O Consello da Avogacía Galega e a Xunta de Galicia renovan o seu compromiso coas persoas afectadas polos desafiuzamentos

O Consello da Avogacía Galega e a Xunta de Galicia renovan o seu compromiso coas persoas afectadas polos desafiuzamentos

Nota de prensa

  • O máximo organismo representante dos avogados galegos e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta asinaron esta mañá un novo convenio para asesorar ás persoas en situación de desamparo que perdan a súa vivenda.
  • A través do convenio do ano pasado ofrecéronse máis de 1.100 horas de consultas gratuítas por parte de 164 avogadas e avogados galegos.
  • Ver información sobre o servizo ofrecido desde os Colexios de Avogados de Galicia.

 

A Coruña, 28 de marzo de 2017. O Consello da Avogacía Galega e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia asinaron na mañá de hoxe un novo convenio de colaboración para continuar asesorando a persoas afectadas polos desafiuzamentos nun acto no que participaron a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o Presidente do Consello da Avogacía Galega, Evaristo Nogueira Pol, na sede do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela

 

Este convenio de colaboración renova o asinado o ano pasado nesta mesma liña que permitiu que as persoas carentes de recursos económicos recibisen asesoramento gratuíto a través dos sete colexios de avogados de Galicia. En total participaron neste convenio 164 avogadas e avogados quen deron un servizo superior ás 1.100 horas de consulta.

 

O asesoramento legal ofrecerase mediante o servizo de orientación xurídica específico creado o ano pasado ao que poden acudir os afectados. Segundo Evaristo Nogueira Pol, Presidente do Consello da Avogacía Galega, «como institución non podemos ser alleos á situación social dalgúns colectivos. Levamos un ano colaborando coa Consellería de Infraestruturas e Vivenda e mostramos un elevado compromiso que quero agradecer tanto aos sete Colexios de Avogados como a todos os letrados que decidiron participar en ofrecer este asesoramento legal da máxima calidade. Consideramos que é a nosa responsabilidade continuar con este convenio de colaboración«.

 

Pola súa banda, Ethel Vázquez, Conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia subliñou que a Xunta continuará prestando asistencia e apoio técnico aos colexios de avogados para o desenvolvemento correcto das súas funcións, destinando máis de 50.000 euros a este convenio.

 

Funcionamento do convenio

A través deste convenio regúlase a colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Consello da Avogacía Galega, creando as canles de información necesarios para evitar que persoas en situación de desamparo perdan a súa vivenda ou, no seu caso, consigan, ao amparo dos programas de axuda existentes, un inmediato reacollo en vivendas da Xunta de Galicia ou o acceso ás axudas para o aluguer de vivendas.

 

O Consello da Avogacía Galega poñerá a disposición dos letrados toda a información sobre as medidas do Goberno galego para apoiar ás familias en risco de perder o seu fogar. O asesoramento e orientación comprenderá todos aqueles aspectos referidos a trámites de carácter administrativo ou xudicial no ámbito relacionado cos dereitos e obrigacións das persoas en risco de perder a súa vivenda como consecuencia dun procedemento de execución hipotecaria. Ademais asesorará sobre todos os programas de axudas aprobados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo que teñen por obxectivo evitar a perda da vivenda daquelas persoas que estean en situación de desamparo.

 

Sobre o Consello da Avogacía Galega

O Consello da Avogacía Galega, creado en 1993, é o órgano superior da administración colexial da avogacía galega, aglutinando a tódolos Colexios de Avogados de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo.

 

Así, ten por obxecto agrupar e coordinar os distintos colexios integrados, e asumir a súa representación en cuestións de interese común profesional, no ámbito autonómico. Como máximo representante da profesión en Galicia, o Consello vela polo correcto exercicio da profesión e é o máximo interlocutor perante a administración e a sociedade. Entre outras funcións, ocúpase de coordinar a acción dos Colexios de Avogados de Galicia, exercer o control deontolóxico dos seus membros, organizar o servizo de orientación xurídica e a quenda de oficio e procurar a formación continuada dos profesionais.

Comments are closed

Uso de cookies

En esta página web utilizamos cookies para recopilar datos sobre hábitos de navegación consecuencia del uso de cookies analíticas de Google y de redes sociales. Para aceptar su uso pulsa “ACEPTAR”. Más información en la Política de Cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies