A Coruña,25 de novembro de 2020. A avogacía da Quenda de Oficio de Galicia recibirá mañá o Premio Meninas 2020 pola súa labor na asistencia ás mulleres vítimas da violencia de xénero. Estes premios, entregados pola Delegación do Goberno de Galicia, recoñecen o traballo de persoas e institucións en materia de igualdade. Ao acto de entrega asistirá Ramón Jáudenes, presidente do Consello da Avogacía Galega, e Luís Torres, vicepresidente.
En Galicia, preto de 1.500 avogadas e avogados están inscritos na quenda de oficio para prestar asistencia xurídica a mulleres vítimas de violencia de xénero, 24 horas ao día, 365 días ao ano. O labor da avogacía da quenda de oficio é fundamental para asistir ás vítimas no momento de presentar a denuncia na policía ou no xulgado, e para asesoralas sobre os seus dereitos e os dos fillos menores.
O Consello da Avogacía Galega agradece o recoñecemento. Non só polos seus coñecementos xurídicos e experiencia profesional; tamén pola súa sensibilidade para apoiar a estas mulleres vítimas desde o primeiro minuto, neses momentos tan complexos para elas, dándolles confianza na xustiza.
Nova edición do curso de Violencia sobre a muller
Coincidindo coa celebración hoxe do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Consello da Avogacía Galega abre a inscrición dunha nova edición do curso de Violencia sobre a muller e trata de seres humanos, que na anterior edición contou coa participación de máis de 1.400 avogadas e avogados.
Este curso ofrece formación obrigatoria e gratuíta para a pertenza á quenda de oficio específica de violencia de xénero, e terá unha carga lectiva de 300 horas. Prestado íntegramente con recursos do Consello da Avogacía Galega, conta coa participación de letradas especialistas e expertos/as nas diferentes disciplinas relacionadas: xuridica, penal, procesual, asistencial, médico-legal, psicolóxica, e policial. Ademais completarase cun cun programa de webinars, en colaboración cos colexios da avogacía.