A Coruña, 20 de outubro de 2017. Na mañá de hoxe tivo lugar na Sede do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela a sinatura do acordo económico sobre a asistencia xurídica gratuíta entre a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega, nun acto no que participaron o Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Presidente do Consello da Avogacía Galega, Félix Mondelo.
A Comunidade Autónoma de Galicia ten as competencias para o funcionamento da Administración de Xustiza, entre nas que atopa o pagamento da compensación económica aos colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta.
Desde o ano 2006 estiveron conxeladas as cantidades indemnizadoras pola prestación dos servizos de asistencia letrada e defensa gratuíta. Co acordo asinado hoxe entre Xunta e Consello da Avogacía Galega actualízanse estes baremos cun incremento variable de arredor do 8%, así como introducir outros conceptos ata o de agora non recollidos.
Segundo Félix Mondelo, Presidente do Consello da Avogacía Galega “Con esta subida, Galicia segue a estar á cabeza do Estado Español no que se refire ás contías das remuneracións aos letrados da quenda de oficio, e nalgún concepto en primeira posición. Mais non podemos estar contentos, porque o investimento en Xustiza Gratuíta está por debaixo dos estándares europeos, e queremos que as actuacións se remuneren dign amente. Así llo fixen saber ao Vicepresidente, a quen de todos modos agradezo a súa disposición ao diálogo e o seu esforzo por satisfacer as nosas reivindicacións. Con este acordo melloramos as cantidades que perciben as avogadas e os avogados da quenda de oficio, mais seguiremos loitando porque dito labor acade un mellor recoñecemento e desde o Consello faremos todo o posíbel para iso”.
O baremo económico actualizado recollido neste acordo estará en vigor no último trimestre do 2017.