Preocupación do Consello da Avogacía Galega polo fallo de seguridade de LexNET

Desde a máxima institución da avogacía en Galicia pídese unha verdadeira transformación dixital cunha aplicación segura e que cumpra a súa función

 

A Coruña, 31 de xullo de 2017. En relación ao fallo de seguridade descuberto o pasado xoves na aplicación LexNET, o Consello da Avogacía Galega amosa a súa preocupación ante a posibilidade de que calquera persoa poida acceder aos escritos e documentos xudiciais.

Nese sentido, o Consello da Avogacía Galega quere manifestar:

 

  • O Servizo Público da Xustiza, alicerce do Estado de Dereito, esixe que os procedementos, en todas as súas fases, cumpran a Lei e o Esquema Nacional de Seguridade, que LexNET non respecta.

 

  • A Administración debe garantir á Avogacía, ao resto de operadores xurídicos e á cidadanía que os accesos á plataforma LexNET son axeitados e seguros.

 

  • O Consello quere chamar a atención sobre feito de que a Avogacía incorporouse á transformación dixital, mediante o uso xeneralizado da sinatura electrónica e da plataforma de comunicación, LexNET, imposta pola Administración, pero que esta non cumpriu a súa parte: nin os sistemas de xestión procesual nin a dita plataforma están á altura das circunstancias que a sociedade dixital esixe.

 

  • O fallo de seguridade é unha mostra máis dos problemas de LexNET que a avogacía sinalou en diferentes ocasións con anterioridade. A Administración debe apostar pola verdadeira transformación dixital cun sistema de xestión integral, seguindo exemplos próximos como o de Navarra (Avantius) ou Portugal (Citius). LexNET é unha aplicación insegura, que nace obsoleta, polo que debe ser suspendida e substituída axiña sexa posible.

 

  • O Consello insta ao Ministerio de Justicia para que canto antes restableza o funcionamento da Xustiza, para que poida desenvolverse en condicións de seguridade.

 

Ler comunicado en castelán

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies