Cúmprense dous anos da aprobación Lei 10/2012, de 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da Administración de Xustiza e do Instituto Nacional de Toxicología e Ciencias Forenses, que entrou en vigor o 1/1/2013 e consagrou en España unha xustiza para ricos e outra para pobres. A tutela xudicial efectiva que recoñece a Constitución no seu artigo 24 resulta claramente vulnerada, algo que nun Estado de Dereito non pode ser tolerado.
Por tal motivo, a Avogacía Galega solicita de novo ao Sr. Ministro de Xustiza a derrogación inmediata desta norma inconstitucional e inxusta.
A sociedade debe reparar no feito de que a vítima deste abuso é a cidadanía, que, malia sufragar o custo da Administración de Xustiza cos seus impostos, cando teña necesidade de valerse dela vaise a atopar un obstáculo económico pensado para disuadirlle e en moitos casos privarlle do acceso á mesma. Así por exemplo, para recorrer unha multa de 200 € estará obrigado a ingresar 100 € de taxas, (igual cantidade á que pode quedar reducida a sanción se se acóllese ao pronto pago) e para formular un recurso de apelación deberá abonar unha taxa por importe mínimo de 800 €.
Para rematar, denunciamos que os perniciosos e irreparables efectos desta norma estanse prolongando no tempo debido ao atraso do Tribunal Constitucional, que, en contra da súa propia doutrina, está demorando de modo inexplicable a resolución dos diversos recursos de inconstitucionalidade que se presentaron (o primeiro deles o 19/2/2013), e das cuestións de constitucionalidade suscitadas por diversos tribunais e xulgados.
En consecuencia, esiximos unha pronta resposta do Tribunal Constitucional que poña fin a esta inaceptable situación.