimestre e outra no derradeiro, salvo que os seus estatutos particulares establezan a existencia dunha asemblea colexial permanente, caso no que soamente celebrarán unha xunta xeral ordinaria no primeiro semestre de cada ano.
2. Ademais, poderanse celebrar cantas xuntas xerais extraordinarias sexan debidamente convocadas, por iniciativa do decano, da xunta de goberno ou do número de colexiados que para o efecto se estableza.
3. Os estatutos particulares de cada colexio establecerán as normas de convocatoria e celebración das xuntas xerais.
Artigo 56.
1. Tódolos colexiados incorporados con anterioridade á data da convocatoria da xunta xeral poderán asistir con voz e voto ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias que se celebren, pero o voto dos colexiados exercentes computará con dobre valor que o dos demais colexiados, salvo que os estatutos particulares os equiparen.
2. Os estatutos particulares de cada colexio poderán permiti-la delegación do voto noutro colexiado, salvo para eleccións e votacións de censura e sempre cun máximo de tres delegacións por votante.
3. Os acordos das xuntas xerais adoptaranse por maioría simple e, unha vez adoptados, serán obrigatorios para tódolos colexiados, sen prexuízo do réxime de recursos establecido neste estatuto xeral.
Artigo 57.
1. A xunta xeral ordinaria que se celebrará no primeiro trimestre de cada ano terá a seguinte orde do día:
1.o Resumo que fará o decano dos acontecementos máis importantes que durante o ano anterior tivesen lugar en relación ó colexio.
2.o Exame e votación da conta xeral de gastos e ingresos do exercicio anterior.
3.o Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.
4.o Proposicións
5.o Rogos e preguntas.
2. Quince días antes da xunta, os colexiados poderán presenta-las proposicións que desexen someter á deliberación e acordo da xunta xeral, e que serán tratadas na orde do día dentro da Sección denominada proposicións.
Estas proposicións deberán aparecer subscritas polo número de colexiados que determine o estatuto de cada Colexio, cun mínimo de dez colexiados e un máximo do 5 por 100 do total do censo. Ó se dar lectura a estas proposicións, a xunta xeral acordará se procede ou non abrir discusión sobre elas.
Artigo 58.
A xunta xeral ordinaria que se celebrará no último trimestre de cada ano terá a seguinte orde do día:
1.o Exame e votación do orzamento formado pola xunta de goberno para o exercicio seguinte.
2.o Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.
3.o Rogos e preguntas.
Artigo 59.
1. Os estatutos particulares de cada colexio e as súas modificacións serán elaborados por el mesmo, aprobando o proxecto a súa xunta xeral extraordinaria, que requirirá para a súa válida constitución para este fin a asistencia da metade máis un do censo colexial con dereito a voto.
2. Se non se atinxir o dito quórum, a xunta de goberno convocará nova xunta xeral, na que non se esixirá quórum especial ningún.
3. O proxecto de estatuto ou a súa modificación será sometido ó Consello Xeral da Avogacía Española para a súa aprobación.
Artigo 60.
1. O voto de censura á xunta de goberno ou a algún dos seus membros competerá sempre á xunta xeral extraordinaria convocada para ese único efecto.
2. A solicitude desa convocatoria de xunta xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo do 20 por 100 dos colexiados exercentes, incorporados ó menos con tres meses de anticipación, e expresará con clareza as razóns en que se funde. No obstante, nos colexios con máis de cinco mil exercentes bastará o 15 por 100 e nos de máis de dez mil exercentes, bastará o 10 por 100.
3. A xunta xeral extraordinaria deberase celebrar dentro dos trinta días hábiles contados desde que se presentase a solicitude e non poderán tratarse nela máis asuntos que os expresados na convocatoria.
4. A válida constitución da dita xunta xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto e o voto deberá ser expresado necesariamente de forma secreta, directa e persoal.
Artigo 61.
1. Os estatutos particulares dos colexios que teñan un número de colexiados tal que o aconselle poderán establecer e regular unha asemblea colexial, con carácter de permanencia, para que, con maior continuidade, efectúe o control da xestión económica do colexio.
2. O número de membros da asemblea colexial será como mínimo tres veces e como máximo cinco veces o dos compoñentes da xunta de goberno, sendo elixidos co mesmo réxime e mandato que a xunta de goberno, pero mediante sistema de listas abertas e representación proporcional.
3. A asemblea colexial desempeñará as competencias atribuídas á xunta xeral en materia económica e, especialmente, o exame e votación no primeiro trimestre de cada ano da conta xeral de gastos e ingresos do exercicio anterior e no último trimestre do orzamento para o exercicio seguinte.
4. Os colexios que nos seus estatutos particulares establezan o sistema de asemblea colexial unicamente celebrarán unha xunta xeral ordinaria no primeiro semestre de cada ano, coa seguinte orde do día:
1.o Resumo que fará o decano dos acontecementos máis importantes que durante o ano anterior tivesen lugar en relación ó colexio.
2.o Informe sobre os acordos adoptados pola asemblea colexial sobre o orzamento do exercicio e a conta xeral de gastos e ingresos do exercicio anterior, así como sobre calquera outro asunto económico.
3.o Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.
4.o Proposicións.
5.o Rogos e preguntas.
CAPÍTULO IV
Do réxime económico colexial
Artigo 62.
1. O exercicio económico dos colexios e consellos de colexios de avogados coincidirá co ano natural, salvo que os seus estatutos particulares establezan outra cosa.
2. O funcionamento económico dos colexios de avogados axustarase ó réxime de orzamento anual e será obxecto dunha ordenada contabilidade.
3. Tódolos colexiados poderán examina-las contas do colexio durante os quince días hábiles anteriores á data de celebración da xunta xeral ou asemblea colexial que as vaia aprobar.
Artigo 63.
1. Constitúen recursos ordinarios dos colexios de avogados:
a) Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades, bens ou dereitos que integren o patrimonio do colexio, así como os rendementos dos fondos depositados nas súas contas.
b) As cotas de incorporación ó colexio.
c) Os dereitos que fixe a xunta de goberno de cada colexio por expedición de certificacións.
d) Os dereitos que fixe a xunta de goberno de cada colexio por emisión de dictames, resolucións, informes ou consultas que ela emita sobre calquera materia, incluídas as referidas a honorarios, a petición xudicial ou extraxudicial, así como pola prestación doutros servicios colexiais.
e) O importe das cotas ordinarias, fixas ou variables, así como as derramas e pólizas colexiais establecidas pola xunta de goberno de cada colexio, así como o das cotas extraordinarias que aprobe a xunta xeral.
f) Os dereitos de intervención profesional, na contía e forma que, se é o caso, estableza cada colexio para os seus colexiados.
g) A participación que corresponda ó colexio na recadación de pólizas substitutivas do papel profesional da Mutualidade Xeral da Avogacía, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa, para os seus fins específicos.
h) Calquera outro concepto que legalmente proceder.
2. Constituirán recursos extraordinarios dos colexios de avogados:
a) As subvencións ou donativos que sexan concedidos ó colexio polo Estado ou corporacións oficiais, entidades ou particulares.
b) Os bens e dereitos de toda clase que por herdanza, legado ou outro título pasen a formar parte do patrimonio do colexio.
c) As cantidades que por calquera concepto corresponda percibir ó colexio cando administre, en cumprimento dalgún encargo temporal ou perpetuo, mesmo cultural ou benéfico, determinados bens ou rendas.
d) Calquera outro que legalmente proceder.
Artigo 64.
1. O patrimonio do colexio será administrado pola xunta de goberno, facultade que exercerá a través do tesoureiro e coa colaboración técnica que se precisar.
2. O decano exercerá as funcións de ordenador de pagamentos, que o tesoureiro executará e coidará da súa contabilización.
TÍTULO V
Dos consellos de colexios das comunidades autónomas
Artigo 65.
A constitución, organización, competencias e funcionamento dos consellos de colexios de avogados de comunidade autónoma rexeranse pola lexislación autonómica.
Artigo 66.
1. Os colexios de comunidades, no marco da lexislación autonómica, poderán propor ó Consello Xeral da Avogacía, mediante acordo de ó menos as tres cuartas partes deles, a constitución do correspondente consello de colexios da súa comunidade, se non o tiveren, sometendo á súa aprobación os estatutos que regulen a súa composición, competencias e funcionamento.
2. O Consello Xeral determinará aquelas das súas competencias que proceda delegar nos consellos de colexios de avogados de comunidade autónoma, podendo constituí-lo seu obxecto as de carácter disciplinario.
TÍTULO VI
O Consello Xeral da Avogacía Española
CAPÍTULO I
Órganos e funcións
Artigo 67.
1. O Consello Xeral da Avogacía Española é o órgano representativo, coordinador e executivo superior dos ilustres colexios de avogados de España e ten, para tódolos efectos, a condición de corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.
2. O seu domicilio radicará en Madrid, sen prexuízo de poder celebrar reunións en calquera outro lugar do territorio español.
3. Os órganos rectores do Consello Xeral son o Pleno, a Comisión Permanente e o presidente. Todos eles serán presididos polo presidente do Consello Xeral ou o vicepresidente que o substitúa e actuará de secretario o secretario xeral do dito consello ou o vicesecretario cando fixer as súas veces. A convocatoria, constitución e funcionamento, no non previsto neste estatuto, rexerase polo regulamento de réxime interior do propio Consello Xeral.
4. O presidente do Consello Xeral terá a consideración honorífica de presidente de sala do Tribunal Supremo.
Artigo 68.
Son funcións do Consello Xeral da Avogacía Española:
a) As atribuídas polo artigo 5 da Lei de colexios profesionais ós colexios de avogados, en canto teñan ámbito ou repercusión nacional, así como elixi-lo presidente do Consello Xeral da Avogacía e os doce conselleiros electivos.
b) Representa-la avogacía española e ser portavoz do conxunto dos ilustres colexios de avogados de España, en toda clase de ámbitos, incluído o das entidades similares doutras nacións.
c) Ordena-lo exercicio profesional dos avogados.
d) Autoriza-la creación de escolas de práctica xurídica dos colexios de avogados e homologar calquera delas, así como coordinar e supervisa-lo seu funcionamento de acordo coas previsións legais, todo isto logo de informe do colexio respectivo.
