Declaración do Consello sobre a reforma das taxas xudiciais

Declaración do Consello sobre a reforma das taxas xudiciais

 

Declaración do Consello sobre a reforma das taxas xudiciais

Respecto da modificación da Lei de Taxas operada por Real Decreto-Lei ditado o pasado venres, 27 de febreiro de 2015, o Consello da Avogacía Galega quere manifestar o seguinte:

Dende que a avogacía institucional tivo noticia da intención do Goberno de España de instaurar de forma xeralizada as taxas xudiciais, nunha contía fóra de todo límite razoable, foron constantes os nosos actos e manifestacións públicas de protesta, pedindo a súa derrogación e eliminación.

Cando finalmente a Lei foi publicada, en ausencia de todo debate, a avogacía deixou de estar soa na protesta, e pouco a pouco foron sumándose as críticas, a medida que crecían as inxustizas por mor da súa aplicación.

A prematura publicación colleu á propia administración tributaria desprevenida, pois aínda tardaron algúns días ou semanas en dispoñer de impresos normalizados para a liquidación da taxa. Aos tres meses da entrada en vigor non tiveron máis remedio que suavizar a lei, rebaixando algunhas contías e ampliando os supostos de exención subxectiva.

Para entón o Consello da Avogacía Galega xa tiña declarado ao ministro Ruíz-Gallardón como “persoa non grata”. Consideración que se debía non soamente á súa condición de impulsor de tan antidemocrática lei senón, sobre todo, por faltar á súa palabra e facer xustamente o contrario do que, entre aplausos, prometera na nosa propia casa, na sede do Consejo General de la Abogacía Española, en Madrid.

Foi necesaria a dimisión do ministro promotor deste despropósito e a protesta xeralizada de todos os axentes xurídicos, para que o actual ministro propoña e consiga, máis de dous anos despois, unha reforma de urxencia, ampliando ás persoas físicas a exención subxectiva das taxas.

O que nós desexabamos e solicitabamos era a derrogación da norma. Mais non deixa de ser unha boa nova a exención das taxas para as persoas físicas, e hai que consideralo un logro da cidadanía.

Un logro liderado pola avogacía institucional, pero nel tamén tiveron implicación activa outros colectivos, operadores xurídicos, sindicatos, asociacións de consumidores e usuarios, e os propios avogados e avogadas, tanto a título persoal como organizados en redes sociais de forma exemplar. Toda a cidadanía soubo aprezar a dimensión do problema e os medios de comunicación non deixaron de facerse eco de todas as nosas protestas.

A todas as persoas e institucións que participaron nestas protestas, a prol da efectividade dos dereitos, queremos dicirlles que os seus esforzos pagan a pena, porque a súa loita, que é a nosa, é a loita pola Xustiza.

         A todas elas moitas grazas.

O Tribunal Constitucional aínda ten que se pronunciar sobre as cuestións e recursos interpostos. A súa demora, intolerable, vai contra a súa propia doutrina, segundo a cal unha xustiza tardía non é xustiza.

Nós seguiremos a demandar a derrogación das taxas xudiciais, que non deixan de ser desproporcionadas e inxustas aínda que non se apliquen ás persoas físicas.

 

Ir a declaración en castellano

Comments are closed

Uso de cookies

En esta página web utilizamos cookies para recopilar datos sobre hábitos de navegación consecuencia del uso de cookies analíticas de Google y de redes sociales. Para aceptar su uso pulsa “ACEPTAR”. Más información en la Política de Cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies