- O obxectivo é “restablecer no posible a situación ordinaria e de normalidade anterior ao estado de emerxencia”.
- Ordena suprimir “todos os elementos que dificulten o acceso aos edificios e, en especial, dos profesionais”.
- Recomenda o uso de toga por requirilo “a dignidade e a solemnidade” das audiencias públicas.
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou eliminar as medidas sanitarias adoptadas como consecuencia da pandemia da COVID-19 nas salas de vistas durante a celebración de actuacións xudiciais, así como as vixentes noutras dependencias e espazos comúns dos edificios. O órgano de goberno interno dos xulgados e tribunais de Galicia, polo tanto, aprobou suprimir as restricións de entrada e saída das sedes xudiciais, así como as relativas á permanencia nelas. Desta forma, ordenou eliminar, de modo inmediato, “todos os elementos que dificulten o acceso aos edificios e, en especial, dos profesionais”, entre os que puxo como exemplos “timbres, cadeas, armarios ou mesas”.
Na revisión do protocolo de actuacións e organización dos órganos xudiciais, que foi aprobado debido á COVID-19, a Sala de Goberno especificou que se deben retirar de todas as sedes xudiciais galegas os carteis indicativos das medidas suprimidas, pois o obxectivo é “restablecer no posible a situación ordinaria e de normalidade anterior á declaración do estado de emerxencia, sen prexuízo das medidas puntuais acomodadas a cada situación particular que poida adoptar cada xuíz ou xuíza en exercicio das facultades de policía de estrados que ten atribuídas ou as que poidan adoptar os Decanatos no exercicio das súas competencias”.
Por outra banda, a Sala de Goberno recomendou aos profesionais que asisten a audiencias públicas o uso de toga, pois entende que así o require “a dignidade e a solemnidade” destas actuacións.
Por outra banda, acordou manter a forma de celebración das actuacións procesuais (posibilidade de facelas de forma telemática) e as medidas relativas á atención ao público recollidas no protocolo -excepto as sanitarias indicadas anteriormente-. Para mellorar a atención á cidadanía, determinou que os órganos xudiciais deberían indicar nun sitio visible da súa sede o teléfono e o correo electrónico de contacto de cada un deles; e recomendou a repartición das citas previas nas oficinas xudiciais en todo o horario de atención ao público.
En canto aos rexistros civís, recomendou especificamente que se repartan as citas en todo o horario de atención ao público, así como que garantan que a cidadanía, a través do propio persoal dos rexistros ou das oficinas de Atención á Cidadanía, poida pedir cita a través do teléfono ou de forma presencial.
Cartaz modificación protocolo decembro 2022