e) Velar polo prestixio da profesión de avogados e esixir ós colexios de avogados e ós seus membros o cumprimento dos seus deberes.
f) Convocar congresos nacionais e internacionais de avogados.
g) Elabora-lo estatuto xeral da avogacía española e sometelo á aprobación do Goberno; aproba-lo seu estatuto particular e o seu propio regulamento de réxime interior, así como os demais acordos para o desenvolvemento das súas competencias; aprobar, por proposta dos colexios afectados, a constitución, o réxime de competencias e funcionamento e os estatutos de consellos de colexios das comunidades autónomas que na súa normativa autonómica non prevexan outra forma para a súa constitución; e aproba-los estatutos particulares elaborados por cada colexio e as súas reformas.
h) Resolve-las dúbidas que se poidan producir na aplicación das normas estatutarias e regulamentarias.
i) Crear, regular e outorgar distincións para premia- los méritos contraídos ó servicio da avogacía ou no seu exercicio.
j) Resolve-los recursos contra os acordos dos órganos dos colexios de avogados e, cando os estatutos dos consellos de colexios das comunidades autónomas o contemplen, os recursos contra os acordos destes consellos.
k) Exerce-las funcións disciplinarias con respecto ós membros das Xuntas de Goberno dos colexios e do propio Consello Xeral e, cando as disposicións legais vixentes llas atribúan, con respecto ós membros dos consellos de colexios das comunidades autónomas.
l) Formar e manter actualizado o censo dos avogados españois, e leva-lo ficheiro e rexistro de sancións que os afecten.
ll) Designar representantes da avogacía para a súa participación nos consellos e organismos consultivos da Administración de ámbito nacional.
m) Emitir informe preceptivamente sobre todo proxecto de modificación da lexislación sobre colexios profesionais de avogados.
n) Emiti-los informes que lle sexan solicitados pola Administración, colexios de avogados e corporacións oficiais a respecto de asuntos relacionados cos seus fins ou que acorde formular por propia iniciativa; propo-las reformas lexislativas que coide oportunas e intervir en tódalas cuestións que afecten a avogacía española.
ñ) Realizar arbitraxes.
o) Establece-la necesaria coordinación entre os consellos de colexios de avogados das diferentes comunidades autónomas, así como entre os distintos colexios, e dirimi-los conflictos que poidan suscitarse entre eles, con respecto á súa respectiva autonomía.
p) Adopta-las medidas que coide convenientes para completar ou constituí-las xuntas de goberno dos colexios, mediante xuntas ou designacións provisorias.
q) Adopta-las medidas necesarias para os colexios cumpriren as resolucións do propio Consello Xeral, dictadas en materia da súa competencia.
r) Organizar con carácter nacional institucións e servicios de asistencia e previsión para os avogados e colaborar coa Administración para a súa aplicación, do sistema de seguranza social máis adecuado.
s) Defende-los dereitos dos colexios de avogados, así como os dos seus colexiados cando sexa requirido polo colexio respectivo ou veña determinado polas leis, e protexe-la lícita liberdade de actuación dos avogados, podendo para isto promove-las accións e recursos que procedan ante as autoridades e xurisdiccións competentes, mesmo ante o Tribunal Supremo, o Tribunal Constitucional, os tribunais europeos e internacionais, sen prexuízo da lexitimación que corresponda a cada uno dos distintos colexios de avogados e ós avogados persoalmente.
t) Impedir por tódolos medios legais o intrusismo e a clandestinidade no exercicio profesional, para a persecución, denuncia e, se é o caso, sanción do cal, fica o Consello Xeral amplia e especialmente lexitimado, sen prexuízo da iniciativa e competencia de cada colexio.
u) Impedir e persegui-la competencia ilegal ou desleal e velar pola plena efectividade das disposicións que regulan as incompatibilidades no exercicio da avogacía.
v) Coordinar, con carácter nacional, as cotas esixibles polos diversos colexios, podendo fixar límites máximos ó respecto.
w) Aproba-lo orzamento e a súa conta de liquidación, así como a contribución equitativa dos colexios e o seu réxime.
x) En xeral, en materia económica e sen exclusión ningunha, realizar, a respecto do patrimonio propio do consello, toda clase de actos de disposición e de gravame.
y) En xeral, en materia de actuacións xurídicas, exercer cantas accións lle correspondan ante toda clase de administracións, organismos e tribunais nacionais ou internacionais.
z) E, en fin, exercer cantas funcións e prerrogativas estean establecidas nas disposicións vixentes e todas aquelas que, non expresamente enunciadas, sexan concomitantes ou consecuencia das anteriores e teñan cabida no espírito que as informe.
Artigo 69.
Para atende-los gastos que se orixinen para o cumprimento dos fins sinalados, o Consello Xeral da Avogacía Española contará cos seguintes ingresos:
a) Coas cotas que para este fin se fixen nos orzamentos, que serán aboadas por tódolos colexios de avogados en función do número de colexiados de cada un, así como as que se establezan para o seu pagamento individual polos novos incorporados.
b) Co importe das certificacións que se expidan.
c) Cos demais recursos que, con motivo das súas actividades, poida obte-lo Consello Xeral.
d) Coas subvencións oficiais, donativos e legados que o organismo poida recibir.
e) Con calquera outro repartimento extraordinario de contribucións que o Pleno do propio Consello Xeral acorde, cando concorran circunstancias excepcionais.
CAPÍTULO II
O Pleno do Consello Xeral
Artigo 70.
1. O Pleno do Consello Xeral da Avogacía Española está composto polas seguintes persoas, que terán a condición de conselleiros:
a) O presidente do Consello Xeral da Avogacía Española, que será elixido no Pleno, de entre os avogados exercentes e residentes en calquera colexio de avogados de España.
b) Tódolos decanos dos colexios de avogados de España.
c) O presidente da Mutualidade Xeral da Avogacía, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa.
d) Os presidentes de consellos de colexios de avogados de comunidades autónomas, nos que non concorra a condición de decano.
e) Doce conselleiros, que deberán ser avogados de recoñecido prestixio, elixidos libremente polo propio Pleno do Consello.
2. A elección do presidente do Consello Xeral e dos doce conselleiros electivos convocarase ó menos con trinta días naturais de anticipación á data de celebración do Pleno, mediante comunicación a tódolos colexios de avogados para que a publiquen nos seus taboleiros de anuncios. As candidaturas presentaranse na Secretaría do Consello Xeral ó menos quince días naturais antes da data do Pleno e a Comisión Permanente, nos cinco días naturais seguintes, proclamará as candidaturas que reúnan os requisitos establecidos. A votación será secreta, votando tódolos membros do Pleno, salvo na elección do presidente na que, conforme o artigo 9.2 da Lei de colexios profesionais, só terán dereito de voto os decanos de tódolos colexios de avogados de España. Será elixido quen máis votos obteña e, en caso de empate, o de maior antigüidade colexial. Proclamado o resultado do escrutinio, os que fosen elixidos tomarán inmediata posesión do cargo no propio Pleno.
3. O mandato dos membros do Pleno do Consello Xeral coincidirá co dos cargos que desempeñen, salvo o do presidente e dos doce conselleiros electivos, que será de cinco anos.
Artigo 71.
1. Corresponden ó Pleno tódalas funcións que legal ou estatutariamente se atribúen ó Consello Xeral da Avogacía Española, especialmente as sinaladas no artigo 68
dos presentes estatutos.
2. En materia económica o Pleno ten competencia para realizar, sen exclusión ningunha e con respecto ó patrimonio propio do Consello Xeral, toda clase de actos de disposición, de gravame e, en especial:
a) Administrar bens.
b) Pagar e cobrar cantidades.
c) Outorgar transaccións, compromisos e renuncias.
d) Comprar, vender, retraer e permutar, pura ou condicionalmente, con prezo confesado, adiado ou pagado de contado, toda clase de bens mobles e inmobles, dereitos reais e persoais.
e) Disolver comunidades de bens e condominios, declarar obras novas, melloras e excesos de cabida.
f) Constituír, aceptar, dividir, allear, gravar, redimir e extinguir usufructos, servidumes, opcións e arrendamentos inscribibles e demais dereitos reais e persoais.
g) Constituír hipotecas.
h) Tomar parte en concursos e poxas, facer propostas e aceptar adxudicacións.
i) Aceptar a beneficio de inventario e repudiar herdanzas e facer, aprobar ou impugnar particións de herdanzas e entregar e recibir legados.
j) Contratar, modificar, rescindir e liquidar seguros de toda clase.
k) Operar en caixas oficiais, caixas de aforro e bancos, mesmo o de España e as súas sucursais, facendo todo canto a lexislación e prácticas bancarias permitan; seguir, abrir e cancelar contas e libretas de aforro, contas correntes e de crédito e caixas de seguranza.
l) Librar, aceptar, endosar, cobrar, intervir e negociar letras de cambio e outros efectos.
ll) Comprar, vender, trocar e peñorar valores e cobra-los seus xuros, dividendos e amortizacións, concertar pólizas de crédito, xa sexa con garantía persoal ou con peñoramento de valores, con bancos e establecementos de crédito, mesmo o Banco de España e as súas sucursais, asinando os oportunos documentos.
m) Modificar, transferir, cancelar, retirar e constituír depósitos de efectivo ou valores provisionais ou definitivos. 3. En materia de actuacións xurídicas o Pleno ten competencias para:
a) Instar actas notariais de tódalas clases; facer, aceptar e contestar notificacións e requirimentos notariais.
b) Comparecer ante organismos do estado, comunidades autónomas e corporacións locais, xuíces, tribunais, fiscalías, delegacións, comités, xuntas, xurados e comisións e neles instar, seguir e terminar como demandante, demandado ou en calquera outro concepto toda clase de expedientes, xuízos e procedementos civís, administrativos, gobernativos, laborais, de tódolos graos, xurisdiccións e instancias, elevando peticións e exercendo accións e excepcións en calquera procedemento, trámite e recurso, mesmo de casación ou ante o Tribunal Constitucional ou os tribunais europeos e internacionais, prestar cando se requira a ratificación persoal, outorgar poderes coas facultades que detalle e revogar poderes e substitucións.
c) Interpor toda clase de recursos, ante a Administración do Estado, das comunidades autónomas e das corporacións locais.
d) Delegar todas ou algunhas das facultades expostas no presidente ou en un ou varios conselleiros en forma conxunta ou separada e outorgarlles os poderes conseguintes.
e) Aceptar, desempeñar e renunciar mandatos e poderes dos colexios de avogados.
Artigo 72.
1. O Pleno do Consello Xeral reunirase, ó menos, unha vez ó trimestre, por convocatoria do presidente, de propia iniciativa ou a pedimento dun 20 por 100 dos seus membros.
2. Salvo na elección do presidente, para a que só votarán os conselleiros decanos, nas demais materias tódolos membros do Consello terán voz e igual voto, que poderán delegar noutro membro do Consello, adoptándose os acordos por maioría simple dos conselleiros presentes ou representados, con voto dirimente do presidente en caso de empate.
3. No obstante, para a adopción de acordos nas materias que se expresan a seguir requirirá unha maioría reforzada, consistente no voto favorable da maioría dos decanos, presentes ou representados, que pola súa vez, supoña a maioría de avogados exercentes segundo colexios concorrentes a cada sesión, computándose para estes efectos no voto de cada decano os colexiados exercentes residentes na demarcación do seu colexio.
Durante o mes de xaneiro de cada ano, cada colexio remitirá ó Consello Xeral da Avogacía Española o censo dos seus colexiados exercentes e residentes fechado no 31 de decembro anterior.
Os asuntos ós que se aplicará o réxime de maioría reforzada serán os seguintes:
a) Elaborar e aproba-las modificacións do Estatuto Xeral da Avogacía, para a súa elevación á aprobación definitiva polo Goberno.
b) Aproba-lo estatuto particular e o regulamento de réxime interior do Consello Xeral.
c) Ordenar, de acordo coa lei a actividade profesional dos avogados, o seu exercicio profesional, acceso á profesión, deontoloxía e publicidade, cando vaia afectar a toda a avogacía española.
d) Aproba-los orzamentos, balance, contas e memoria anuais, así como calquera repartimento extraordinario de contribucións que se deban efectuar por concorreren circunstancias excepcionais.
4. No suposto de que o orzamento anual do Consello Xeral da Avogacía Española non sexa aprobado, entenderase prorrogado na súa formulación anterior co incremento do índice de prezos de consumo ata se aprobar un novo orzamento.
Artigo 73.
1. O presidente designará de entre os conselleiros os vicepresidentes, que o substituirán conforme o ordinal da Comisión que presidan, o secretario xeral, o vicesecretario, o tesoureiro e o vicetesoureiro.
2. O mandato dos cargos mencionados no número anterior concluirá cando, unha vez finalizado o proceso para a elección do presidente do Consello Xeral, tome posesión o que resulte electo.
3. O Pleno determinará as comisións ordinarias en que vaia quedar organizado, así como o seu réxime e funcións e a adscrición de conselleiros a cada unha delas. Igualmente, poderá constituí-las comisións e grupos de estudios especiais que coide convenientes. As comisións desempeñarán as funcións que delegue nelas o Pleno e, no ámbito delas, en caso de urxencia poderán adoptar acordos de inmediata execución, sen prexuízo de dar conta posteriormente ó Pleno. Non obstante, a fin de axiliza-la tramitación e resolución dos recursos que en materia disciplinaria se formulen ante o Consello Xeral e cumpri-los prazos establecidos para iso, a comisión que teña de entender en materia de recursos, terá sempre facultade plena para os resolver e informar despois ó Pleno, sen prexuízo de que poida elevar ó Pleno de conselleiros a decisión daqueles recursos que coide conveniente.
Coa mesma finalidade, a facultade plena para a resolución dos recursos que se formulen noutra materia queda delegada na Comisión Permanente, sen prexuízo da información posterior ó Pleno e de que poida elevar ó mesmo a decisión daqueles recursos que coide conveniente.
CAPÍTULO III
A Comisión Permanente
Artigo 74.
1. A Comisión Permanente do Consello Xeral da Avogacía estará formada por:
a) O presidente do Consello Xeral da Avogacía.
b) Os vicepresidentes que presidirán as comisións ordinarias do Pleno de conselleiros.
c) O presidente da Mutualidade Xeral da Avogacía, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa.
d) O tesoureiro ou, na súa substitución, o vicetesoureiro. e) O secretario xeral ou, na súa substitución, o vicesecretario.
2. A Comisión Permanente desempeñará as seguintes funcións:
a) As funcións que expresamente delegue nela o Pleno.
b) As competencias do Pleno cando razóns de urxencia aconsellen o seu exercicio inmediato.
De todas elas dará conta ó Pleno que se celebre posteriormente.
CAPÍTULO IV
O presidente
Artigo 75.
O presidente do Consello Xeral da Avogacía Española terá as seguintes funcións:
1. Exerce-la representación do Consello Xeral da Avogacía.
2. Exerce-la representación da Avogacía Española e ser portavoz do conxunto dos Ilustres Colexios de Avogados de España.
3. Velar polo prestixio da profesión de avogado.
4. Defende-los dereitos dos colexios de avogados e dos seus colexiados cando sexa requirido polo colexio respectivo e protexe-la lícita liberdade de actuación dos avogados. Estas tres últimas funcións enténdense sen prexuízo das correspondentes ó Pleno do propio Consello Xeral.
