logo_consello_03

O Consello da Avogacía Galega e a Xunta de Galicia renovan o seu compromiso coas persoas afectadas polos desafiuzamentos

Nota de prensa

  • O máximo organismo representante dos avogados galegos e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta asinaron esta mañá un novo convenio para asesorar ás persoas en situación de desamparo que perdan a súa vivenda.
  • A través do convenio do ano pasado ofrecéronse máis de 1.100 horas de consultas gratuítas por parte de 164 avogadas e avogados galegos.
  • Ver información sobre o servizo ofrecido desde os Colexios de Avogados de Galicia.

 

A Coruña, 28 de marzo de 2017. O Consello da Avogacía Galega e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia asinaron na mañá de hoxe un novo convenio de colaboración para continuar asesorando a persoas afectadas polos desafiuzamentos nun acto no que participaron a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o Presidente do Consello da Avogacía Galega, Evaristo Nogueira Pol, na sede do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela

 

Este convenio de colaboración renova o asinado o ano pasado nesta mesma liña que permitiu que as persoas carentes de recursos económicos recibisen asesoramento gratuíto a través dos sete colexios de avogados de Galicia. En total participaron neste convenio 164 avogadas e avogados quen deron un servizo superior ás 1.100 horas de consulta.

 

O asesoramento legal ofrecerase mediante o servizo de orientación xurídica específico creado o ano pasado ao que poden acudir os afectados. Segundo Evaristo Nogueira Pol, Presidente do Consello da Avogacía Galega, “como institución non podemos ser alleos á situación social dalgúns colectivos. Levamos un ano colaborando coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda e mostramos un elevado compromiso que quero agradecer tanto aos sete Colexios de Avogados como a todos os letrados que decidiron participar en ofrecer este asesoramento legal da máxima calidade. Consideramos que é a nosa responsabilidade continuar con este convenio de colaboración“.

 

Pola súa banda, Ethel Vázquez, Conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia subliñou que a Xunta continuará prestando asistencia e apoio técnico aos colexios de avogados para o desenvolvemento correcto das súas funcións, destinando máis de 50.000 euros a este convenio.

 

Funcionamento do convenio

A través deste convenio regúlase a colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Consello da Avogacía Galega, creando as canles de información necesarios para evitar que persoas en situación de desamparo perdan a súa vivenda ou, no seu caso, consigan, ao amparo dos programas de axuda existentes, un inmediato reacollo en vivendas da Xunta de Galicia ou o acceso ás axudas para o aluguer de vivendas.

 

O Consello da Avogacía Galega poñerá a disposición dos letrados toda a información sobre as medidas do Goberno galego para apoiar ás familias en risco de perder o seu fogar. O asesoramento e orientación comprenderá todos aqueles aspectos referidos a trámites de carácter administrativo ou xudicial no ámbito relacionado cos dereitos e obrigacións das persoas en risco de perder a súa vivenda como consecuencia dun procedemento de execución hipotecaria. Ademais asesorará sobre todos os programas de axudas aprobados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo que teñen por obxectivo evitar a perda da vivenda daquelas persoas que estean en situación de desamparo.

 

Sobre o Consello da Avogacía Galega

O Consello da Avogacía Galega, creado en 1993, é o órgano superior da administración colexial da avogacía galega, aglutinando a tódolos Colexios de Avogados de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo.

 

Así, ten por obxecto agrupar e coordinar os distintos colexios integrados, e asumir a súa representación en cuestións de interese común profesional, no ámbito autonómico. Como máximo representante da profesión en Galicia, o Consello vela polo correcto exercicio da profesión e é o máximo interlocutor perante a administración e a sociedade. Entre outras funcións, ocúpase de coordinar a acción dos Colexios de Avogados de Galicia, exercer o control deontolóxico dos seus membros, organizar o servizo de orientación xurídica e a quenda de oficio e procurar a formación continuada dos profesionais.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para máis información.