Nota de prensa
A Coruña, 2 de abril de 2018. Na mañá de hoxe, día 2 de abril, tivo lugar unha xuntanza entre o Consello da Avogacía Galega e o comité de folga de Xustiza, na sede do Consello na Coruña. O presidente do Consello, Félix Mondelo Santos, acompañado polo decano do Colexio de Avogados da Coruña, e coa delegación dos outros 5 decanos e decanas de Galicia, atendeu durante ao redor de hora e media aos representantes sindicais que conforman o comité.
O comité de folga explicou os motivos e antecedentes das reivindicacións, así como o estado actual da negociación. Indicou que o seguimento da folga na maioría de 7 cidades é maioritario a pesar dos 55 días transcorridos desde o inicio da mobilización. Os representantes dos traballadores da Xustiza indicaron que dita posición de forza non lles impide solicitar a colaboración da Avogacía galega para acadar una pronta resolución do conflito, en beneficio da sociedade.
Ao remate da xuntanza, o presidente do Consello da Avogacía Galega reiterou o seu ofrecemento ás partes para realizar un labor de intermediación, ofrecemento que foi aceptado e agradecido polos representantes sindicais. Neste sentido, o Consello da Avogacía Galega acordou facer as xestións oportunas para intentar desbloquear as negociacións entre ambas partes.
O Consello da Avogacía Galega lamenta profundamente a situación creada, así como a conxelación da negociación, que prexudica principalmente as ducias de miles de litigantes afectados e o funcionamento dun dos máis esenciais servizos do Estado de Dereito, non só aos preto de 2.500 traballadores da xustiza, ademais de a preto de 7.000 avogados e avogadas de toda Galicia, sen contar outros profesionais.
Sobre o Consello da Avogacía Galega
O Consello da Avogacía Galega, creado en 1993, é o órgano superior da administración colexial da avogacía galega, aglutinando a tódolos Colexios de Avogados de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo.
Así, ten por obxecto agrupar e coordinar os distintos colexios integrados, e asumir a súa representación en cuestións de interese común profesional, no ámbito autonómico. Como máximo representante da profesión en Galicia, o Consello vela polo correcto exercicio da profesión e é o máximo interlocutor perante a administración e a sociedade. Entre outras funcións, ocúpase de coordinar a acción dos Colexios de Avogados de Galicia, exercer o control deontolóxico dos seus membros, organizar o servizo de orientación xurídica e a quenda de oficio e procurar a formación continuada dos profesionais.