Category Archive Uncategorized

Convenio co Instituto Galego da Vivenda e o Solo 2026

O Consello da Avogacía Galega asinou un novo convenio de colaboración co IGVS (Instituto Galego de Vivenda e Solo), organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, mediante o cal o CAG presta os seguintes servizos:

  • Asesoramento gratuíto para evitar que persoas en situación de desamparo perdan a súa vivenda habitual ou, no seu caso, poidan acollerse aos programas existentes en materia de acceso á vivenda.
  • Asesoramento gratuíto para posibilitar que as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sexan ocupadas ilegalmente saiban como actuar ante esta situación.

Consultar texto convenio

Asesoramento gratuíto
Como froito dese convenio, póñense a disposición da cidadanía dúas vías:

Guías informativas

O CAG elaborou dúas guías informativas referidas aos trámites de carácter administrativo ou xudicial no ámbito relacionado cos dereitos e obrigas das persoas afectadas por desafiuzamentos ou ocupación ilegal da vivenda.

Desafiuzamento de vivendas. Guía informativa para persoas afectadas

A ocupación ilegal da vivenda. Guía informativa para persoas afectadas

COMUNICADO: O Consello da Avogacía Galega reclama unha pasarela ao RETA xusta e voluntaria, e dignidade para os mutualistas máis veteranos

Galicia. Venres 24 de abril de 2026. O Consello da Avogacía Galega (CAG), que agrupa aos sete colexios da avogacía da comunidade, quere facer público o total apoio ás reivindicacións de todas as persoas mutualistas afectadas. É o momento de que as institucións se fagan eco dun sentir común na nosa profesión. Por iso, ante a actual tramitación lexislativa no Congreso dos Deputados, o Consello quere manifestar:

1) Apoio á Pasarela ao RETA: Instamos a todos os partidos políticos e grupos parlamentarios a que apoien unha Lei que regule unha pasarela ao RETA “xusta e voluntaria” para todas as persoas mutualistas que así o desexen.

2) Dignidade para os sectores máis veteranos: Valoramos positivamente as enmendas transaccionais que propoñen recoñecer cada mes na mutualidade como un mes de alta na Seguridade Social para as persoas maiores de 55 anos. Trátase dunha medida de xustiza básica para quen dedicou toda a súa vida ao exercicio profesional.

3) Garantía de pensións dignas: Non podemos permitir que ninguén, incluídas as persoas que xa están percibindo unha prestación (persoal pasivo), reciba unha contía inferior ao 100% da pensión mínima do sistema público.

O CAG seguirá traballando para que o texto final da Lei elimine barreiras temporais e garanta que ninguén quede atrás nesta transición,independentemente da súa data de alta ou situación administrativa.

Ler comunicado en PDF

Xornada de Responsabilidade Civil e Dereito de Danos

Esta xornada terá lugar o 19 de febreiro de 2026, en horario de 16 a 20 horas, en modalidade exclusivamente en liña.

Está organizada pola Sección de Dereito de Danos e Responsabilidade Civil do Colexio da Avogacía de Vigo, coa colaboración do Consello da Avogacía Galega.


PROGRAMA

  • 16:00 – 18:00: Nova regulación da mobilidade: feitos da circulación e vehículos a motor. Novas funcións do Consorcio de Compensación de Seguros. Os vehículos persoais lixeiros. Relator: José A. Badillo Arias. Delegado Territorial de Madrid no Consorcio de Compensación de Seguros.
  • 18:00 – 20:00: A proba pericial: os novos prazos e escritos de achega e valoración tras a LO 1/2025. Relator: Miguel Guerra Pérez. Director de Sepín Proceso Civil.

Modera: Carlos Jacinto Rial Suárez. Avogado e coordinador da Sección de Formación de Responsabilidade Civil e Danos do ICA Vigo.


INSCRICIÓN

A inscrición ten un custo de 10 euros e realizarase a través de Zoom.

O pagamento solicitarase unha vez enviado o formulario e realizarase a través da mesma páxina de inscrición, mediante a pasarela de pago de PayPal. As persoas que non dispoñan de conta en PayPal poderán efectuar igualmente o pagamento desde a mesma pasarela utilizando unha tarxeta bancaria.

Unha vez aboado o custo da xornada, remitirase a ligazón para a conexión ao enderezo electrónico indicado na inscrición.

COMUNICADO: O Consello da Avogacía Galega rexeita o novo baremo da quenda de oficio por insuficiencia extrema da proposta da Xunta

O Consello da Avogacía Galega anunciou hoxe que non asinará o convenio de baremo da quenda de oficio para 2026, que sustituiría ao convenio asinado no 2021 que remata este mes, ao considerar que a proposta económica da Xunta de Galicia é manifestamente insuficiente e non garante a continuidade digna do servizo público de xustiza gratuíta. A decisión foi manifestada á Dirección Xeral de xustiza, na última reunión celebrada este mesmo mes de novembro.

Ler comunicado completo

Nota informativa sobre a actualización do baremo da quenda de oficio

Onte, 12 de novembro de 2025, tivo lugar unha nova reunión entre representantes do Consello da Avogacía Galega e da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia para tratar a actualización do baremo da quenda de oficio e da asistencia letrada a persoas detidas, tras rematar a vixencia do convenio actual. A reunión concluíu sen acordo debido ás diferenzas entre as partes, polo que non se asinará o novo convenio.

O Consello mantén a súa disposición ao diálogo e á negociación para achegar posicións, sendo imprescindible un incremento substancial no financiamento do servizo.

Uso de cookies

En esta página web utilizamos cookies para recopilar datos sobre hábitos de navegación consecuencia del uso de cookies analíticas de Google y de redes sociales. Para aceptar su uso pulsa “ACEPTAR”. Más información en la Política de Cookies. ACEPTAR

Aviso de cookies