As finalidades e funcións do Consello da Avogacía Galega, segundo o Capítulo Segundo das Disposicións Xerais do Título Primeiro do seu Estatuto, son:
Artigo 4
O Consello terá por finalidade agrupar, coordina-los colexios integrados nel e asumi-la súa representación nas cuestións de interese común perante a Xunta de Galicia e, en xeral. ante calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica, en que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, sen prexuízo da autonomía e competencia de cada colexio.
Artigo 5
No ámbito territorial da súa competencia, terá as seguintes funcións:
5.1. As atribuídas ó Consello Xeral da Avogacía Española pola Lei de colexios profesionais, en canto teñan ámbito ou repercusión soamente no territorio da Comunidade Autónoma e cantas outras lle foran encomendadas por virtude de disposicións xerais ou especiais, sempre que non interfiran na autonomía e as competencias propias de cada colexio.
5.2. Aprobar e modifica-lo seu propio estatuto.
5.3. Formar e mante-lo censo dos avogados incorporados ós colexios de avogados de Galicia.
5.4. Fomentar, crear e organizar institucións, servicios e actividades con relación á profesión de avogado, que teñan por obxecto a formación e perfeccionamento profesional promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actuacións convenientes. Establecer, para tales fins, os concertos ou acordos máis oportunos coa Administración e as institucións ou entidades que correspondan.
5.5. Convocar e celebrar congresos, xornadas, simposios e actos similares relacionados co dereito civil especial de Galicia e co exercicio da avogacía na Comunidade Autónoma. Así mesmo terá a función, compartida neste caso con todos ou con calquera dos colexios, de convocar ou patrocinar outros actos científicos e culturais.
5.6. Editar libros e traballos de carácter xurídico sobre a lexislación e xurisprudencia para Galicia e publica-las normas e disposicións de interese para os avogados de Galicia.
5.7. A colaboración cos poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu propio territorio, e na máis eficiente, xusta e equitativa protección, regulación e garantía dos dereitos e liberdades da persoa.
5.8. Defende-los dereitos dos colexios de avogados galegos, así como os dos seus colexiados, perante os organismos autonómicos galegos cando sexa requirido polo colexio respectivo ou así estea legalmente establecido.
5.9. O exercicio e a xestión daquelas competencias públicas da Xunta de Galicia que lle sexan delegadas ou reciba delas e das facultades que poidan ser delegadas nel pola lexislación xeral do Estado ou por acordo de calquera cotra Administración pública competente.
5.10. Designar representantes da avogacía para participar, cando así estivera establecido, nos consellos e organismos consultivos da Administración pública do ámbito de Galicia.
5.11. Coñecer e resolve-los recursos que poidan interpoñerse contra os acordos dos colexios de avogados de Galicia.
Así mesmo, coñecer e resolve-los recursos de reposición que interpoñan contra os acordos ou resolucións do propio Consello.
5.12. Levar un rexistro de sancións que afecten ós avogados dos colexios galegos.
5.13. Aproba-lo seu propio presuposto de ingresos e gastos e contas do mesmo.
5.14. Fixar equitativamente a cooperación dos colexios para os gastos do Consello, por aportacións fixas, eventuais ou contribucións extraordinarias.
5.15. Establece-los ingresos propios que puidera ter por dereitos e retribucións como consecuencia dos servicios e actividades que preste.
5.16. Realizar no tocante ó patrimonio propio do Consello toda clase de actos de administración, disposición e gravame.
5.17. Aprobar normas de honorarios profesionais aplicables por tódolos colexios de Galicia.
5.18. Emitir dictames e informes, incluídos aqueles ós que se refire o artigo 63.l da Lei de axuizamento civil, e, sobre todo, os que pidan a Xunta ou o Parlamento de Galicia verbo de proxectos ou anteproxectos de disposicións de carácter xeral que afecten ó exercicio da avogacía, da súa organización corporativa ou ó exercicio das profesións tituladas en xeral.
5.19. Adoptar acordos xerais en materia de deontoloxía profesional, sen prexuízo da normativa recollida e aprobada polos congresos nacionais, o Consello Xeral da Avogacía Española e a Asemblea de Decanos.
5.20. Calquera outra función similar ás contidas nos apartados anteriores non expresamente determinadas neles, así como aquelas que lle sexan transferidas ou delegadas polo Consello Xeral da Avogacía Española.