5. Convocar e presidi-las sesións do Pleno e da Comisión Permanente, decidindo os empates con voto de calidade, ben como as demais comisións extraordinarias sen prexuízo da súa delegación.
6. Fixa-la orde do día das sesións do Pleno e da Comisión Permanente.
7. Someter cantas propostas considere oportunas en materias da competencia do Pleno ou da Comisión Permanente.
8. Propo-lo nomeamento de grupos de estudio para prepara-la resolución ou despacho dun asunto.
9. Autorizar coa súa sinatura os acordos do Pleno e da Comisión Permanente.
10. Exerce-la superior dirección da actividade dos órganos do Consello.
11. Exercer cantas funcións e prerrogativas estean establecidas nas disposicións vixentes e as demais previstas na lei, regulamento e neste estatuto.
TÍTULO VII
O Congreso Nacional da Avogacía Española
Artigo 76.
1. O Congreso Nacional da Avogacía Española é a súa suprema instancia consultiva e as conclusións terán carácter orientador para os órganos corporativos dela.
2. O Congreso Nacional será convocado polo Consello Xeral da Avogacía, ó menos unha vez cada cinco anos.
Artigo 77.
1. O regulamento do Congreso Nacional, que determinará a forma de composición do Congreso, será aprobado polo Consello Xeral e será remitido ós colexios coa convocatoria.
2. Na elaboración do proxecto de regulamento, o Consello Xeral da Avogacía enviarao ás xuntas de goberno dos colexios para, no prazo de trinta días, formularen suxestións ou emendas, que serán debatidas polo Pleno do Consello Xeral ó aproba-lo dito regulamento.
TÍTULO VIII
O réxime de responsabilidade dos colexiados
CAPÍTULO I
Responsabilidade penal e civil
Artigo 78.
1. Os avogados están suxeitos a responsabilidade penal polos delictos e faltas que cometan no exercicio da súa profesión.
2. Os avogados, no seu exercicio profesional, están suxeitos a responsabilidade civil cando por dolo ou neglixencia danen os intereses a defensa dos cales lles fose confiada, responsabilidade que será esixible conforme a lexislación ordinaria perante os tribunais de xustiza, podéndose establecer legalmente o seu aseguramento obrigatorio.
Artigo 79.
O avogado que reciba o encargo de promover actuacións de calquera clase contra outro sobre responsabilidades relacionadas co exercicio profesional, deberá informa-lo decano do colexio para que poida realizar un labor de mediación, se o considera oportuno, aínda cando o incumprimento dese deber non poida ser sancionado disciplinariamente.
CAPÍTULO II
Responsabilidade disciplinaria
SECCIÓN 1.a FACULTADES DISCIPLINARIAS DOS TRIBUNAIS E COLEXIOS
Artigo 80.
1. Os avogados están suxeitos a responsabilidade disciplinaria no caso de infrinxiren os seus deberes profesionais ou deontolóxicos.
2. As facultades disciplinarias da autoridade xudicial sobre os avogados axustaranse ó disposto nas leis procesuais.
As sancións ou correccións disciplinarias que impoñan os tribunais ó avogado faranse constar no expediente persoal deste sempre que se refiran directamente a normas deontolóxicas ou de conducta que deban observar na súa actuación ante a Administración de Xustiza.
3. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar en todo caso no expediente persoal do colexiado.
Artigo 81.
O decano e a Xunta de Goberno son competentes para o exercicio da xurisdicción disciplinaria, aténdose ás seguintes normas:
1. Estenderase á sanción de infracción de deberes profesionais ou normas éticas de conducta en canto afecten a profesión.
2. As correccións que se poderán aplicar son as seguintes:
a) Amoestación privada.
b) Apercibimento por escrito.
c) Suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a dous anos.
d) Expulsión do Colexio.
Artigo 82.
1. Competen ó Consello Xeral da Avogacía as facultades disciplinarias en relación cos membros das Xuntas de Goberno dos colexios e, cando lla atribúan as disposicións legais vixentes, tamén respecto dos membros dos consellos de colexios das comunidades autónomas.
2. As facultades disciplinarias en relación cos membros do Consello Xeral serán competencia do Consello Xeral, en todo caso.
SECCIÓN 2.a DAS INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 83.
As infraccións que poidan levar consigo sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.
Artigo 84.
Son infraccións moi graves:
a) A infracción das prohibicións establecidas no artigo 21 ou das incompatibilidades contidas nos artigos 22 e 24 do presente estatuto xeral.
b) A publicidade de servicios profesionais con incumprimento dos requisitos especificados no artigo 25, e calquera outra infracción que neste estatuto xeral tiver a cualificación de infracción moi grave.
c) A comisión de delictos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión, así como os actos e omisións que constitúan ofensa grave contra a dignidade da profesión, as regras éticas que a gobernan e os deberes establecidos no presente estatuto xeral.
d) O atentado contra a dignidade ou honra das persoas que constitúen a Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións, e contra os compañeiros con ocasión do exercicio profesional.
e) A embriaguez ou consumo de drogas cando afecten gravemente o exercicio da profesión.
f) A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas, cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias e exclusivas dos colexios.
g) A comisión dunha infracción grave, tendo sido sancionado pola comisión de outras dúas do mesmo carácter e a responsabilidade das cales non se tería extinguido conforme o artigo 90.
h) O intrusismo profesional e o seu encubrimento.
i) A cooperación necesaria do avogado coa empresa ou persoa á que preste os seus servicios para que se apropien de honorarios profesionais aboados por terceiros e que non lle fosen previamente satisfeitos, cando conforme o disposto no artigo 44.2 tales honorarios correspondan ó avogado.
j) A condena dun colexiado en sentencia firme a penas graves conforme o artigo 33.2 do Código Penal.
k) O deliberado e persistente incumprimento das normas
deontolóxicas esenciais no exercicio da avogacía.
