XUNTA E CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA ACORDAN UNHA MELLORA DO BAREMO PARA A QUENDA DE OFICIO

XUNTA E CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA ACORDAN UNHA MELLORA DO BAREMO PARA A QUENDA DE OFICIO

Os avogados percibirán de media un 15% máis que co baremo actual


  • As subidas céntranse nos asuntos con máis designacións, inclúense novos conceptos e mellórase a redacción noutros
  • A actualización entrará en vigor partir do cuarto trimestre do 2021 e levarase a cabo en tres anualidades
  • A partida orzamentaria incrementarase nuns dous millóns de euros

A Coruña, 2 de novembro de 2021. A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia,  Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega acordaron o novo baremo de compensacións polas intervencións da Quenda de Oficio. Esta actualización supón un importante incremento da partida orzamentaria destinada á Asistencia Xurídica Gratuíta para os vindeiros anos.

Desde o Consello da Avogacía Galega resáltase que o incremento das cantidades do baremo da Quenda de Oficio é unha das súas reivindicacións históricas para a dignificación deste servizo público, prestado pola Avogacía para garantir a tutela xudicial efectiva da cidadanía.

O Consello da Avogacía Galega, a través da súa comisión negociadora e mediante a proposta consensuada polos 7 colexios que o conforman, promoveu que as subidas se realicen sobre os módulos que demandan máis designacións (87% do total), de modo que, nestes conceptos, o incremento medio supera o 19%. Para o resto dos asuntos, 12,72% do total, a subida aceptada media é do 4,93%.

Ademais, no baremo aprobado inclúense novos conceptos e mellórase a redacción doutros, aceptándose así, en parte, as propostas colexiais orientadas a mellorar as remuneracións dos profesionais da Avogacía adscritos á Quenda de Oficio.

Este novo acordo entrará en vigor a partir do cuarto trimestre do 2021 e ten unha duración de catro anos, ata o ano 2025, momento no que se abrirá un novo proceso negociador. As cantidades actualizaranse ao longo do próximos tres anos segundo estas porcentaxes:

  • Primeiro ano: 50% do incremento do convenio.
  • Segundo ano: 30% do incremento do convenio. Total 80%.
  • Terceiro ano: 20% do incremento do convenio. Total 100%.
  • Cuarto ano: IPC sobre o 100%.

Avances para garantir o abono de todas as actuacións dos profesionais da quenda de oficio

Por último, a Dirección Xeral de Xustiza comprometeuse a estudar como garantir o pago das actuacións profesionais en defensa de investigados insolventes, incluídas persoas xurídicas, aos que non se lles concede o dereito á asistencia xurídica gratuíta por pasividade ou imposibilidade legal, o que obriga a que os profesionais presten os seus servizos sen contraprestación algunha. Esta garantía conseguiríase a través dun novo convenio ou dunha reforma regulamentaria.

Comments are closed

Uso de cookies

En esta página web utilizamos cookies para recopilar datos sobre hábitos de navegación consecuencia del uso de cookies analíticas de Google y de redes sociales. Para aceptar su uso pulsa “ACEPTAR”. Más información en la Política de Cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies