A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou esta mañá un novo convenio co presidente do Consello da Avogacía Galega, Augusto Pérez-Cepeda.
– O obxectivo deste convenio é ofrecer asesoramento xurídico en materia de vivenda nos casos non incluídos na asistencia xurídica gratuíta e quenda de oficio
– O acordo de cooperación inclúe como novidade un servizo de intermediación entre as persoas en situación de vulnerabilidade económica que están en risco de perder a súa vivenda habitual e grandes tenedores
– Os cidadáns poden acceder a un servizo gratuíto e personalizado que lles permite coñecer os programas existentes para evitar a perda da súa vivenda, así como para facer fronte a eventuais situacións de ocupación ilegal
– A coordinación e organización deste asesoramento realizarase por medio dos colexios da avogacía de Galicia
– O convenio asinado hoxe suporá un investimento autonómico de 54.600 € e terá vixencia ata finais deste ano
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2024.- A Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega (CAG) amplían a súa acolaboración para a prestación dun servizo de asesoramento, intermediación e orientación xurídica en materia de vivenda.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co presidente do Consello da Avogacía Galega, Augusto Pérez-Cepeda un novo convenio de colaboración.
Tal e como recolle o convenio subscrito, a Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, dá continuidade á relación que a Xunta mantén desde o ano 2020 co Concello da Avogacía Galega, ampliando a mesma, coa implantación dun novo servizo de intermediación nos casos de desafiuzamento, entre persoas en situación económica vulnerable que están en risco de perder a súa vivenda habitual, cando é propiedade de grandes tenedores.
Con este convenio, o Consello da Avogacía e a Xunta buscan ofrecerlles aos cidadáns un asesoramento e orientación xurídica en materia de vivenda, que non estean comprendidos nas actuacións propias do servizo de asistencia xurídica gratuíta e quenda de oficio.
Así, ponse á disposición dos galegos unha serie de servizos personalizados que permitan coñecer os programas existentes para evitar perder a súa vivenda, ou facer fronte a eventuais situacións de ocupación ilegal dos seus inmobles.
Deste xeito, baixo acordo asinado hoxe desenvolverase a atención ás consultas das persoas en situación de desamparo en risco de perda da súa vivenda habitual ou, no seu caso, orientación para acollerse aos programas existentes en materia de acceso á vivenda, así como ás de persoas propietarias afectadas por unha intrusión non consentida nas súas vivendas.
Servizo de intermediación
A estes servizos engádese agora, como novidade, o servizo de intermediación en materia de desafiuzamento, entre persoas vulnerables economicamente en risco de perder a súa vivenda habitual e grandes tenedores, de acordo co previsto na Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda.
A este respecto, a Lei introduce a obriga da acreditación da tramitación dun procedemento de conciliación ou intermediación, como requisito previo para a admisión das demandas na que se pretenda a recuperación da posesión dunha finca, nos supostos nos que a parte demandante sexa gran tenedor de vivendas, o inmoble obxecto de demanda constitúa a vivenda habitual da persoa ocupante e esta se atope en situación de vulnerabilidade económica.
Informe trimestral
Tamén no marco deste convenio, realizarase un informe, que será remitido trimestralmente á Xunta, coas consultas atendidas desde o Consello da Avogacía Galega, tanto en materia de perda de vivenda como de ocupación ilegal, con especificación, neste último caso, da localidade, rúa e número de vivendas ocupadas.
O Goberno galego financiará o servizo de intermediación, facéndose cargo do importe que lle correspondería pagar á persoa ocupante da vivenda en situación de vulnerabilidade económica. O procedemento desenvolverase nunha sesión inicial informativa e unha ou máis sesións subseguintes ata a consecución do acordo ou ata que a posibilidade do acordo quedara descartada.
Servizo de orientación en trámites administrativos e xudiciais
No marco deste convenio, o Consello da Avogacía Galega asume a obriga de orientación en todos aqueles aspectos referidos a trámites de carácter administrativo e xudicial no ámbito relacionado cos dereitos e obrigas das persoas en risco de perder a súa vivenda como consecuencia dun procedemento de execución hipotecaria, polo impago da renda de aluguer ou por calquera outra circunstancia imprevista ou sobrevida, sempre que esta vivenda constitúa o seu domicilio habitual e permanente.
Prestará asesoramento sobre a existencia do Programa de atención ás persoas en risco de desafiuzamento, para aos efectos da posta en marcha do protocolo de actuación existente entre o dito programa e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Tamén asesoramento aos propietarios e usufructuarios
A través dos seus servizos orientará ás persoas físicas propietarias ou usufrutuarias que se vexan afectadas por intrusión non consentida en vivendas, para que saiban como actuar nestas situacións.
Tamén se prestará o novo servizo de intermediación en materia de desafiuzamento, de acordo coa Lei polo dereito á vivenda, entre persoas en risco de perder a súa vivenda e grandes tenedores a través do seu Instituto Galego de Mediación e Arbitraxe e os colexios da avogacía de Galicia, a través dos seus respectivos servizos de mediación.
A coordinación e organización deste asesoramento será a cargo do Consello da Avogacía e realizarase por medio dos profesionais dos colexios da avogacía de Galicia.
Os servizos de asesoramento atenderanse a través dun sistema de consultas en liña e dun número 900.
O convenio asinado hoxe pola titular da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas suporá un investimento da Xunta de 54.600 euros e terá vixencia desde o día seguinte da súa sinatura e ata finais deste ano.
No acto administrativo de formalización deste acordo asinado hoxe participaron tamén o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, o decano do Colexio da Avogacía de Santiago, Francisco Rabuñal, e o secretario técnico do Consello da Avogacía. Sergio Aramburu.