Artigo 85.
Son infraccións graves:
a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia, así como polo reiterado incumprimento da obriga de atende-las cargas colexiais previstas no artigo 34, alínea a), salvo que constitúa infracción de maior gravidade.
b) O exercicio profesional no ámbito doutro colexio sen a oportuna comunicación da actuación profesional, o que deberá ser sancionado polo colexio no ámbito territorial do cal actúe.
c) A falta de respecto, por acción ou omisión, ós compoñentes da Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións.
d) Os actos de desconsideración manifesta cara ós compañeiros no exercicio da actividade profesional e a infracción do disposto no artigo 26 sobre venia.
e) A competencia desleal, cando así fose declarada polo órgano competente, e a infracción do disposto no artigo 25 sobre publicidade, cando non constitúa infracción moi grave.
f) A habitual e temeraria impugnación das minutas dos compañeiros, así como a reiterada formulación de minutas de honorarios que sexan declarados excesivos ou indebidos.
g) Os actos e omisións descritos nas alíneas a), b), c) e d) do artigo anterior, cando non tiveren entidade suficiente para seren considerados como moi graves.
h) O exercicio profesional en situación de embriaguez ou baixo o influxo de drogas tóxicas.
Artigo 86.
Son infraccións leves:
a) A falta de respecto ós membros da Xunta de Goberno no exercicio das súas funciones, cando non constitúa infracción moi grave ou grave.
b) A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.
c) O incumprimento leve dos deberes que a profesión impón.
d) Os actos enumerados no artigo anterior cando non tiveren entidade suficiente para seren considerados como graves.
Artigo 87.
1. As sancións que se poden impor por infraccións moi graves serán as seguintes:
a) Para as das alíneas b), c), d), e), f), h) e i) do artigo 84, suspensión do exercicio da avogacía por un prazo superior a tres meses sen exceder de dous anos.
b) Para as das alíneas a), j) e k) do mesmo artigo, expulsión do colexio.
2. Por infraccións graves poderá imporse a sanción de suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a tres meses.
3. Por infraccións leves poderanse impo-las sancións de amoestación privada ou a de apercibimento por escrito.
Artigo 88.
1. As infraccións leves serán sancionadas pola Xunta de Goberno ou polo decano do colexio mediante expediente limitado á audiencia ou descargo do inculpado.
2. As infraccións graves e moi graves serán sancionadas pola xunta de goberno, trala apertura do expediente disciplinario, tramitado conforme o disposto nos estatutos particulares dos colexios, que terán de se axustar ó previsto no artigo 99.2 deste estatuto xeral.
3. A xunta de goberno e o decano serán, en todo caso, os órganos competentes para resolver, debendo corresponde-las facultades instructoras a outros que se creen para tal fin. 4. En todo caso, os acordos de suspensión por máis de seis meses ou expulsión deberán ser tomados pola Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos seus compoñentes.
A esta sesión estarán obrigados a asistir tódolos compoñentes da Xunta, de modo que o que, sen causa xustificada, non concorrese cesará como membro da Xunta de Goberno e non se poderá presentar como candidato na elección mediante a que se cubra a súa vacante.
Artigo 89.
1. As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes. Poderán ser feitas públicas cando gañen firmeza.
2. Tódalas sancións terán efectos no ámbito de tódolos colexios de avogados de España, para o cal o colexio ou consello autonómico que as impoña terá preceptivamente que as comunicar ó Consello Xeral da Avogacía para que este poida informa-los colexios .
Artigo 90.
1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento do colexiado, a prescrición da falta e a prescrición da sanción.
2. A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se concluirá o procedemento disciplinario e a sanción quedará en suspenso para ser cumprida se o colexiado causase novamente alta no colexio.
Artigo 91.
1. As infraccións moi graves prescribirán ós tres anos, as graves ós dous anos e as leves ós seis meses.
2. O prazo de prescrición comezarase a contar desde que a infracción se tivese cometido.
3. A prescrición interromperase pola notificación ó colexiado afectado do acordo de incoación de información previa á apertura de expediente disciplinario, proseguíndose o cómputo do prazo de prescrición se nos tres meses seguintes non se incoar expediente disciplinario ou este permanecer paralizado durante máis de seis meses, por causa non imputable ó colexiado inculpado.
Artigo 92.
1. As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán ós tres anos; as impostas por infraccións graves, ós dous anos; e as impostas por infraccións leves, ós seis meses.
2. O prazo de prescrición da sanción por falta de execución dela comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que quedase firme a resolución sancionadora.
