Comunicado do Consello da Avogacía Galega sobre a folga de xustiza

Desde o inicio da folga indefinida dos funcionarios de xustiza -da que tivemos noticia a través dos medios-, a avogacía galega mostrou profunda preocupación polas consecuencias que podería provocar no funcionamento dun servizo xa afectado de deficiencias, cuxa corrección vimos demandando desde hai tempo desde os Colexios, Consello da Avogacía Galega, e Consejo General de la Abogacía Española.

O respecto ao lexítimo dereito de folga exercido polos traballadores dos xulgados e tribunais galegos e a consideración que as partes merecen en orde a presumirlles a capacidade de dialogar, negociar e resolver o conflito, motivaron a neutralidade que desde o principio mantivo a avogacía.

A neutralidade foi unha postura criticada, pero foi meditada e nada estraña en quen traballamos precisamente na solución de conflitos, mediando, asesorando, conciliando, ou defendendo. As reivindicacións, as medidas adoptadas para satisfacelas, o conflito e os métodos de solución -materias sobradamente coñecidas polos avogados – estaban en mans das partes protagonistas: Comité de Folga e Xunta de Galicia. Correspondíanos a nós confiar en que as manexarían coa responsabilidade, habilidade e prudencia suficiente e que alcanzarían un acordo.

A paciencia inicial incluso resultou xustificada cando soubemos, tamén polos medios de comunicación, que ambas partes resolveran satisfactoriamente algunhas das reivindicacións, e que mantiñan o diálogo aberto en prol dunha solución consensuada para o resto. Pero, rotas as negociacións, volveu, co desconcerto, a inquietude ante a incerteza dun final próximo a unha situación cuxa prolongación no tempo incrementa exponencialmente os prexuízos que a paralización do servizo da xustiza causa á sociedade e ao Estado de Dereito.

Retomadas as negociacións sen éxito, o Consello da Avogacía Galega, mantendo a debida neutralidade e sen ánimo de interferir, prestouse a ofrecer fórmulas de solución do conflito, co incuestionable propósito de procurar a máis pronta solución á situación. O paro, prolongado a máis de 75 días, está a provocar gravísimas consecuencias, non xa ás partes implicadas ou aos profesionais da avogacía e da procura, directamente afectados na súa actividade diaria, senón a quen o servizo da xustiza vai destinado: a cidadanía, espectadora dunha continuada  vulneración ao seu dereito á tutela xudicial efectiva.

Con tal fin, desde o Consello promoveuse a última reunión mantida, celebrada o pasado 17 de abril , na que, ante a nosa perplexidade e por razóns alleas á avogacía galega, as partes acabaron levantándose da mesa sen acordo nin achegamentos e, o que é peor, coas negociacións interrompidas sine die.

Lamentablemente, a avogacía galega non pode permanecer por máis tempo esperando pacientemente unha solución que non se ve chegar, mentres a cidadanía e os nosos clientes padecen os irreparables prexuízos dunha situación que non comprenden, e que nós mesmos nos vemos obrigados a explicarlles.

O noso indubidable sacrificio, pois como profesionais autónomos non podemos recuperar o prexuízo económico padecido, nin sequera é comparable co gravísimo prexuízo que sofre a sociedade cunha Xustiza detida.

Non está nas nosas mans a solución, pero si é a nosa responsabilidade defender os dereitos dos nosos clientes e evitarlles prexuízos inxustos.

Por esa razón, o Consello remitiu comunicacións a todas as instancias involucradas na administración de xustiza, esixindo o efectivo cumprimento dos servicios mínimos, e a súa ampliación se fose preciso; axilidade nas tramitacións dos asuntos urxentes; eficacia nas resolucións dos inaprazables, e atención e respecto na prestación do servizo da Xustiza.

A avogacía galega esixe unha xustiza próxima, áxil, eficaz e atenta, que cumpra respectuosamente as expectativas que a cidadanía ten nela, que garanta os seus dereitos, e que non lesione o que avala todos eles: o dereito á tutela xudicial efectiva.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información. ACEPTAR

Aviso de cookies