Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026. O Consello da Avogacía Galega mantivo no día de hoxe cadansúa xuntanza cos grupos parlamentarios do Partido Popular de Galicia e do Bloque Nacionalista Galego, co obxectivo de abordar a situación actual do financiamento da xustiza gratuíta na nosa comunidade.
Durante estes encontros, o Consello trasladou a necesidade urxente de incrementar a partida orzamentaria destinada a este servizo público esencial. A institución subliñou que a dotación actual resulta manifestamente insuficiente para garantir a sostibilidade do sistema e dignificar o traballo dos profesionais que o prestan.
![]() | ![]() |
O 11 de maio o Consello da Avogacía Galega asinou un convenio coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para o desenvolvemento de accións de atención profesional a persoas menores de idade vítimas de situacións de violencia.
Con data de 10 de maio, o Consello da Avogacía Galega asinou un convenio de colaboración coa Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para compensar aos profesionais da avogacía designados en virtude de requirimento xudicial cando non exista un recoñecemento expreso do dereito de asistencia xurídica gratuíta.
Ante o anuncio da convocatoria da manifestación a nivel nacional que se celebrará en Madrid o próximo día vinte e sete de abril do presente ano, cuxo obxecto é, entre outras medidas, reivindicar melloras económicas e no servizo prestado na Quenda de Oficio, o Consello da Avogacía Galega, integrado polos sete Colexios da Avogacía de Galicia, emitiu un comunicado no que informa da súa postura ao respecto.
O 12 de xullo é a data sinalada cada ano para a celebración do Día da Xustiza Gratuíta e da Quenda de Oficio, para defender e divulgar o labor realizado por todos e todas a avogadas de oficio, 24 horas ao día, 365 días ao ano, a través dos Servizos de Asistencia Xurídica Gratuíta e da Quenda de Oficio.