Os avogados galegos asesorarán gratuitamente a persoas afectadas por incendios forestais

  • Os Colexios de Avogados de Galicia asesorarán ás persoas afectadas polos incendios forestais producidos o mes pasado en Galicia
  • A iniciativa, que parte do Colexio de Avogados de Lugo, aproveitará a infraestrutura creada grazas a un Convenio asinado coa Consellería de Vivenda da Xunta de Galicia

 

A Coruña, 3 de novembro de 2017. Os avogados galegos ofrecerán asesoramento gratuíto ás persoas afectadas polos incendios forestais padecidos en Galicia o pasado mes de outubro. Así o decidiu o Pleno do Consello da Avogacía Galega celebrado no mes de outubro a iniciativa do Colexio de Avogados de Lugo.

 

Este asesoramento esténdese, en todo caso, aos supostos en que se destruíu total ou parcialmente a vivenda do afectado, grazas a un convenio asinado entre o Consello da Avogacía Galega e a Consellería de infraestruturas e Vivenda, que dirixe Ethel Vázquez. Se ademais do asesoramento é preciso realizar algunha reclamación en vía xudicial, aproveitarase a infraestrutura colexial da Quenda de Oficio, para o que haberá que tramitar a concesión do beneficio pola Comisión de Xustiza Gratuíta que depende da Consellería de Xustiza.

 

Trátase dunha iniciativa que é posible grazas á colaboración os colexios de avogados e dúas Consellerías diferentes. Xa foi posta en marcha nalgúns colexios de avogados e en breve estenderase a toda Galicia.

 

Segundo Félix Mondelo, Presidente do Consello da Avogacía Galega, “A avogacía non é impasible nin allea a esta situación tan dramática. Trátase de poñer a disposición dos afectados todos os nosos recursos, facendo uso da colaboración tanto coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza como coa de Infraestruturas e Vivenda. Neste sentido, xa nos puxemos en contacto tanto con Alfonso Rueda como co director do IGVS, Heriberto García Porto, a quen lles encanta a medida, que se une a outras que a Xunta xa puxo en marcha. Precisamente o noso labor en moitos casos será informar e asesorar aos afectados sobre dicha novas medidas”.

 

Ler a nova en castelán

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies