A Coruña, venres 17 de xullo de 2026./ Ante as informacións publicadas en relación co proceso electoral do Ilustre Colexio de Avogados de Ferrol, o Consello da Avogacía Galega (CAG) traslada o seguinte:
Contra o resultado das eleccións á Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Ferrol, celebradas o pasado 30 de xuño, interpuxéronse recursos por parte de ambas as candidaturas concorrentes. Todos eles están sendo tramitados por este Consello, órgano legalmente competente para resolvelos, conforme ao procedemento establecido e con audiencia de todas as persoas interesadas.
No marco desa tramitación, o Pleno do Consello adoptou as medidas provisionais necesarias para preservar a integridade de toda a documentación electoral — que quedará depositada e custodiada baixo a fe do propio Consello, con intervención de representantes das dúas candidaturas — e para asegurar que a resolución que finalmente se dite poida ser plenamente efectiva.
Estas medidas afectan unicamente a unha parte dos cargos electos; os restantes tomarán posesión na data prevista, polo que o funcionamento ordinario do Colexio queda plenamente garantido.
Alegacións e impugnacións
A existencia de alegacións e impugnacións cruzadas forma parte do normal exercicio dos dereitos que asisten a todos os candidatos, e será o procedemento —e non outra vía— o que determine o seu fundamento.
O Consello non valorará publicamente o contido dos recursos nin anticipará o sentido da súa resolución, por respecto ás partes e á integridade do expediente, e resolverá dentro dos prazos legais, comunicando a súa decisión polas canles oficiais.
O Consello da Avogacía Galega fai un chamamento á prudencia informativa mentres o expediente se atope en tramitación.