3. O prazo de prescrición da sanción, cando o sancionado quebrante o seu cumprimento, comezará a contar desde a data do quebrantamento.
Artigo 93.
1. A anotación das sancións no expediente persoal do colexiado cancelarase cando teñan decorrido os seguintes prazos sen que o colexiado tivese incorrido en nova responsabilidade disciplinaria: seis meses en caso de sancións de amoestación privada ou apercibimento escrito; un ano en caso de sanción de suspensión non superior a tres meses; tres anos en caso de sanción de suspensión superior a tres meses; e cinco anos en caso de sanción de expulsión.
O prazo de caducidade contarase a partir do día seguinte a aquel en que tivese ficado cumprida a sanción.
2. A cancelación da anotación, unha vez cumpridos os ditos prazos, poderase facer de oficio ou a pedimento dos sancionados.
TÍTULO IX
Do réxime xurídico dos acordos sometidos a dereito administrativo e a súa impugnación
Artigo 94.
1. Os acordos do Consello Xeral, consello dos colexios das Comunidades Autónomas, da xunta xeral e da xunta de goberno de cada Colexio e as decisións do decano e demais membros da xunta de Goberno serán inmediatamente executivos, salvo que o propio acordo estableza outra cosa ou se trate de materia disciplinaria.
2. Os acordos que deban ser notificados persoalmente ós colexiados, referidos a calquera materia, mesmo a disciplinaria, poderano ser no domicilio profesional que teñan comunicado ó colexio, en cumprimento da obriga establecida no parágrafo c) do artigo 31 do presente estatuto xeral. Se non puidese ser efectuada a notificación nos termos previstos nos números 1 e 2 do artigo 59 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a entrega poderá ser realizada por un empregado do colexio de avogados, con suxeición ó sinalado nos números 2 e 3 do dito precepto; e se tampouco así se puidese efectua-la notificación, entenderase realizada ós quince días da súa colocación no taboleiro de anuncios do propio colexio de avogados, que se poderá facer na forma prevista no artigo 61 da citada lei.
Artigo 95.
1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos que establece o artigo 62 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nos supostos establecidos no artigo 63 da citada lei.
Artigo 96.
1. As persoas con interese lexítimo poderán formular recurso perante o Consello Xeral da Avogacía Española, contra os acordos da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral de calquera colexio de avogados, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, se é o caso, notificación ós colexiados ou persoas a que afecte.
2. O recurso será presentado ante a xunta de goberno que dictou o acordo, que deberá elevalo, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ó Consello Xeral dentro dos quince días seguintes á data de presentación, salvo que de oficio repoña o seu propio acordo no dito prazo. O Consello Xeral, logo dos informes que ache pertinentes, deberá dictar resolución expresa dentro dos tres meses seguintes á súa interposición, entendéndose que, en caso de silencio, queda denegado. O recorrente poderá solicita-la suspensión do acordo impugnado e a Comisión Permanente do Consello Xeral poderá acordala ou denegala motivadamente.
3. Os acordos dos consellos de colexios das comunidades autónomas soamente serán impugnables ante o Consello Xeral cando así o dispoñan os seus propios estatutos, caso en que se aplicará o mesmo procedemento expresado nos números precedentes deste artigo.
Artigo 97.
1. A xunta de goberno tamén poderá impugna-los acordos da Xunta Xeral ante o Consello Xeral da Avogacía Española, no prazo dun mes desde a súa adopción.
2. Se a xunta de goberno entender que o acordo impugnado é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do colexio, poderá solicita-la suspensión do acordo impugnado e a Comisión Permanente do Consello Xeral poderá acordala ou denegala motivadamente.
Artigo 98.
Os actos emanados das xuntas xerais, e das xuntas de goberno dos colexios, do Consello Xeral e dos consellos de colexios de comunidades autónomas, en canto estean suxeitos ó dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente impugnables perante a xurisdicción contencioso- administrativa.
Artigo 99.
1. Os prazos deste estatuto xeral expresados en días entenderanse referidos a días hábiles, salvo que expresamente se diga outra cousa.
2. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común aplicarase a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas. En todo caso, a dita lei terá carácter supletorio para o non previsto neste estatuto xeral.
Disposición transitoria primeira.
1. O Consello Xeral da Avogacía Española no prazo dun ano aprobará o seu propio regulamento de réxime interior.
2. Os colexios de avogados, que aplicarán o presente estatuto xeral desde a súa entrada en vigor, deberán adapta-los seus correspondentes estatutos particulares no prazo dun ano desde que esta se produza; os proxectos deles poderán ser aprobados pola xunta xeral extraordinaria en primeira convocatoria, sen necesidade do quórum especial establecido no artigo 59 deste estatuto xeral, nin de calquera outro requisito especial establecido no estatuto particular a modificar, remitíndose ó Consello Xeral para a súa aprobación.
Disposición transitoria segunda.
As situacións creadas e os dereitos adquiridos consonte o réxime anteriormente en vigor serán respectados.
Disposición transitoria terceira.
As normas de composición e funcionamento do Consello Xeral da Avogacía Española manterán a súa vixencia ata se aproba-lo regulamento de réxime interior do propio Consello Xeral.