Insuficiencia de recursos para litigar

Beneficiarios

Teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta todas aquelas persoas físicas que carecendo de patrimonio suficiente, conten cuns recursos e ingresos económicos brutos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen os seguintes límites (art. 3 da lei):

Dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas non integradas nunha unidade familiar.
Dúas veces e media o IPREM vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas integradas nalgunha das modalidades de unidade familiar con menos de catro membros.
O triplo do devandito indicador, cando se trate de unidades familiares integradas por catro ou máis membros.
No caso das persoas xurídicas referidas no apartado c) do artigo 2 da lei, considérase que existe insuficiencia de recursos cando carecendo de patrimonio suficiente, o resultado contable da entidade en cómputo anual fose inferior á cantidade equivalente ao triplo do IPREM.

Ademais dos ingresos ou rendas e doutros bens patrimoniais ou circunstancias que declare o solicitante, teranse tamén en conta os signos externos que manifesten a súa real capacidade económica, co que se denegará o dereito á asistencia xurídica gratuíta se os devanditos signos, desmentindo a declaración do solicitante, revelan con evidencia que este dispón de medios económicos que superan o límite fixado pola lei. Para valorar a existencia de patrimonio suficiente terase en conta a titularidade de bens inmobles, sempre que non constitúan a vivenda habitual do solicitante, así como os rendementos do capital mobiliario (art. 4 da lei).

Excepcionalmente, e en atención ás circunstancias de familia do solicitante, ao número de fillos ou familiares ao seu cargo, ás taxas xudiciais e a outros custos derivados da iniciación do proceso, ou a outras de análoga natureza, todas elas obxectivamente avaliadas, e en todo caso cando o solicitante teña a condición de ascendente dunha familia numerosa de categoría especial, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, ou se fose o caso a súa delegación, poderalles conceder o devandito dereito, mediante resolución motivada, a aquelas persoas cuxos recursos ou ingresos, aínda superando os límites previstos no artigo 3, non excedan do quíntuplo do IPREM, tendo en conta ademais a carencia de patrimonio suficiente.

Nas mesmas condicións anteriores poderá recoñecerse o dereito á asistencia xurídica gratuíta atendendo ás circunstancias de saúde do solicitante e ás persoas con discapacidade, así como ás persoas que os teñan ao seu cargo cando actúen nun proceso no seu nome e interese, sempre que se trate de procedementos que teñan relación coas circunstancias de saúde ou discapacidade que motivan este recoñecemento excepcional.

Nestes casos hai que ter en conta que a resolución que adopte a comisión ou a súa delegación determinará expresamente que prestacións das recollidas no artigo 6 da lei sonlle de aplicación ao solicitante (artigo 5 da lei).

O indicador público de renda para efectos múltiples (IPREM) foi establecido polo Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, e substitúe nesta función o salario mínimo interprofesional. Segundo a disposición adicional 80ª da Lei 22/2013, de 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014, pola que se determina o IPREM para 2014, durante o devandito exercicio terase como IPREM unha contía anual de 6.390,13 euros aos efectos da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

Uso de cookies

En esta página web utilizamos cookies para recopilar datos sobre hábitos de navegación consecuencia del uso de cookies analíticas de Google y de redes sociales. Para aceptar su uso pulsa “ACEPTAR”. Más información en la Política de Cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies